”Entrevista con Rafael Quintiá. Presidente da Asociación Antropolóxica Galega”.
Achégase o repique final do noso traballo sobre a linguaxe das campás pero antes da despedida consideramos que a entrevista realizada ó señor Quintiá debera formar parte da nosa listaxe de post. Sen dúbida un gran investigador e por outro lado integrante da asociación ”Os Chichisos”, os cales se encargaron de buscar na súa provincia os toques de campá que alí se reproducían anos atrás. Por motivos de espazo (5000 caracteres) a entrevista vai moi cortada, aínda que se vós interesa podémosvosla enviar integra.
P.- Como xurden os Chichisos ?
R.- A nosa idea, dende o proxecto que fixemos no seu día, recuperación do código das campás, dende a Asociación Cultural as XX. Hai un grupo de música tradicional tamén, nos interesa a divulgación dos distintos aspectos do patrimonio musical galego e un deles é o código das campás. A linguaxe das campás é musical, a campá non deixa de ser un instrumento musical é tamén un código de comunicación ancestral que está en perigo de extinción, por perda de campaneiros, por perda do coñecemento dentro da colectividade, xa que a xente non sabe identificar os distintos toques
P.- Existen diferenzas nos toques de campas dependendo da ubicación xeográfica?
R.- Claro, iso depende do santo, da feligresía, da parroquia. É un código para distinguir, cando ti escoitas os toques de morto, sabes si é home ou muller e incluso se podía distinguir si era neno ou non e ata se estaba casado ou solteiro, ou sexa, a elaboración do código é extensísima. O que pasa é que non todos os campaneiros sabían todos os toques e nin en todas as parroquias se chegaban a ese grado de perfección.
Por exemplo, aínda que hai unha serie de toques homologados, por chamarlle de algún xeito, unha serie, unha clasificación de toques, hai matices e variacións que dependendo dunhas parroquias a outras e non che digo de un concello a outro, xa que o concello é algo recente, a división do territorio e máis as parroquias, e incluso entre os campaneiros varía.
P.- Na propia comunidade, existen diferentes …?
R.- Si, si, existen, igual que na fala, hai matices, hai acentos, variación nos dialectos, no das campás tamén.
P.- Podería enumerar un decálogo de toques de campá ?
R.-Na función da campá como reloxo, o primeiro toque do día, ó abrir o día, dábase o toque de alba, cando comezaba a xornada e a xente ía ao campo a traballar, á media mañá, 12, 1, dependendo, tocábase o Ánxelus, entón a xente sabía que era hora de comer, deixaba o traballo no campo, ía para casa e se recollía despois volvía traballar, e pola noite tócase Ánimas, 8, 9, indicaba que había que regresar.
Outros toques … independente da variante de nomes, algúns chámanlle Arrebato outros Alerta, Alarma, a estes toques rápidos que dan un suceso, un incendio, pois, sí existían eses tres toques que marcaban as pautas do día. Alba, Ánxelus e Animas. Despois había toques específicos para distintas épocas do ano: por exemplo en Semana Santa, había un toque específico para Xoves Santo, para sábado, para domingo. De feito entre o xoves e o sábado non se podían tocar as campás. Por exemplo aquí en Compostela hai un bo exemplo dunha matraca destas, por exemplo no xoves santo, faise o toque de xoves santo e a partir de ahí o badalo da campá átase e queda insonorizado ata o sábado e nese período en vez de utilizar campás utilizaban as matracas, carracas xigantes de madeira. Unha especie de loito sonoro, e a partir do sábado se volven a utilizar as campás. Entón temos a campá como código para marcar as horas do día, marcar os diferentes períodos do ano, marcar os acontecementos da vida social, tanto os cotiás como un nacemento, como un bautismo ou un enterro como os acontecementos relixiosos, chamar á misa, saír de procesión nas festas e despois os sucesos de alarma, pode haber. E despois outra connotación moi interesante a nivel antropolóxico e o da campá como elemento protector, funcionaba como un amuleto, un elemento de poder coa capacidade de afastar o mal da aldea ou da parroquia. Este matiz desapareceu fai anos.
P.- Considera que se ha de perder esta milenaria forma de comunicación qe forma parte do noso patrimonio cultural?
R.- A nivel do país, a nivel galego, a xente que lle interesa a cultura tradicional, a conservación de determinadas tradicións, polo menos coñecelas, manter a cadea de transmisión oral , que é a nosa literatura, a literatura oral, a música, o patrimonio … son catro frikis. Somos pouca xente, rara, á maior parte da poboación non lle importa o máis mínimo, é a miña opinión e o que vexo día a día. O respecto polo noso patrimonio e todo isto é mínimo. Si a nivel institucional pero na práctica no. Porque isto basease en que a xente nova o coñeza, o mame, o viva e o aprenda, despois ti podes crer, non crer, mantelo ou non mantelo. Pero rompeuse nunha xeración atrás a cadea de transmisión oral destes coñecementos. Isto téñencho que ensinar.
Castro Silva, S1B
Posted on 23 Abril, 2012, in Sen clasificar and tagged Comunicación tradicional, Curso 2011-2012, Entrevistas. Bookmark the permalink. 4 Comentarios.
Que ben está o tema este! É unha maneira diferente de comunicar que di moito das persoas. Moi bo o traballo e a entrevista.
Hai moitas cousas que levan o camiño do olvido coa desaparición das persoas ancías, unha sin fin de tradicións que botaron centos de anos cos nosos ancentros e as cales nós non lles facemos casos. É unha bágoa que a Galiza-urbana na que nos tocou vivir non faga máis polas súas raíces. Despois todos diremos ¡¡¡ Vivamos coma galegos !!! sen coñecer como vivían os nosos avós.
Parece que non paro de repetirme, pero COMO MOLA O VOSO TS! hahah
Eu que non son capaz de distinguir nin cando chaman a misa.. A recuperación da comunicación tradicional é un elementos fundamentais para o mantemento da nosa cultura, como ben dis Angel. Unha pequena curiosidade: algunha das persoas ás que entrevistachedes ofreceuse a ensinarvos a vos? Onde podemos aprender? 😉
Desgrazadamente para aprender esta e outras moitas cousas da nosa tradición non hai libros nos cales facer consultas, todo queda reducido ó ”boca a boca” e conversas interxerenacionais. O bo que ten é que grazas a estás conversas rematas falando de temas semellantes e por tanto, aprendes máis cousas ó mesmo tempo.