“Chegou o momento de dicir adeus”

Durante todo o cuatrimestre tivemos a sorte de que todos os nosos compañeiros se interesasen polo noso traballo de TS. Nun principio a decisión non foi nada fácil de tomar. Non sabíamos por onde tirar, e os temas que nos viñan á cabeza para levar a cabo un traballo de campo non nos convencían demasiado, incluso cremos que non poderían responder ás cuestións que debían para que fose un traballo ben feito. Despois de moito pensar, consensuar co profesor e entre os propios membros do grupo, a alguén se lle encendeu a bombilla, como se adoita dicir. A todos os membros nos gustou a idea de realizar un traballo coma este, e cando lle comunicamos a nosa decisión ao profesor parecía satisfeito. O tema elixido foi a linguaxe das campás, linguaxe que conforma unha maneira de comunicación tradicional que actualmente está obsoleta.

Os comezos nunca son fáciles, e nesta ocasión non podería ser menos. Estabamos un pouco perdidos pero co paso do tempo logramos encamiñar o proxecto cara ao que hoxe é.

Comezamos por documentarnos e para a nosa decepción non había demasiado de onde poder sacar algo que nos puidera servir. Recorremos decenas de sitios, e todos parecían sorprendidos ao ver que estábamos a facer unha investigación sobre ese tema. Incluso en certos lugares nos dixeron que unha vez rematado o traballo, lle gustaría telo nos seus arquivos. Todo un luxo.

Cada día estábamos máis contentos de escoller este tema, e ante o interese constante dos nosos compañeiros, sobre todo de un deles, cada día afrontábamos con máis ganas a realización do proxecto.

Primeiro paso superado: documentación, aínda que con dificultades, realizada. A partir deste momento as cousas cambiaron e todo se volveu máis fácil, aínda que non sen un grande esforzo.

A documentación levada a cabo viuse enriquecida pola nosa visita á Catedral de Santiago, ao Museo do Peregrino e á biblioteca do Instituto Galego Padre Sarmiento (CSIC). Alí, Isabel, a encargada, facilitounos varios títulos apropiados para completar o noso traballo, que atopamos  na biblioteca do Museo do Pobo Galego. A información que obtivemos foi esencial: diversidade de toques segundo variedades xeográficas, significados, crenzas e demais curiosidades sobre o mundo da campá.

O contacto directo con personalidades relacionadas con dita linguaxe foi outro dos piares do noso traballo: conversacións, entrevistas… Dende os máis humildes párrocos ata expertos na materia, como Rafael Quintía.

As entrevistas cos campaneiros e sacerdotes de parroquias de A Coruña, Lugo e Ourense fixéronnos comprender a importancia que tiveron as campás ao longo da historia: a campá como medio de comunicación social. A relevancia que tiveron na comunidade rural galega nunha época na que non existían redes sociais nin teléfonos móbiles e na que o son da campá era a única forma de compartir a realidade entre os veciños.

As campás soaban nas festas, como símbolo de celebración; tamén soaban como símbolo de morte. Soaban cando había unha emerxencia e cando se achegaba unha tormenta, para afastala. Dividían o día e dividían o ano. Eran o reloxo da comunidade e recordaban aos veciños da asistencia á misa. En definitiva, as campás rexían o día a día da comunidade.

A pesares de que a tecnoloxía colonizase a época actual (a maioría dos campanarios actuais están automatizados e o oficio de campaneiro está a piques de desaparecer) e de que o contexto, as circunstancias e as necesidades cambiasen cos tempos, aínda hai a quen lle interesa a supervivencia da campá. Tal é o caso do antropólogo Rafael Quintía, que xunto coa asociación Os Chichiscos se esforza día a día en recuperar unha linguaxe en perigo de extinción. Del obtivemos unha riquísima información para o noso traballo, non só teórica, senón práctica: fíxonos ver, entender, dende un punto de vista obxectivo a situación real da campá no mundo actual. A xuventude, hipnotizada por uns valores e prexuízos comerciais perdeu o interese por unha tradición, por unha costume que só recordan os vellos e que, se naide se encarga de recuperala, segue o camiño da desaparición.

Outra das actividades  foi a realización dunha galería fotográfica, que foi publicada nun flickr (http://www.flickr.com/photos/78434336@N08/ ), na que demos a coñecer os diferentes tamaños (e por tanto, sons) das campás e tamén as formas de campanarios que hai en Galicia, tan iguais e tan distintos á súa vez.

Ademais da investigación a través de documentos e entrevistas, decidimos culminar o noso traballo cunha pequena reportaxe audiovisual: un vídeo que nós gravamos pola cidade de Santiago de Compostela e arredores e, mediante o cal, tentamos plasmar en escasos minutos o significado desta linguaxe ancestral.

As campás significan cooperación, harmonía e orde social entre os veciños dunha comunidade. Soaban nos días de troula e nos momentos máis complicados e duros. Atribuíanselles poderes máxicos e incluso personalidade, carácter e fusionaban o Máis Alá co mundo real. As campás foron, ao longo da historia o único medio de comunicación, o máis eficaz.

Bouza Veiga, Casal Vázquez, Castro Silva, Dapía Freitas. Grupo S1B

Posted on 28 Abril, 2012, in Sen clasificar and tagged , . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: