Daily Archives: 28 Maio, 2011

Se algo funciona hai que dominalo…

O meu último artigo antes de dar por “rematado” o curso quere servir como breve comparativa entre as miñas conclusións e as amosadas por algún dos meus compañeiros.

Como xa expresaba no artigo Unha cuestión de “necesidades”, cando unha comunidade ten unha serie de necesidades de orde prioritario e básico e carece dalgunha ferramenta social que lle axude a combatilas, os membros da comunidade observan nos medios unha posibilidade de resposta das mesmas moi interesante.

Creados ao abeiro da comunidade, os medios comunitarios son unha pequena raíz que intenta expresar a opinión, problemas, inxustizas e demais que sufren os membros da comunidade e axudarlles mediante as ondas a invertilas. Moitas veces, o grao de implicación e acción destes medios chega ata límites insospeitados. O groso da comunidade os entende como parte da mesma e os utilizan como mecanismo de axuda, non de promoción nin política.

Pero o problema chega cando a man externa entra nestes medios para fins particulares. Resulta curioso que nas exposicións grupais, se tratara Radio Amazonas, que foi explicada como un medio impulsado dende a acción persoal dun gran empresario que, a través de aportacións económicas, aprópiase da causa da comunidade (como a loita indíxena contra o Goberno e as multinacionais por motivos de recursos e territorios) e a explota ata tal punto de ter o control e manexo dos membros da comunidade.

Esta dinámica é moi perigosa, xa que non atende a un interese común, e os medios comunitarios transfórmanse en medios comunitarios encubertos.

No meu caso, sorpréndeme a capacidade coa que a comunidade de Jaén, en Perú, “rexeitou” nun primeiro momento á Radio Marañón, por seren mera correa transmisora dos intereses políticos dunha entidade, sendo neste caso a Igrexa. Esa “radio de curas” non ofrecía nin a realidade da comunidade nin unha solución ou apoio aos problemas da mesma e non funcionou. Foi só cando dende unha restruturación de contidos esa radio tornouse en “útil” para a comunidade.

Luaces Eiras, Daniel CLx4

 

 

 

 

 

Unha cuestión de “necesidades”

Despois das pertinentes exposicións e traballos grupais, gustaríame rematar a asignatura deixando un par de posts sobre as miñas conclusións persoais.

Neste primeiro quero falar de necesidades. Toda comunidade ten as súas determinadas necesidades que os membros da mesma comprenden e tratan de afrontar. Moitas veces, o problema radica en que non hai ningunha ferramenta social (xa veña dende o Estado ou non), que axude aos membros da comunidade a palialas. É aquí onde entra o valor dos medios comunitarios.

As comunidades latinoamericanas como pode ser a de Jaén ou Belo Horizonte, presentan unhas necesidades básicas como un alto grao de analfabetismo, problemas de salubridade, falta de coñecemento sobre a utilización de ferramentas básicas de subsistencia…Ante estes problemas, os membros da comunidade latinoamericana, únense en pos dun final común: o avance ou cambio social. Pero para poder acadalo, un medio necesita da comunidade e, sobre todo, a comunidade necesita do medio.

Deste modo, a acción do medio tórnase en fundamental para o avance social. O medio é a voz da comunidade, ensina á comunidade e ofrécese a ela mediante os seus membros. O sistema é o seguinte: eu son médico, axúdote; ti es veterinario, axúdasme e etcétera. Tamén aquí entra en xogo a figura do “reporteiro popular”, tan presente na comunicación e desenvolvemento de América Latina.

Cando toda a comunidade ten un fin común, a acción do medio duplícase e loita polo ben dos membros da mesma. O ton contestario destes medios non é máis que unha resposta ante a “desigualdade social” que impide o avance. Créase conciencia dende o pobo e cara o pobo, e o grao de implicación multiplícase xa que esa conciencia “obriga” a actuar co medio e para o medio.

Por outra banda, nos medios europeos as necesidades básicas da comunidade están cubertas. A participación e implicación dos membros da comunidade tradúcese nunha forma vertical, dende o medio ata a comunidade. O medio crea un espazo intercomunicativo e cultural que os membros da comunidade entenden como plataforma sine qua non poder dárse a coñecer cara o resto da comunidade.

O medio quere fortalecer o vínculo da comunidade, e ofrecer unha alternativa (non confundir como a alternativa propia dos medios alternativos) a esa sociedade apática e acomodada no benestar do desenvolvemento. Podemos dicir que, neste caso, o medio actúa e a comunidade responde; non que a comunidade fala e o medio responde.

Luaces Eiras, Daniel CLx4