O que me entra por un oído, sáeme polo outro
Cantas veces lle contaches algo a outra persoa e non te entendeu? Ou te malinterpretou? Ou simplemente non te escoitou?
Lamentablemente, moitas veces somos actores e receptores desta actitude de escoita pasiva. Pode parecer pouco importante, pero é un comportamento que imposibilita a comunicación interpersoal e que pode ocasionarnos dificultades na nosa tarefa como xornalistas.
O contrario é a escoita activa, unha actitude como oíntes que demostre á persoa que fala que estamos a escoitar e entender o que nos conta, de xeito que cada vez nos conte máis.
Para escoitar activamente, precisamos en primeiro lugar adoptar unha disposición sicolóxica de actitude positiva, eliminando todos os nosos prexuízos ou posturas ideolóxicas que limiten a nosa capacidade de recibir e entender o que se nos conta. A partir deste comezo a clave do éxito radica na nosa capacidade de adaptarnos ao noso interlocutor: á súa forma de expresarse, á súa linguaxe corporal, ao seu ritmo, ás súas fórmulas de interactuación… Crearemos un clima comunicativo onde a empatía nos permita saír do noso propio mundo para introducirnos no do noso interlocutor.
Poderemos así non só comprender o que nos di de xeito literal, senón o que subsiste baixo as palabras. Os seus sentimentos e ideas, os seus problemas e os seus desexos. Información fundamental que non podemos deixar escapar nin na vida persoal nin na profesional. Porque as oportunidades esfúmanse tan velozmente como as verbas no ar.
*Máis consellos:
http://www.escuchaactiva.com/articulo_secretos_escucha.htm
Negreira Rey, S2C 3A2
Posted on 8 Maio, 2012, in Sen clasificar and tagged Comunicación Interpersoal, Curso 2011-2012. Bookmark the permalink. 4 Comentarios.
É complicado isto de escoitar. Moitas veces, como indicas, estamos prexuzgados a escoitar determinadas cousas por factores externos. Ás veces unha acción moi recomendable sería sentarse nun banco e pechar os ollos, abrir as orellas e quedarte coa mensaxe. Sen saber quen tes enfrente. Levaríamonos sorpresas. Asegúrocho.
Pois non o dubido. No post pretendía evidenciar a falta de empatía e disposición de escoita que moitas veces nos impide comprender o que nos di o outro e xerar así comunicación. Pero a verdade é que a idea que expós é moi interesante.
Eu tamén penso que os factores externos, a apariencia do Outro, condiciona sempre a nosa interpretación sobre o que escoitamos. O normal é interpretar esta influencia de forma negativa, porque limita a nosa escoita, pero en moitas ocasións tamén é a clave para que a comunicación teña éxito. Pechar os ollos cando escoitamos á outra persoa pode axudarnos a liberarnos dos prexuízos, pero impídenos “escoitar” a súa linguaxe corporal e xestual, algo esencial se buscamos a empatía. Gracias por comentar!
Boa reflexión. O da escoita activa é necesario en toda comunicación interpersoal e isto ten moito que ver co xornalismo como ti ben apuntas. Por exemplo, nunha entrevista debemos adoptar unha escoita activa porque en caso contrario, esta conversa non funcionaría e podemos chegar a cometer certas “meteduras de pata” tales como volverlle formular ao entrevistado unha pregunta que tiñamos preparada pero que el xa respostou con anterioridade. No momento podemos deixar levarnos polo nerviosismo e non atender ao que nos di o entrevistado pensando que logo xa o escoitaremos nunha gravadora (no caso de estar gravado): de producirse esa situación, non lle sacariamos todo o proveito a unha entrevista.
Exactamente, iso é o que quería transmitir neste post sobre a importancia de adoptar unha escoita activa. Penso que moitas veces estamos demasiado preocupados por cumplir con certas actitudes protocolarias en determinadas situacións, e iso réstanos capacidade empática. Ás veces, é moito mellor optar pola naturalidade e a espontaneidade. Gracias polo teu punto de vista!