Daily Archives: 25 Febreiro, 2012

Someone like her

Para o meu primeiro post gustaríame reflexionar sobre o DVD de Adele Live at the Royal Albert Hall. A meirande parte dos temas interpretados neste concerto pertencen ao seu disco, 21, elaborado a partir das súas experiencias persoais e da súa última relación sentimental e que xa é un dos máis vendidos en todo o mundo no último ano.
As letras das cancións da voz de Tonttenham, cargadas de emotividade, forman parte da banda sonora das rupturas do século XXI. A utilización das letras das cancións de Adele para expresar os seus sentimentos pode considerarse como un exemplo da construción de cada un de nós e da comprensión que facemos do mundo a partir das reflexión e vivencias doutras persoas que chegan a nós a través da música.
Mais neste DVD non observamos só a conexión que Adele establece cos seus seguidores a través das súas cancións senón tamén como é capaz de comunicarse con estas persoas cando se atopa diante delas. Sentada nunha cadeira alta no medio do escenario, cunha taza de mel quente na man, mostrase simpática. Fálalle ao público directamente, como se estivera no salón da súa casa. Aparentemente, a comunicación que ten coa audiencia parece unidireccional mais a medida que avanza o concerto e relata algunhas das súas experiencias máis persoais, a cantante parece estar cada vez máis cómoda e preto do seu público ata o climax no que unha Adele emocionada canta o seu gran éxito “Someone like you” para os seus seguidores.
Hai alguén que poida dicir que isto non é comunicación?

María Bragado Paz
GBCP