Os altofalantes do espírito do pobo
O 5 de decembro de 1994, unha radio arxentina comezou as súas emisións dende un pequeno estudio situado na localidade cordobesa de Los Zorros. Os inicios desta emisora son curiosos pois a iniciativa da súa creación xurdiu uns meses atrás na escola infantil desta vila, onde un grupo de alumnos presentou unha transmisión por radio, explicando así a importancia que posúen os medios de comunicación nas comunidades sociais.
Posteriormente decidiuse levar a cabo este proxecto, que estribaba na necesidade que tiña a vila de Los Zorros de contar cun medio de comunicación orientado á zona rural. O obxectivo principal desta emisora é, polo tanto, facilitar un servizo de información local a esta comunidade. Un medio a través do que enviar e recibir mensaxes. La municipal, nome oficial desta emisora, parte dunha base social, co propósito de desenvolver as facetas culturais e sociais desta área xeográfica.
Dezasete anos despois, esta emisora segue en activo, amoldándose paseniñamente ós novos tempos. A radio que naceu coma un proxecto escolar, hoxe xa ten presenza na rede, posibilitando a súa escoita a todo aquel que así o desexe, estea no lugar que estea.
O caso de Radio Burela é moito máis recente, pois empezou a emitir hai escasamente un mes, o 3 de marzo de 2011, primeiro a través da FM e máis tarde tamén por Internet . Non obstante, o obxectivo que persegue é o mesmo que o dos amigos arxentinos, pois pretende actuar como servizo para a comunidade local, dando preferencia á información que ten a Burela e á Mariña como eixos centrais.
Na actualidade, obsérvanse poucos contidos propios na programación da emisora, pois esta encádrase dentro da rede de emisoras municipais Radiofusión, que cobre unha alta porcentaxe da súa grella radiofónica. Nun futuro próximo estímase que isto troque nunha programación propia máis ampla. De tódolos xeitos o importante é que, a pesar de que os actuais programas de Radio Burela non son moi numerosos, amosan un forte compromiso coa localidade, ó interesarse pola actualidade burelesa e darlle voz ós seus habitantes.
Posted on 27 Marzo, 2011, in Documentos and tagged Colaboracións, Comunicación Local, Radio. Bookmark the permalink. 1 comentario.
Hai certos puntos, por non dicir todos, do libro de estilo que este post non cumpre, así que sería axeitado modificalo un pouco nos seguintes aspectos:
1. Despois de 15 liñas de texto, aplica-la opción “Ler máis” para non atoparse co “tochazo” na páxina principal do blog.
2. Etiquetar con algún dos termos recollidos no apartado “Organización”, xusto debaixo do cabezallo do blog.
Un saúdo e grazas pola colaboración