O decreto que pechaba as bibliotecas
O desapego coa información vén marcada pola propia desafección do xornalista cos axentes informativos. Pola friaxe coa que se abordan os temas. Polos estranxeirismos e a falta de fontes humanas. Pero tamén se estila reverter o método: obviar as causas fundamentais de aquilo que nos rodea e falar dos acontecementos en si. De aí que os medios locais sexan os que mellor resisten as sacudidas da crise. Son feitos concretos moi vencellados á nosa realidade. Non son cuestións hipotéticas. Existen e, por tanto, interésannos. E pouco a pouco, estas práctica vanse estendendo ás redaccións de xornais coma o New York Times ou o Washington Post. Un dos xefes de redacción deste último xornal sinalaba a comezos da crise que era preciso un achegamento máis profundo á información local, con “historias máis curtas” que o lector estea disposto a ler.
A cuestión é que non fan falta ideas abstractas que acheguen enunciados universais “perda de dereitos” , “falta de liberdade”ou “ataque á democracia”, pero si explicacións das consecuencias que se desprenden de medidas globais. Ver en que se converten cando os arrincamos da literatura e habitan na realidade coma personaxes de carne e oso. Así, indignámonos cando nos din que un decreto do Goberno central prohibe a contratación de substitutos dos empregados públicos. Pero o verdadeiro enfado chega cando comprendemos que vai ser ese mesmo decreto o que nos deixe sen escola unha semana, o que nos impida tomar prestado da biblioteca un libro que precisabamos ou o que nos reteña na cola de Urxencias cando estamos enfermos. Sobre todo, se iso está pasando diante dos meus ollos. O que non debe esquecer o xornalista local é que non basta só con dicir que se pecha o centro sociocultural da nosa rúa porque non se cobren baixas. Hai que explicar que iso está recollido nun decreto, que esa é unha decisión que se toma entre un amplo abano de alternativas que non teñen porque levar implícitas recortes sociais e cales van ser presumiblemente as repercusións no futuro. A cuestión é se todas esas explicacións poden coller nun xornal que só deixa espazo para as “historias máis curtas”.
Ameixeiras Cundíns, CL4X
Posted on 24 Abril, 2012, in Documentos and tagged Comunicación Local, Curso 2011-2012. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0