“ProT: Toca despedirse… adeus á COPE”

Despois da exposición do traballo ProT na titoría deste xoves é preciso explicar o funcionamento de cadea COPE Santiago a partir de varios termos que o profesor nos amosou na clase. En primeiro lugar dividimos o traballo en dous niveis: o operativo e o discursivo. Dentro do nivel operativo establecemos catro termos: a persoa social, a organización, o territorio e as redes sociais.

No referente á persoa social podemos dicir que a cadea COPE busca un prototipo de xornalista que se adapte á súa liña editorial, máis conservadora, e que a teña en conta á hora de construír a información. Así, esta cadea tamén proxecta un prototipo de oínte máis conservador co das outras emisoras. Se temos en conta ese “poder adquisitivo cultural” do que fala Merton podemos dicir que esta cadea conta con programas moi variados nos que teñen cabida tódalas temáticas (sociedade, política, cultura…) e que van enfocados cara un público moi diverso, dende un poder adquisitivo cultural alto ata baixo. Quizais algúns contidos precisen algo máis de cultura xeral mais a maioría están enfocados para que o máximo número de persoas os poidan comprender.

No senso da organización temos que diferenciar entre a teoría e a práctica. Na teoría trátase dunha organización vertical xa que existe un director da emisora e logo uns redactores. Mais na práctica puidemos observar que a organización é bastante horizontal xa que como ben nos explicou Alberto Varela, traballador de cadea COPE Santiago, os redactores teñen total liberdade para producir e redactar a noticia sempre que non atenten contra a liña editorial. Desta maneira, a confección da axenda temática correspóndelle ó xornalista o que non quita que o director dea ideas mais sempre baseándose nos criterios destes profesionais xa que el non é xornalista.

Ó estudar un medio de comunicación cremos que é mellor utilizar o termo cobertura e non o de territorio. Cadea COPE Santiago cobre tódalas noticias da comarca de Santiago e tamén as de Lalín. Isto é o que lle compete na teoría xa que na práctica a zona de Lalín queda algo descoidada por falta de persoal. No referente á comarca de Santiago Alberto Varela admite que pode haber cousas que lles quedan por cubrir: “é imposible chegar a todo”, mais explica que intentan meter en antena case todo o que lles chega, sobre todo no magazine. Neste senso di que son fundamentais as chamadas da xente xa que os redactores pódense decatar dalgunhas cousas pero non de todas. Así, podemos concluír, tomando como exemplo o caso de Lalín, que o poder tecnolóxico da emisora é superior ós recursos humanos que ten xa que poden chegar ata esta comarca mais non teñen o persoal suficiente para cubrila.

Se analizamos cales son as redes sociais, é dicir, as asociacións e axentes cos que se relaciona a cadea COPE Santiago observamos que son os seguintes. No caso das asociacións manteñen contacto Cáritas, Cruz Vermella, UNICEF, Albergue de Xoán XXIII, Fundación Andrea ou Mans Unidas. Trátase de asociación que comparten, ou polo menos respetan, o seu ideario. Os outros axentes cos que se relacionan son as asociacións de veciños, para as que teñen un programa fixo os martes pola mañá, e as persoas que os chaman para contarlles algún suceso ou algún problema da cidade. Tamén lles preguntamos polos estudantes e explicáronnos que non seguen ningunha estratexia senón que os chaman para falar se ocorre algo que lles afecte como no caso da Normativa de Permanencia. Así, podemos concluír que cadea COPE cobre os intereses da comunidade pero daquela parte que máis lle interesa, que máis se relaciona co seu ideario.

Pasamos agora ó nivel discursivo. Aquí imos tratar dous factores: a comunicación e o desenvolvemento desta. A mensaxe que quere comunicar a COPE é, en palabras do director comercial da emisora, “informar en liberdade”. Pero que é para eles informar en liberdade? Pois debemos atender entón á súa liña editorial, conservadora, e ás palabras que o director comercial engadiu despois desta frase. Hai que ter en conta que era o día da folga xeral e, polo tanto, había varios comercios pechados e piquetes que intentaban pechar os que abrían. Para el, informar en liberdade, era dárlle voz a todos aqueles empresarios que querían abrir as súas tendas e tiveron problemas por mor dos piquetes. Así, con este razoamento, puidemos entender que é informar en liberdade para eles. Evidentemente, aquí entra en xogo o seu ideario.

Para comunicar unha mensaxe ten que haber un desenvolvemento previo. Despois de entrevistar a Alberto Varela puidemos comprobar que non existe unha estratexia de comunicación definida senón que todo funciona un pouco “sobre a marcha”. Moitas veces conseguen información grazas ás chamadas da xente e o que fan os redactores é moverse ata o lugar dos acontecementos para verificar esta información.

Con este post poñemos fin á nosa inmersión en cadea COPE e só lles podemos dar as grazas por recibirnos sempre moi ben e atender ás nosas cuestións. Como futuros xornalistas e como persoas foi unha experiencia moi enriquecedora.

Cruz Portela, Díaz Villaverde, Fernández Fernández, Fernández Lema, 2A3

Posted on 27 Abril, 2012, in Documentos and tagged , , , , , , , , , , , , , , , , . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: