Corazón xeado
A idea de marchar de Erasmus surxiu de xeito casual, espontáneo. Nunha conversa cun amigo, hai dous anos, el apenas chegado do seu Erasmus en Finlandia, eu aínda recentemente aceptado como estudante de Xornalismo, el aconselloume que, cando tivera oportunidade, escollera a opción de irme de Erasmus ó país nórdico.
As miñas pretensións no país nórdico pasan por descubrir as realidades extrafronteirizas: por unha vez, non serei eu o anfitrión senón o hóspede, e terei que entregarme para non rezagarme na corrente integral. Entendo o Erasmus como unha oportunidade única de atopar a confluencia de culturas, ideas, tendencias… que circulan libremente polo continente.
A min, como destino (meramente fortuito) tocoume Jyväskylä, localidade situada practicamente no centro do país e con preto de 130.000 habitantes. O seu particular alcume é “A Atenas de Finlandia” debido á enorme fertilidade cultural e artística que alí se atopa, coma unha macroconvención de tódolos movementos do país.
Jyväskylä no mapa
En canto á actividade deportiva do lugar, a cidade é coñecida por ser unha das sés do famoso Rally dos Mil Lagos, e precisamente é o punto de partida desta competición. Así mesmo, o parkour, práctica que parece gañara adeptos en España, é moi frecuente alí, de modo que xa me vexo esquivando chimpancés rebotando nos graffiteados muros.
No tocante á materia académica, a Universidade da Comunicación será o meu destino. Situada no campus de Humanidades, esta incorpora materias moi semellantes ás que impartiredes vós o ano que vén, só que dende a perspectiva finlandesa. Así, terei a oportunidade, por exemplo, de coñecer a historia da prensa no país, ou de estudar os seus sistemas de producción.
Estou atopando severas dificultades para realizar a matrícula porque moitos dos programas de estudos están en finlandés, un idioma que, como comprenderes, domino á perfección (irónico chisco). De modo que avanzo con lentitude, pero tranquilízame saber que teño de prazo ata o 1 de xuño para entregalo.
Confío en que o recente trunfo da Ultradereita Finlandesa non faga que me boten do país por ser estranxeiro. Tolerancia para os estudante, s’il vous plait!
Luengo Miguel del Corral, Rubén
Grupo TGP 2M, Grupo TGA 2b3
Posted on 23 Abril, 2011, in Documentos and tagged Mobilidade. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0