“Cambiar de lingua non é coma cambiar de roupa”

Para conseguir máis información sobre a desgaleguización durante a ditadura franquista fomos falar con Xosé Henrique Monteagudo Romero, doutor en filoloxía galego-portuguesa e profesor de sociolingüística na Universidade de Santiago de Compostela. Antes de nada é preciso entender o contexto da ditadura franquista e o poder que tiña sobre a sociedade. O franquismo foi un réxime movilizador cunha ideoloxía moi forte e unha propaganda brutal. Amais, tratábase dunha ideoloxía españolista e antigalega que se inculcaba na escola, na Igrexa e nos medios de comunicación. A administración estaba controlada polo réxime franquista e se querías ascender socialmente tiñas que falar castelán. Pero o que máis influíu na castelanización foron os medios de comunicación. Coa TV, o franquismo métese nas casas e consigue o que non conseguira a Igrexa: ferir cruelmente ó galego ó impedir que se convertira en lingua de progreso.

Para comezar a estudar a desgaleguización en xeral hai que diferenciar entre dous conceptos: a desgaleguización interxeracional e a intraxeracional. A primeira consiste en deixar de transmitir unha lingua dunha xeración a outra, no século XX isto foi o que máis feriu ó galego. A desgaleguización intraxeracional dáse ó longo da vida das persoas, estas deixan de falar o galego debido a un cambio social moitas veces asociado a un cambio físico. Un exemplo é a migración ás cidades ou a Latinoamérica. Por outra banda, preguntámoslle ó profesor Monteagudo se se podía establecer o binomio campo-cidade á hora de estudar a desgaleguización e el respostounos que si: as cidades son focos de desgaleguización e antes foron focos de castelanización pola xente que viña de fóra. Son as clases altas e o clero os primeiros en asimilar o castelán. Ademais, as cidades tiveron no S.XIX un importante papel no proceso modernizador social e político grazas ó triunfo do liberalismo que viña asociado cun forte patriotismo español. Isto deu lugar a unha resposta galeguista que surxiu nas áreas urbanas e que non chegou a calar nas áreas rurais.

Para Monteagudo unha das feridas máis grandes que se lle fixo ó galego foi o éxodo rural e a emigración. A xente dinámica e en idade reprodutiva marchaba do pobo á cidade quedando no rural a xente máis vella. No caso da emigración ó extranxeiro foi nos países de América Latina onde se produciu unha maior castelanización, na emigración a Europa foi menor. Así, producíase unha desgaleguización intraxeracional: a xente deixaba de falar galego debido ó cambio social e físico. Estas persoas tampouco lle falaban ós seus fillos en galego e foi aquí onde se produciu un corte xeracional que feriu gravemente ó idioma.

Tamén queremos saber se o cambio de lingua responde a unha cuestión práctica ou de vergonza cara a lingua. Monteagudo recoñece que hai un certo autoodio pero confésanos que iso non lle serve para explicar a desgaleguización. A lingua é unha rutina moi interiorizada e forma parte da nosa rutina diaria e da nosa identidade persoal: cambiar de lingua non é coma cambiar de roupa. Así, para cambiar de idioma ten que haber unha motivación, ocasións para facelo e competencia lingüística. Así, diferenciamos dous tipos de motivación: a instrumental e a integradora. Na primeira fálase unha lingua porque é necesario, por exemplo, “necesito saber falar inglés para traballar nesta empresa”. Neste caso non hai variacións na identidade da persoa. A motivación integradora consiste en cambiar de lingua para integrarse nun grupo e aquí si hai modificacións na identidade da persoa.

 Por outra banda, interésanos saber porque  moitas veces relacionamos unhas persoas cunha lingua e outras con outra. Monteagudo explícanos que a lingua é unha conduta de rutina, de hábito: intentas rutinizar para non ter que estar elixindo en todo momento que lingua falar. A esencia da rutina é a economía do esforzo, hai xente que ten excelentes virtudes para o galego pero non o fala porque ten que romper unha rutina e cústalle moito.

