Circus Maximus
Nunha localidade todos o que habiten nun ámbito concreto acaban por coñecerse, dalgún xeito. O público, a comunidade ou a cidade é o centro da rede que forma xunto coa política a economía e a comunicación. A relación establecida entre estes tres territorios esenciais para a comunidade local é relativamente fráxil, pois se basean nunha dependencia recíproca. Precísanse mutuamente, de tal maneira que entre os tres forman unha amálgama delicadamente unida por unha serie de intereses: O político quere que a súa carreira sexa reforzada pola imaxe pública á vez que establece o seu poder cos seus investimentos, o xornalista busca vivir da información que lle facilitan as súas fontes e dos seus inversores, e o empresario busca facilidades amigando con políticos e influíndo os medios de comunicación. Estes tres colectivos, máis unidos de forma persoal ca profesional, xiran en torno do cidadán, do público, do consumidor, sempre en busca do beneficio a costa deste. Porque entre amigos, todo vale.
A profesión xornalística pode interpretarse -dende un punto de vista rebuscado- como ser un mestre de cerimonias que presenta un espectáculo ante a grada. Non é tan importante a propia persoa deste mestre coma o número de circo en sí: prestidixitación política e malabares empresariais. O espectáculo debe ser apasionante e perigoso, polo que o xornalista non debe deixar que os seus artistas circenses caian na redundancia e na ruína, debe buscar a maneira de que políticos e empresarios mostren os seus mellores trucos. Para nada debe deixar que os artistas oculten o seu potencial, de telo, o xornalista debe saca-lo máximo proveito para beneficio do público, pois a comodidade e a desidia faríano caer en desgraza.
Dende tempos de Roma hai que desfacerse da carnaza corrupta diante do pobo, cada vez máis desexoso de descubrir os trucos e as trampas dos nosos magos políticos e os empresarios funambulistas. Imos divertirnos todos.
Pereira Vila, Jorge CLX4
Posted on 10 Abril, 2012, in Documentos and tagged cidadán, Cidade, circo, Comunicación Local, comunidade, Consumo, Curso 2011-2012, economía, empresarios, influenzas, intereses, local, público, Política, profesional, relación, Xornalismo. Bookmark the permalink. 2 Comentarios.
Certamente, imos divertirnos!!! E agora aínda máis, xa que os cidadáns temos a posibilidade de inmiscuirnos nos asuntos que antes só podiamos mirar e aceptar, coma se fosemos ovellas. Aínda é cedo para saber as consecuencias da nova orde comunicativa internáutica, pero por agora o xiro dos acontecementos tornou dun xeito espectacular. Xa non hai tanto poder do empresario, do político nin do xornalista. Agora está todo máis indefinido. Veremos en que acaba todo. Por certo, mira o meu artigo, que che vai gustar.
Unha aperta e falocidades polo texto,
Baruk
Voume ruborizar, amigo de Esquilo.