Le han regalado un IPad al abuelo
http://biertijd.com/mediaplayer/?itemid=33329
Estes 32 segundos de vídeo son o mellor resumo para ilustrar o desaxuste xeracional ó que levamos asistindo dende hai xa dúas ou tres décadas. Baixo este “gag” agóchase un bo exemplo dos problemas de adaptación nos que os máis maiores, e non tanto, terminan por caer cando a súa capacidade de asimilar novas realidades se ve superada polas ditaduras do progreso. E é que se o avance técnico non vai acompañado dunha evolución social, inevitablemente nos conduce a caer nunha desconexión, nun desaxuste. En moi poucos anos, e a unha velocidade vertixinosa, en Galicia pasamos de usar o arado a presumir de sementadora ultra moderna. Ou aínda diría máis, pasamos directamente a esquecernos do campo.
Agora estamos atrapados nun limbo, nun punto de inflexión: importamos toda a tecnoloxía que podemos pero non sabemos utilizala. Así, ante nós eríxese unha xeración con problemas para adaptarse a todos estes cambios. Unha ciencia e técnica impostas da que non todos saben aproveitarse, e que moitas veces termina derivando en algo lesivo. Sempre recordarei o día que máis confuso vin a un familiar meu: unha mañá na que intentando pedir unha inofensiva cita por teléfono para o médico, terminou agonizando para conseguir convencer a aquela máquina que lle contestaba de que non quería pulsar ningún botón, que o único que desexaba era falar co doctor.
Evidentemente, a solución do noso protagonista non foi nin daniña nin nociva para el -si para o peto do que regalou o aparto- pero os problemas de adaptación para estas xeracións, que contemplaron atónitos coma da radio pasamos á televisión, satélite, Internet, TDT e un longo etcétera aínda por descubrir, seguen aí. Con todo, o que máis me intriga disto non son os problemas de adaptación desta xeración pasada, senón os da nosa, do futuro. Nós, acostumados xa ós cambios vertixinosos desta sociedade, que desesperamos cando un maior non entende ou carece da rapidez suficiente para manexar estas tecnoloxías, repetiremos dentro de 40 este patrón? Sexa así ou non, sempre nos quedará o consuelo dunha literatura bravú que nos recorde que, polo menos, non fomos os primeiros.
Fernández Fernández, S2B, 2A3
Posted on 8 Maio, 2012, in Sen clasificar and tagged Adultos, Comunicación interxeracional, comunicacion interpersonal, Curso 2011-2012, Salto interxeracional. Bookmark the permalink. 8 Comentarios.
Eu penso que non é tan malo os avances que hai agora. E digo isto sobre todo pola referencia que fas á sementadora do campo. Eu que me criei nunha aldea vin como miña avoa botaba dous días botándo as patacas por exemplo e hoxe esta bastante mal. Grazas aos avances da tecnoloxía miña nai xa non pasará por iso.E con respecto a outras tecnolóxias para comunicarse coido que todo é cuestión de tempo para poder adaptarse.
Claro que non, Lara. Co meu post non pretendía botar abaixo tódolos avances que nos permitiron chegar ata onde estamos hoxe nin moito menos. O que si buscaba era comentar a dificultade e lentitude coa que a xente máis maior se adapta a estes cambios, se é que o conseguen. Algo ó que moitas veces se negan por medo ó descoñecido.
As persoas maiores non saben utilizar a tecnoloxía é certo porque a época na que estas nacen xa os pilla na súa vellez e non está tanto para aprender coma as persoas novas. Realmente, esas diferenzas son aínda máis acusadas se pasamos da cidade ao campo. Por exemplo, nas cidades quizais se precisen máis trebellos para comunicarse porque todo é máis anónimo, mentres que nas vilas coñécese todo o mundo e as persoas non lle acaban de ver moitas veces a utilidade a estes aparatos. Eu creo que se deben utilizar cando se precisen, o que teña que vir virá e non vale de nada estar tentando dar cursos de todos os aparellos comunicativos se logo as persoas non lles atopan a necesidade nas súas vidas. Para as persoas maiores é así.
Totalmente dacordo, os maiores que viven na cidade, para ben ou para mal están “obrigados” a deixarse levar un pouco máis polos avances tecnolóxicos. Con todo, sexa no rural ou non, hai avances que son necesarios e que non todo o mundo asume por igual. Cóntoche o caso dunhas cociñas de indución que lle instalaron ás miñas avoas hai uns anos. Mentres unha aprendeu en menos de 10 minutos a pulsar a vitrocerámica, a outra estivo dous meses pasándoo realmente mal porque non lle parecía lóxico e, se non fose porque a convencemos, hoxe seguiría negándose a utilizala.
Eu penso que a xeración actual vai ter moitos menos problemas para adaptarse os cambios futuros que a xeración dos nosos avós. Esta xeración, viviu dende a chegada dese aparato chamado televisión ata a gran revolución de Internet e é normal que custe adaptarse a tantos cambios en tan poucos anos. Sen embargo, a nosa xeración xa esta acostumbrada a que cada día saian novos productos máis modernos ao mercado. Creo que este desaxuste xeneracional será moito menos acusado co pasos dos anos e que as novas xeracións temos unha maior facilidade para adaptarnos ós cambios da que tiñan os nosos avós.
En certo modo estou dacordo contigo, pero se me paro a pensar e miro todo o que avanzamos en só 10 anos, en que cada mes o mellor teléfono do mercado xa queda obsoleto e que en nada Apple ou calquera outra empresa nos sorprenderá cun novo modelo de tablet ou, quen sabe, holograma, xa non me atrevo a pensar que pasará dentro de 50 anos… Seremos capaces de seguir “ó día” -póñoo entre comillas xa que é algo imposible de conseguir ó 100%- coa facilidade coa que nos damos posto hoxe? Nunhas décadas falámolo.
Estou de acordo con Claudia. Eu tamén penso que a xeración actual vai ter moitos menos problemas para adaptarse ós cambios futuros porque, coma quen di, xa nacemos cun ordenador debaixo do brazo. O caso dos nosos avós é moi diferente. Coma ti dis, Emma, pasaron de arar a terra e presumir de malladora nova a atoparse coa TV, os ordenadoras, os móbiles. Eles viviron outros tempos e para eles non é fundamental estar atentos do móbil ou do correo. Un día regalámoslle un móbil sencilliño á miña avoa e o usou moi pouco tempo. Cada vez que o apagaba sen querer chamábame polo teléfono fixo para que llo fora “arranxar”. Agora ben, isto tamén foi así porque os meus avós están ben de saúde e viven os dous xuntos é moi preto da miña casa, case ó lado. Se non fose así supoño que ese móbil seguiría tendo uso. A necesidade é clave neste contexto e eu creo que, por parte das xeracións pasadas, non hai unha necesidade de aprender a usar as novas tecnoloxías. É normal, non as necesitan para o seu día a día.
A necesidade, deches no cravo, é o que moitas veces nos obriga, non só ós máis maiores, a adaptarnos ó que temos. Uns conségueno con menos problemas e outros complícanse máis. Por iso penso que os nosos avós teñen hoxe un gran mérito engadido. O primeiro -e único- correo electrónico que me enviou a miña avoa fíxome moita pero que moita ilusión. E non polo que dicía dentro, senón polo feito de fose quen de entender todo o procedemento ela soa e, sobre todo, que non se pechase en banda. Xa me gustaría verme nas mesmas ós 75.