 Tamén lle preguntamos se se segue a asociar o galego co campo e a incultura. Monteagudo explícanos que é algo máis sofisticado: non xulgamos só pola lingua senón por esta en relación con outras cousas. Miramos que tipo de galego fala a persoa para relacionala cun grupo social. Así, analizamos tamén a variedade lingüística que fala e o seu acento. Os estereotipos forman parte da economía cognitiva e cando algo non cadra con eles chámanos moito a atención.

Para rematar a entrevista preguntámoslle pola situación actual do galego e o futuro que lle ve. Dinos que é un futuro difícil: o incremento do bilingüismo pode ser bo para o galego pero en boa medida aínda temos unha pauta de bilingüismo substitutivo, é dicir, o bilingüismo como paso de tránsito da desgaleguización á castelanización. Tamén existe o paso do castelán ó galego pero é cada vez menor: dáse máis por unha motivación instrumental que integradora. Dende o punto de vista de Monteagudo ten que haber unha reacción social enérxica.

 Xosé Henrique Monteagudo Romero:

 http://webspersoais.usc.es/persoais/henrique.monteagudo/Curriculum.html

 Cruz Portela, S1C, 2A3

Posted on 9 Abril, 2012, in Documentos and tagged , , , , , , , , , . Bookmark the permalink. 5 Comentarios.

  1. ” Cambiar de lingua non é como cambiar de roupa”, ben certo é. Por moito que me esforce para falar galego antes de que me dea de conta xa estou falando castelán con alguén. No meu caso, por exemplo, teño persoas asociadas ó galego (señoras maiores, xente dun pobo pequeno das Neves onde vou tocar aisuamente…), pero cambiar definitivamente de idioma supón un esforzo moi grande. Pero pódese conseguir, con perseverancia, que eu xa coñecín casos.
    Moi bo post, noraboa.

  2. M.Cruz Negreira Rey

    Os puntos que se destacan da entrevista forman parte dunha realidade que vivimos e experimentamos. Nunca se estudou tanto galego como agora e case todos os cidadáns o comprenden e saben falalo e escribilo con corrección. Porén, non se fala.
    Para min o galego, coma calquera lingua, é unha ferramenta esencial para transmitir elementos dunha idiosincrasia propia. Creo que non é posible facelo con igual exactitude nunha lingua allea.
    Por iso, o feito de que non se fale pode ser síntoma non só dunha desgaleguización a nivel lingüístico, senón tamén cultural.
    Xosé Henrique fala das cidades coma núcleos de desgaleguización idiomática que son herdanza do franquismo. Penso que quizais o verdadeiro perigo, hoxe en día, sexa a uniformización cultural no seo da cidade e a perda dos valores tradicionais galegos, de forma que o cidadán non precise a lingua propia para transmitir eses valores propios, polo simple feito de que non os posúe.
    Opiniou algo máis o profesor respecto deste tema? Por certo, un post moi interesante e proveitoso.

  3. seminariocomunicacion2

    A verdade é que foi unha charla moi proveitosa na que Henrique Monteagudo nos resumiu os problemas actuais que padece o galego e as súas orixes. Respostando a túa pregunta Cruz houbo algo moi interesante que perfilou e é que cada vez hai un maior bilingüismo. Temos que pensar que moitos de nós fomos criados en familias nas que se falan os dous idiomas: típico caso de pais e avós que falan galego entre eles pero que lle falan castelán ós fillos. Inevitablemente moitos destes rapaces acaban falando castelán xa que responden na lingua en que os seus pais lles falan. Pero ademais está o tema da escola. Como ben apuntaba Monteagudo, antes a lingua de pares no patio era o galego pero agora cada vez máis é o castelán. Eu creo que ás veces os rapaces ven o galego coma algo alleo: “esa lingua que falan os meus pais, tíos e avós entre eles”. É certo que estes rapaces van saber desenvolverse en galego pero o seu idioma principal sempre será o castelán salvo, como apuntaba Sara, algúns casos que perseveran e cambian de lingua. Polo tanto non é un bilingüismo exacto senón unha competencia instrumental nunha lingua: sei falar galego e utilízoo cando é necesario.
    Por outra banda, o caso máis grave, é o bilingüismo substitutivo como pase anterior á desgaleguización: galegofalantes que comezan a usar o castelán e acaban falando nesta lingua.
    Tamén falaba Cruz das cidades, eu creo que Monteagudo resume á perfección este tema. primeiro foron puntos de castelanización e logo de desgaleguización. Amais, o franquismo feriu ó galego e impediu que se montara no tren da modernidade no momento en que outros idiomas da península o fixeron. Agora está entrando neste mundo pero atópase co problema de que cada día hai menos galegofalantes.
    Como ben dicía Henrique Monteagudo o bilingüismo é positivo sempre e cando se equiparen as dúas linguas, non se pode tratar unicamente dun bilingüismo instrumental: é dicir, non pode ser falo galego única e exclusivamente porque mo piden no traballo senón que o falo porque quero.

