As comunidades e os seus conflitos
A mellora do Corredor do Morrazo, as preferentes de NCB, a área metropolitana de Vigo ou o futuro do histórico complexo de O Salgueirón, entre outros, son algúns dos temas que máis preocupan á maior parte da cidadanía da península de O Morrazo. Coma estes, en cada localidade existen conflitos que atinxen á vida cotiá dos habitantes e que son do seu interese. A boa práctica do xornalista existe na medida en que poida localizar os distintos conflitos existentes, ofrecendo unha boa cobertura dos mesmos.
Este é ocaso do novo parque eólico Pedras Negras, en Domaio (Moaña). Todo comezou cando a multinacional italiana Enel Green Power decidiu investir na construción dun parque eólico que afectaría a montes dos concellos de Vilaboa, Marín e Moaña (a maioría deles incluídos no espazo protexido “Montes do Morrazo”). A importancia deste feito provoca que distintos medios de comunicación se fagan eco da problemática existente en torno á infraestrutura, sobre todo na zona de Domaio, por ser a máis afectada. Así, o Faro de Vigo na súa edición do Morrazo fai un especial seguimento do conflito, publicando información actualizada e de interese.
O xornal atende o conflito dende o inicio do proxecto ata o momento actual, pasando polas accións emprendidas polos colectivos veciñais. A información, elaborada na súa maioría polo xornalista Francisco G. Sas, ofrece unha ampla visión das diversas perspectivas existentes, prestando especial atención á opinión da cidadanía. Deste xeito, recolle as queixas dos veciños cara o proxecto debido ao forte impacto medioambiental que causaría, queixas canalizadas a través de colectivos coma a Plataforma pola Defensa dos Montes do Morrazo ou a Comunidade de Montes en Man Común de Domaio. Un traballo de investigación que require dedicación e atención constantes, pero que axuda aos xornalistas locais a enriquecer o seu traballo e a fuxir da constante rutina.
Rivas Martínez, CL4X
Posted on 2 Maio, 2012, in Documentos and tagged Comunicación Local, Comunidade de Montes en Man Común de Domaio, Curso 2011-2012, Domaio, Enel Green Power, Faro de Vigo, Francisco G. Sas, Morrazo, parque eólico, Pedras Negras, Plataforma pola Defensa dos Montes do Morrazo, xornalista local. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0