A festa: o opio do pobo
O concello de Trazo ultima os detalles da sétima festa da xuventude para o vindeiro venres 30 de marzo. É un evento que ten lugar cada ano a comezos da primavera e que pretende xuntar aos mozos de entre 18 e 40 anos empadroados no municipio ao redor dunha mesa de confraternidade pra recordar vellos tempos e procurar un chisco de divertimento.
Detrás deste tipo de festexos, creados ex profeso para salvar o almanaque de lecer de concellos rurais galegos onde escasea a oferta cultural dirixida aos máis novos, non existe ningún tipo de tentativa por reavivar o apagado sentimento de pertenza a unha comunidade. Na maioría dos casos nin sequera chega a existir tal consciencia crítica. Moi ao contrario, a festa da xuventude de Trazo, ao igual cá da mediana idade, a dos maiores e mesmo a recentemente bautizada como Festa do Grelo, ten un sentido moito máis radical, no sentido de raíz, ligado a unha artimaña política moi común entre os gobernos locais: manter contento ao pobo para seren lexitimados no poder.
Por outra parte, despois de pecharlle as portas de calquera tipo de posibilidade formativa ou laboral no seu propio berce natal e obrigalos a todos a convertérense nuns apátridas desleixados e forzados a trocaren a agricultura de subsistencia sen axudas nin rendementos pola vida globalizada da cidade, sería moito pedir que entre os mozos aínda existiran relacións grupais, interese por participar nos asuntos locais e un compromiso comunitario máis ou menos definido. Mal que nos pese, se é que aínda importa algo nas dinámicas da cultura de masas que imperan a día de hoxe, para reforzar o sentimento de comunidade haberá que pensar en algo máis ca na festa.
Ríos Dafonte, CL4X
Posted on 27 Marzo, 2012, in Documentos and tagged Comunicación Local, comunidade, Curso 2011-2012, Festa da xuventude, Trazo. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0