A Arribada: a cidade como parque temático
O poder atopou na memoria que sustenta toda cultura un campo esencial para se facer ver e notar, para introducirse e venderse. A través da cultura da conmemoración as diferentes administracións atoparon un pretexto para celebrarse socialmente, favorecer a empatía ao redor das súas propostas e promocionar a identidade segundo os seus mitos e intereses. A revitalización historicista das feiras medievais é un dos exemplos máis evidentes.
Pero que pasado se quere lembrar e reconstruír? Quen recorda ou define o recordo colectivo? En Baiona, a conmemoración da suposta chegada da carabela “La Pinta” ao porto da vila coa noticia do descubrimento de América converteuse no referente histórico fundamental da vila mediante a festa da Arribada. Pero a propia etnografía da celebración contradí a súa coartada identitaria: as mesmas empresas organizan os mesmos espectáculos, cos mesmos actores e postos de artesanía, na chegada da Carabela Pinta, na Festa da Istoria de Ribadavia ou na Feira Franca de Betanzos. A escenificación é a mesma. A representación da efeméride tamén. Pouco hai daquel teatro da Antiga Grecia, considerado como o medio de comunicación máis perigoso por abordar tanto o pasado mitolóxico como a información de feitos políticos cotiáns desde unha perspectiva crítica. Aquí a historia só é un produto de masas. Un simulacro dos “tempos gloriosos” do pasado medieval. O espectáculo da revisión da memoria da cidade, masificada e homoxeneizada nun espazo e un tempo finxidos.
Alonso Rodríguez, CL4X
Posted on 27 Marzo, 2012, in Documentos and tagged Comunicación Local, Curso 2011-2012. Bookmark the permalink. 2 Comentarios.
A finalidade das festas e económica basicamnete polo que non seu como te estrañas de que sexa a mesma escenificación para todo. Onde eu vivo pasa igual hai dúas feiras de antigÜedades semellantes , ben podían facer unha para aforrar pero non…
O problema é a asunción de que a finalidade deste tipo de celebracións só pode ser económica, como se fora incompatible cunha construción parella da memoria colectiva ou da recuperación das tradicións.