    Cruz Portela, S1C, 2A3

  4. Estou ó 50% dacordo co título do teu post. Evidentemente, cambiar de lingua non é coma cambiar de zapatos, pero moitas veces poñémonos moitas trabas a nós mesmos á hora de ampliar as fronteiras e tratar de buscar un bilingüismo máis ou menos compensado. Somos máis capaces do que nun primeiro momento podemos pensar. Claro que é imprescindible un esforzo e moito convencemento persoal, pero despois de 18 anos coma castelán falante, sen escoitar apenas o galego entre a familia e nada entre os amigos, pensei que chegara o momento de non pecharme portas. Hoxe, non entendería comunicarme con moita xente en castelán, perdería parte do encanto.
    Non sei se é porque veño dun foco moi castelanizador ou non, coincido con Cruz e Soraya cando falan dun primeiro momento galeguizador e un segundo desgaleguizante, pero non só a nivel pasivo. Moita xente que leva estudando e oíndo galego 20 anos é INCAPAZ de falalo medianamente correcto (estamos falando de xente que estuda na universidade), ata diría eu que ten máis destreza co inglés nivel bacharelato. Algo que semella imposible, pero que non é por outra cousa que o prexuízo que trenzou contra el e que agora lle impide desempolvar todos eses anos de estudo. É algo que nunca entenderei por completo.

  5. Estou de acordo contigo Emma, mais cando me refiro a cambiar de lingua é pasar de falar castelán un día a falar o galego outro. Isto poucas veces pasa. Utilízase máis ben un biligüismo que pode ser instrumental, utilizo o galego porque mo piden no traballo, ou ben porque decido falalo con aquelas persoas que me falan en galego. Os casos de persoas castelanfalantes que cambian de lingua radicalmente son moi escasos. Aínda así, cabe dicir que é moi positivo que haxa persoas coma ti, que se interesan por falar e aprender a lingua da súa terra. Ti por exemplo tiveches unha ocasión e unha motivación para falalo: na universidade atopaches xente que fala o galego. Seguramente cos teus amigos e familiares seguiraste relacionando en castelán porque che resulta moi raro cambiar de idioma: é un hábito. Da mesma maneira, resultarache difícil falar castelán comigo xa que é outro hábito que falemos en galego. Establecer relacións idiomáticas é necesario porque non nos podemos permitir pensar en que lingua falamos todo o rato. Ti, por exemplo, non sei se é o caso, dis: falo galego coa xente da universidade e castelán coa miña familia e amigos de Monforte. De seguro que se un día os teus amigos de Monforte che falaran en galego pareceríache raro e costaríache responderlles en galego porque non é usual. Da mesma maneira, non nos falas a nós en castelán porque tampouco é común. O ser humano é un animal de hábitos e algo acomodado.
    Así, tamén hai xente con grandes virtudes para falar o galego pero non o fai porque non é quen de romper a barreira: non está acostumado e resúltalle raro. Oxalá máis persoas se atrevesen.
    E no referente ás persoas galegas ás que lles costa falar galego creo eu que é polo deficitario sistema educativo. Seguro que o saben escribir moito mellor do co falan. Amais, para saber falar unha lingua, valga a redundancia, hai que falala. Se non se fala costa máis. Con práctica, debido ás súas semellanzas ó castelán, pódese falar ben o galego prefectamente. Quizais custe un pouco manter conversas non formais ó principio pero pasado un tempo xa nos sentimos máis cómodos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: