Un desaloxo, outra “(pre)okupación”

Manifestacións culturais espontáneas e gratuitas, entrada libre para as achegas de calquera cidadán e, durante máis de tres anos, fogar da cultura colectiva a salvo do efecto castrante do poder. Parecía un soño demasiado idílico para que seguira sendo realidade por máis tempo, quizais por iso a orde de desaloxo da Casa das Atochas non pillou aos coruñeses por sorpresa. Porén, a labor de rehabilitación e dinamización cultural que o colectivo asambleario Cultura Preokupa desenvolveu no lugar, non pasou inadvertido ante os cidadáns, que se mobilizaron masivamente o pasado 16 de abril para opoñerse a tamaña inxustiza. Ninguén estaba disposto a que desaloxaran os soños que tomaran vida entre as paredes da que rematou por convertirse na casa de todos os coruñeses. E, coma non podía ser doutro xeito, Cuac Fm fíxose eco das protestas e abriu os seus micrófonos para que os membros da asamblea puideran ler o manifesto, que podedes escoitar aquí,  que os medios de comunicación comerciais non quixeran facer público. Unha boa mostra do tipo de servizo que a emisora presta á comunidade coruñesa.

Algúns medios alternativos, coma Galicia Confidencial, recolleron as impactantes protestas das que vos deixo as imaxes que falan por si mesmas

O resultado foi que os medios de comunicación tradicionais limitáronse a recoller os escasos desperfectos que ocasionou un grupo de vándalos que aproveitou as protestas para delinquir e as queixas do Partido Popular denunciado a pasividade da policía. Un exemplo máis de cómo distorsionan a realidade os medios e de cómo iniciativas tan necesarias coma a da Casa das Atochas rematan afogadas polo poder. Os asamblearios pensan seguir loitando, baixo o berro “un desaloxo, outra okupación“, claro que, vendo que o único colectivo que presta atención ás necesidades culturais dos coruñeses é Cultura Preokupa, despois deste desaloxo, o que semella vir non é senón unha fonda preokupación.

Nerea Pallares Vilar, CL4X

Posted on 1 Maio, 2011, in Documentos and tagged , , . Bookmark the permalink. 4 Comentarios.

  1. Cristina Corral

    Por cuestións que non veñen ao caso teño moito interese neste tema, e comparto en certa medida o que se di aqui sobre o mesmo. De todos os xeitos, quería destacar un detalle : creo que os desperfectos dos que se fala no post non poden considerarse obra dun “grupo de vándalos que aproveitou as protestas para delinquir”. Eu calificaría o acontecido de “acción directa”, dirixida contra obxectivos concretos cun papel concreto no acontecido, e por motivos e con metas concretas. É dicir, cunha xustificación dentro do marco no que se dan. Evidentemente, isto non ten por que compartirse, e estes métodos, como todo o demais, poden ser debatidos, criticados e mesmo rexeitados. Pero se non queremos caer en manipulacións derivadas dos nosos propios xuízos de valor, e distorsionar asi a realidade, é preciso ter en conta que non se trata de “delincuentes comúns” ou “vándalos”, senón que son grupos de persoas que acreditan na acción directa como método para acadar certos fins ou, como mínimo, como método de protesta, parézanos máis acertado ou menos. Deixo esta ligazón (http://abordaxerevista.blogspot.com/search/label/acci%C3%B3n%20directa) con algunhas novas sobre acción directa. Esta revista tamén se fixo eco das detencións derivadas dos disturbios da manifestación contra o desaloxo das Atochas: http://abordaxerevista.blogspot.com/2011/04/detidas-duas-persoas-na-coruna-pola-sua.html
    Un saúdo!

  2. Nerea Pallares Vilar

    Non creo que sexan delincuentes, no sentido máis duro do termo, mentres os resultados desas “accións directas” non pasen dalgúns desperfectos. Pero o que teño claro é que cando a xente sae á rúa, pacificamente, para ser escoitada ante unha inxustiza, estas accións, lonxe de axudar a cambiar a situación – que se supón que é o que pretenden – menoscaban a credibilidade da protesta. Proba disto é que ao día seguinte, os medios, en lugar de reflectir a gran afluencia de manifestantes, só se fan eco dos danos ocasionados. Resultado: se o que querían era chamar a atención, obviamente conseguírono, pero se o que querían era axudar a que estas protestas foran escoitadas por aqueles que descoñecían o tema, o único que conseguiron é que a meirande parte dos lectores/espectadores xuzgaran que é un tema que non vai con eles por ser obra duns cantos “exaltados” ou “radicais” (nos guste ou non isto é o que subxace no pensamento colectivo). Por iso creo que non son estes os métodos idóneos para cambiar nada. A violencia nunca é desexable en ningunha das súas manifestacións nin en ningún dos seus graos. Se son xustificables estas accións, ¿onde estaría o límite? E da mesma forma que condeno o terrorismo de Estado de USA, por exemplo, (máis evidente ca nunca co tema Bin Laden), tamén me vexo obrigada a lamentar este tipo de actuacións que lonxe de colaborar, perxudican. Maquiavelo non tiña razón: o fin non xustifica os medios.

    • Cristina Corral

      Entendo o teu punto de vista, ainda que non o comparto ao 100% (creo que a violencia non é desexable, pero tristemente é necesaria nalgunhas circunstancias tal e como están as cousas). Cando digo que teñen xustificación non me estou a referir a unha xustificación moral ou ética inamobible, senón que me refiro a que existe un razonamento, uns medios, uns obxectivos e un fin concreto. É dicir, que non se trata de violencia porque si, senón que existe un pensamento detrás que dirixe esas accións e tamén marca os límites, independemente de se son consideradas boas, malas, regulares, nefastas ou perfectas.
      De todos os xeitos, e por experiencia, penso que de non haber altercados a prensa non se faría apenas eco do acontecido (como moito unha breve reseña), xa que os medios se moven polo que se moven nestes casos: o morbo e a criminalización de todo aquelo que non entre nos esquemas do sistema socioeconómico e cultural no que as empresas informativas se insiren. A xustiza, a lexitimidade, o gran labor que se realiza desde centros sociais (okupados ou non), a cantidade de persoas que defendan un proxecto común e necesario, etc, non interesan á prensa, así están as cousas. E tendo en conta que os medios de masas son hoxe en día a principal fonte de información da cidadanía… a culpa desa visión distorsionada de “radicais” (no sentido pexorativo da palabra, que diría a señora Diez) que recibe a xente e que, como dis, subxace no pensamento colectivo, non sería culpa do discurso dos medios máis que das accións concretas destas persoas? Non serían “os exaltados” produto dunha información descontextualizada, sesgada e, en definitva, incompleta? Con isto non quero defender nada , eu tamén creo que estas accións, de xeito illado, non funcionan como revulsivo, pero creo que o problema desta percepción reside nas mensaxes profundamente manipuladas que se reciben máis que nas accións en si, das que non temos coñecemento inmediato nin datos suficientes para xulgar de primeira man.
      Para finalizar: a miña intención non era facer unha defensa da acción directa, senon só puntualizar que ás veces o noso propio punto de vista “contamina” dalgún xeito aquelo que queremos expresar, facendo que, inconscientemente, unha realidade complexa sexa expresada dun xeito simplificado (sobre todo cando temos un espazo limitado para escribir) que pode levar a confusión.
      Pero vamos, sexa como sexa, nada disto é novo. Proba diso é outra consigna tan clásica como a de “un desaloxo outra okupación”, e que ademais servíu de título para un tema de Kop: “desaloxos son disturbios”. Non está a altura de Maquiavelo, pero vale como exemplo 😉
      Un saúdo!

      • Nerea Pallares Vilar

        Ben, entendo e comparto moitas cousas que dis. Que de non ter habido altercados os medios comerciais pasarían de todo? Seguro. Que os medios constrúen e orientan o pensamento colectivo e moitas veces son a única fonte de información das masas? Por suposto. Que buscan o morbo das conductas “desviadas” pasando por alto proxectos relevantes? Totalmente, de feito é o motivo polo que escribín o post. Quere isto dicir que temos que resignarnos? Nin de broma.
        Somos conscientes da situación, que é o primeiro paso para facerlle fronte, e hai que indignarse máis ca nunca. A discrepancia vén, logo, na forma de patalexar. Pódese optar por denunciar as inxustizas creando conxuntamente medios alternativos, tal e coma fan Cuac FM ou Galicia Confidencial, por exemplo, por manifestarse pacificamente, por emprender medidas legais, etc. Ou pódese optar por botar man da violencia coa xustificación de que son as ideas as que moven as armas. ¿E que importa que sexan as ideas as que están detrás? ¿Non se xustificaron así Hitler, Mussolini, o IRA, USA e un longo etcétera? Os nazis pensaban que matando aos xudíos estaban facendo unha obra de caridade para a Humanidade porque estaban convencidos de que a súa violencia estaba xustificada nas súas ideas.
        Con isto quero dicir que por moi razoada que estea esta violencia e por moita ideoloxía que haxa por detrás, non deixa de ser violencia. Así que aínda que o fondo que os impulsa sexa magnífico, pérdeos a forma. E se é ese o seu método de loita, parece lóxico que a sociedade os xulgue coma “exaltados”, “vándalos” ou algo semellante. Se cometen altercados paréceme normal que a xente pense iso. Que as veces tachan diso a persoas que non o son e pagan xustos por pecadores? Tamén. Pero ese é outro tema.
        O obxectivo é a resistencia pacífica. Os exemplos sobran. E como non quero continuar coas citas pomposas, deixarei a Gandhi aparte, e quédome co berro de “¡Indignaos!” de Stéphane Hessel para saír do letargo ou, cun caso moito máis local que ademais, por fin, está “de moda”: a “Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia” de Lois Pereiro.
        É importante concienciarse de que hai que loitar, por suposto, pero igual de importante é saber como facelo.

        En fin, valoro moito as túas achegas aínda que está claro que temos posturas distintas. Iso é bo.

        Saúdos!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: