A fugacidade da actualidade informativa
Hoxe comecei o día algo máis tarde do habitual e, debido ás présas, non puiden escoitar a radio pola mañá como fago normalmente. Na facultade empecei a consumir medios. O primeiro deles na pantalla da cafetería, na que puiden ver xa que Rubalcaba non expresaría a súa candidatura ata o 24 de maio. Alí xa comecei a comentar isto cunha compañeira para logo, na clase, entrar na rede a través do Ipod. Fixen o meu percorrido habitual de El País e El Mundo e, nada máis abrir o segundo, xa quedei abraiada.
A noticia que abría a portada de El Mundo dixital era a dun home que descuatizara a súa muller colgando as fotos do crime en Internet. Sen entrar en detalles sobre o desagradable do asunto, non tardei en expresar o meu desacordo coa compañeira do lado, e é que, afondando nas seguintes noticias, puiden comprobar unha vez máis como Gadafi, Xapón e mesmo o Sáhara quedaban relegados a unha presenza secundaria ao final da páxina. É curioso como evoluciona a actualidade informativa e como nós nos conformamos con esas informacións parciais nas que nunca se conta a historia ata o final. O conflito no Sáhara e o desastre en Xapón seguen estando presentes pero non polo menos para nós, que xa decidimos facer que caducaran na nosa lista de actualizacións.
Pola tarde unha agradable conversa cun bo amigo para falar de todos estes temas que me molestaran pola mañá. Tamén saíu a relucir o tema do PSOE e a sucesión de Zapatero. Ambos coincidiamos en que a única salvación para as eleccións pode ser Rubalcaba, aínda que Chacón iniciaría unha tendencia histórica en España por ser a primeira candidata á presidencia. Pola mañá unha compañeira dicíame que ela non cría que o país estivera preparado para unha muller presidenta. Eu, pola contra, creo que simplemente Carmen Chacón non ten tirón dabondo.
Redacto o post coa radio de fondo e con estes temas murmurando no meu cuarto. Máis ou menos o de sempre. Costa de Marfil parece ser hoxe a substituta dun Gadafi que aínda ten a cara de dicir que “Constitución si, pero non sen el”.
Riveiro Rodríguez, Lorena. TGP 3Ñ
Posted on 5 Abril, 2011, in Sen clasificar and tagged Consumo de medios, Participación (TGP´s). Bookmark the permalink. 2 Comentarios.
Esa é a cultura que nos envolve e a sociedade na que vivimos. Tanto ten que o do Sáhara e mailo do Xapón continúen a ser focos de enorme transcendencia. A verdade é que o habitual perde interese ata que se asoma algo que racha co ordinario transcorrer dos feitos. De maneira máis ou menos directa, é o que lle interesa á maioría; ou cando menos, son os acordos que establecemos na propia intersubxectividade.
Estou de acordo, pero indo ao tema do meu segundo post da dieta de medios, creo que porque a maioría pida morbo, este non queda xustificado, e menos para nós que, como comunicadores, deberiamos abordar estes temas dende unha perspectiva máis racional.