ProT: Agareso amosounos un xornalismo útil

Despois de compartir aproximadamente mes e medio de traballo coa Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso), chegamos á conclusión de que están a facer un gran traballo social. Non porque o digan eles, que tampouco presumen diso, senón polo que vimos cos nosos ollos. Agareso é unha organización de tipo social, un grupo de xornalistas unidos por unha dimensión ideolóxica baseada na dimensión de crenzas dos seus integrantes. A súa dimensión tecnolóxica fai o seu éxito, a comunicación vese facilitada polo idioma e outro tipo de ferramentas tecnolóxicas engadidas (non anulan ó idioma, compleméntano) que estenden o seu achegamento a practicamente todo o mundo.

A dimensión económica non é o campo máis sobresaínte dentro desta comunidade, pero mantense grazas á súa forte dimensión social. Mediante a cooperación con outras ONGD’s consegue levar a cabo os distintos proxectos que deseñan. Á súa vez esta dimensión social ven impulsada pola converxencia dentro dunha mesma dimensión ideolóxica e de crenzas; as ONGD’s traballan pola igualdade, neste caso por dar voz aos invisibles. A converxencia de intereses fai que se compartan tanto causa como efecto, ao traballaren en conxunto. A causa de Agareso é acadar un cambio social a través da comunicación, combater as inxustizas existentes na “macrosociedade” na que se integra (a comunidade internacional), e polo que experimentamos estas semanas, o seu efecto sobre elas está a ser positivo. Pero máis que facer desaparecer parcialmente ditas inxustizas e marxinacións, o que fan é darlles as ferramentas ás distintas comunidades coas que traballan para que o consigan elas por si soas.

A dimensión política da asociación pasa por unha estrutura que vista desde fora semella xerarquizada. Hai unha serie de cargos pero, na práctica, a organización ten unha forma máis ben horizontal. Alí todo o mundo ten voz e ademais, esas voces, todas teñen valor independentemente do cargo da persoa. Iso é, polo menos, o que nós percibimos mentres estivemos a traballar con eles. Incluso a nós, que estabamos alí case como de “okupas”, dábannos a oportunidade de facer o que máis nos gustase e mesmo achegar ideas.

Ben é certo que as nosas actividades centrábanse en rexistrar o contido das actividades realizadas no Seminario de Xornalismo Social e Cooperación Internacional que imparten na nosa Facultade todos os martes – por certo, nós tamén aprendiamos co que alí se expoñía – pero aínda así, a persoa que se encarga do seminario, Carmen Novas, tennos animado nalgunha ocasión a participar igual que os alumnos que oficiais do seminario. Tamén tiñamos a sorte de, na hora do café, compartir conversas e impresións cos invitados e invitadas das diferentes organizacións. En todo caso, a integración foi absoluta. Tanto que mesmo recibimos a invitación para acompañalos ó cárcere de A Lama cós demais alumnos, xesto que agradecemos.

Aínda que o espazo no que ten a sede Agareso é Pontevedra, de feito alí teñen o seu estudio de radio, teñen tamén delegados noutros puntos da comunidade, ademais dos membros que están a traballar fóra de Galicia. O territorio onde desenvolve o seu traballo Agareso pódese dicir que se divide en dúas partes. Por unha banda, desenvolven proxectos en Latinoamérica. Por exemplo, nalgunha das sesións do seminario no que estabamos a colaborar, vimos algunhas imaxes das actividades de formación en radio que fixeron no Baixo Lempa, en El Salvador. Pero tamén traballan en Galicia, en proxectos como os que levan a cabo na prisión de A Lama, en Pontevedra, onde están a desenvolver un obradoiro de xornalismo (escrito) e outro de radio. Alí, por certo, puidemos comprobar como inflúen positivamente estas accións sobre os internos que, sobre todo, gañan confianza en si mesmos de cara á súa reinserción na sociedade.

Puidemos comprobar tamén como son as relacións das ONGD’s, entre elas e con outras institucións. Por exemplo, no caso de Agareso (e parece ser que sempre é así, tamén noutros casos) cando van traballar a outro país, sempre o fan con outra ONGD local. Algo moi importante, sobre todo porque as organización de alí son as que coñecen ben as circunstancias da comunidade e o contexto no que se moven. Así mesmo, Agareso e as súas actividades, igual que outras organizacións, dependen en gran medida dos orzamentos que para elas destinen os diferentes organismos públicos.

A verdade é que esta foi unha boa ocasión para ver dende dentro como é a relación dos diferentes colectivos cos medios de comunicación actuais, e como deberían de ser (segundo criterios das propias ONGD’s). A experiencia, polo menos para nós, resultou un éxito.

Por certo, este post redactámolo entre os tres membros do grupo:

  • Deus Rivadulla, Alba
  • España Faqué, José Antonio
  • Leiro Magdalena, David

España Faqué, S2F, 2A4

Posted on 28 Abril, 2012, in Sen clasificar and tagged , . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: