Daily Archives: 22 Maio, 2011

Os símbolos da comunidade

Dende a creación do Concello de Burela, en 1994, houbo un interese xeneralizado pola elaboración de publicacións sobre a localidade. Pouco a pouco foron saíndo á luz algunhas obras fomentadas principalmente pola propia institución municipal, ou por outras asociacións culturais e entidades da zona. Froito desta demanda, o concello conta dende 1997 coa figura do cronista oficial, encargado de deixar constancia do que aconteceu e acontece na actualidade.

Logo dun achegamento a parte deste xornalismo e literatura local, puiden apreciar a prevalencia de dúas temáticas sobre tódalas demais: o mar, e a cultura castrexa. A primeira fai referencia á esencia mariñeira da comunidade, identificando a pesca e a vida marítima como factores indispensables e razóns principais do nacemento e evolución da vila. A cultura castrexa, pola súa parte, vén representada polo Torques de Burela, atopado en 1945 na vila, e que pasou a constituírse como un símbolo da localidade dende aquela.

Na actualidade, os medios de comunicación da vila (e Radio Burela concretamente) seguen tendo en conta estes símbolos á hora de elaborar os seus contidos, pois, dalgún xeito, están fortemente interiorizados tanto polos propios xornalistas, coma polos habitantes da comunidade.

Carla Fraga García, CL4X