O fomento da emigración como política de emprego
Os vieiros cara a unha intensificación da globalización económica, paradoxalmente, tamén se constrúen desde o local. A crise está perfilando un novo modelo migratorio que exemplifica como a visión do desenvolvemento como simple participación no mercado competitivo mundial chegou até a xestión dos gobernos municipais.
Os concellos de O Rosal e Tui veñen de poñer en marcha “proxectos de captación de traballadores galegos”, especialmente mozos, para “facilitar a súa incorporación” ao mercado laboral alemá a través de diferentes acordos coas cidades de Wunsiedel e Versmold nos que se ofrecen condicións de recepción moi atractivas para os interesados (axuda na busca de aloxamento, subvencións para o uso do transporte público, ensinanza financiada do idioma alemán, programas de integración social e cultural…).
Unha migración dirixida que, como se dunha moderna repoboación colonial se tratara, recruta man de obra para satisfacer as necesidades produtivas de multinacionais como Lidl e empresas locais con déficit de profesionais cualificados. En lugar de estimular as capacidades e recursos endóxenos dos territorios sobre os que se ten competencia, parécese asumir que a mellor política de emprego é a do fomento da emigración, a exportación e a mobilidade da forza de traballo que interesa ao sistema. O único cosmopolitismo que non require de visados nin fronteiras. A “cara amable” duns gobernos municipais convertidos en simples xestores burocráticos, incapaces de artellar medidas de reactivación económica que eviten ter que coller a maleta e marchar.
Alonso Rodríguez, CL4X
Posted on 20 Marzo, 2012, in Documentos and tagged Comunicación Local, Curso 2011-2012. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0