Praga cos cinco sentidos: a primeira vista

Hai quen chama a Praga “a cidade das cen torres”, o cal nos dá unha idea meridiana sobre cara a onde dirixi-la nosa vista nada máis pisa-la cidade: cara a arriba. Perto de Náměstí Republiký (a praza da República) témo-la vella Torre da Pólvora, cuxo nome se debe probablemente a unha cor negra tan intensa que parece que a torre confundiu a base de maquillaxe de cada mañá coas cinzas da cheminea. O visitante que erga o ollar poderá tamén observa-la fermosa torre da praza da Paz, que se interpón no camiño do ollo cara ó río. Non obstante, o turista despistado crerá que tomou un par de chupitos de Becherovka de mais cando de repente vexa o curuto da torre Eiffel a erguerse alí, no medio de Praga. Pero non é borracheira ningunha: é a torre de Petřín, cuxo andamio de metal se ergue no outeiro do mesmo nome.

París? Non, Praga

Depois dunha boa camiñada coa vista perdida cara o ceo, o que provocou que nos tropezasemos cun par de checos desapacibles, decatámonos de que xa estamos na Staroměstké náměstí, a praza da Cidade Vella. Que é o que vemos alí? De momento, unha manchea de turistas embobados mirando a parede dunha (outra??!) torre, e un grupo de homes anuncio reclutando clientes prós bares, tours guiados ou cabarets que lles dan de comer. Cedo nos atoparemos con Jan Hus, ou polo menos coa súa estatua, pois el morreu na fogueira hai case 600 anos. Este home tentou ser un reformador da doutrina católica naquela época na que dabas unha patada no chan e saían tres reformadores. Porén, as súas ensinanzas non saíron máis aló das fronteiras checas, onde os seus seguidores promoveron un par de guerras relixiosas, que eran o complemento indispensable de todo bo reformador. Pero voltando ó presente e xirando algo a cabeza, veremo-la barroca catedral de Sv. Mikuláš e despois a gótica catedral do Týn, xuntas pero non revoltas na praza. O curioso sobre esta última catedral é que… ten a fachada principal tapada por un grupo de casas! Non son ben, estes checos.

 

Indo ó través desa horda turística que segue pampa fitando á torre (se alguén me le e sabe por que miran esa maldita torre, prométolle unha cervexa), chegamos ó río. A vista é, simplemente, abrumadora. O castelo de Praga, o castelo medieval máis grande do mundo, érguese alí. En tanto que palacio real, durante séculos foi escenario de milleiros de liortas políticas que se adoitaban solucionar ó modo tradicional checo: tirando a un rei pola fiestra e poñendo un novo. De entre a súa longa e turbulenta historia podemos destacar que en 1941 comezou a habitalo un redecorador moi en boga naquela época, Reinhard Heydrich, que decidiu colocar no curuto do castelo unha bandeira das SS a carón dunha nazi, que xa levaba 3 anos bailando felizmente alí. Sen dúbida, o estilista Heydrich mellorou o castelo, e como premio os checos matárono a tiros, pero iso xa é outra historia. Hoxendía habítao Vaclav Klaus, presidente da República e ladrón de plumas estilográficas a tempo parcial. E non é broma.

Abrumados por tanta beleza e polos secretos que esconden todas esas pedras, decidimos buscar un reducto de tranquilidade entre os santos (de novo, de pedra) que poboan o Karlův most, a mundialmente famosa ponte de Carlos. Mirando cara o sur, intentando descubrir as siluetas de Fred Astaire e Ginger Roberts nas sinuosas formas da Tančící dům, a casa danzante deseñada por Frank Gehry, acaba a nosa viaxe por hoxe. Queda moito por ver, pero os nosos ollos tamén precisan dun merecido descanso, que poderán atopar coméndose coa mirada ás seductoras checas (ou garridos checos, segundo gustos) que poboan os pubs da cidade a estas horas do solpor. E antes de marcharnos da ponte de Carlos, polo que poida pasar, lle bicamo-los pés a san Xoán Nepomuceno, patrón dos estudantes.

Na schledanou!

Jiři Chleba

Posted on 15 Marzo, 2012, in Sen clasificar and tagged , , . Bookmark the permalink. 1 comentario.

  1. Olalla Liñares

    Non sei se os checos máis que garridos serán altivos ó ter ós turistas todo o día mirando para arriba, pero o que está claro é que un idioma moi bonito non teñen. E logo desta impertinencia, direi que non apuntaches nada mal á hora de escoller destino. Polo que descubrín grazas ós teus hipervínculos wikipedianos, Praga é unha cidade emblemática pero tamén histórica. Non sei que tal se che dará poñer en práctica por aí a comunicación interpersoal -máis que ben, seguro-, pero o entorno telo ó teu favor, que xa é un elemento importante. A ver as aventuras que nos chegan froito das vosas experiencias Erasmus, que, tendo en conta que é o que moitos dos que participan neste blog elixiron para o ano, non vén anda mal. Na schledanou!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: