Sobre o “primeiro poder”

Na última parada da odisea comunicativa que supón este blog, quixera facer unha reflexión sobre aquilo que nos trae a todos aquí -o xornalismo- e súa forma máis usual de manifestarse: os medios de comunicación. Penso que é algo que nos atinxe a todos se pensamos no noso futuro.

Cáusame moita impotencia o gran paripé no que se sustentan os medios de comunicación actuais. Eses intereses, esa hipocrisía, ese inmobilismo voluntario que enche o mundo de veleno, están tamén nos medios. É unha mágoa que tendo unha misión tan fermosa, tan motivadora, o boten todo a perder por converterse nun instrumento político ou económico. Un informador deber contar a verdade plena, non a pactada. Mentres isto non sexa así, a opinión pública seguirá diariamente entretida con temas superficiais mentres outros problemas de fondo permanecen ocultos.

Penso que aquí, nunha reformulación do que eu considero “primeiro poder” –pois ó fin é o cabo é o que canaliza todos o demais, o que vincula á sociedade co mundo que a rodea–, está a orixe dun cambio de rumbo. A partir dunha información estritamente verdadeira, poden coñecerse os tumores que están a corromper a política, a economía, o sociedade… o planeta. Se non hai esa análise profunda e ese diagnóstico correcto que nos detecte este cancro sistemático, seguiremos vivindo como un enfermo que ignora o defecto do seu corpo, deixando así que a metástase se estenda.

Igual que corrompemos o mundo, corrompemos o xornalismo, e agora damos por feito que non hai outra alternativa, nin para un nin para o outro. Debe ser moi gratificante para un xornalista sentirse verdadeiramente ó servizo da sociedade. Pero para iso temos que aprender primeiro a deixar de estar ó servizo do diñeiro.

Liñares García, GBCP

Posted on 14 Maio, 2012, in Sen clasificar and tagged , , , , , . Bookmark the permalink. 4 Comentarios.

  1. Miriam Varela Fernández

    Precisamente fixen referencia a este tema no meu post da semana pasada con motivo do día da Liberdade de Prensa, convidando a esta mesma reflexión que ti fas. Hai que ser realistas. Hoxe por hoxe, non existe un medio de comunicación libre e independente. O rigor informativo queda relegado a un segundo plano fronte ao espectáculo e ao control que exercen determinados sectores políticos e económicos sobre os medios e, así, sobre os xornalistas. Eu creo que a situación que está a vivir hoxe por hoxe o xornalismo non se debe só á crise económica, senón tamén a unha crise de desprestixio, de desconfianza por parte dos cidadáns ante a mala praxe xornalística. Por iso, reitero como xa dixen en varias ocasións no blog, que nós, como futuros compañeiros da profesión, deberiamos concierciarnos do papel que xogamos para modificar esta situación, cuxo pilar fundamental e o exercicio dun xornalismo de calidade.

  2. Olalla Liñares

    Hoxe en día, á parte da crise xeral que afecta a todos os sectores, o xornalismo sofre unha depresión que se podería denominar como crónica. Non só é unha crise económica, senón tamén de identidade, de raíz. Para ben ou para mal, o xornalismo é unha profesión, e isto implica que estea condicionado pola competencia do mercado do traballo e non pola satisfacción de exercelo. Un medio privado non deixa de ser un negocio que responde a intereses empresarias, e un medio público -polo menos na realidade actual- é máis unha ferramenta de control político que un servizo á cidadanía. Entre toda esta maraña, é difícil crear alternativas, e sobre que estas lle pasen por enriba ós xigantes que seguen encabezando a corrupción do exercicio xornalístico. Desde logo, o xornalismo é algo con moito poder, ó igual que a política, por exemplo. Cos dous acontece algo parecido: cando algo ten tanta forza, pode exercela no bo ou no mal camiño. Actualmente, ámbolos dous escolleron o camiño equivocado, esquecendo a súa misión primordial. Porén, parece que ultimamente a pésima práctica de ambos a grande escala está facendo que a poboación perda cada vez máis a confianza e a credibilidade neles. Semella que os responsables disto non se dan conta de que están poñendo rumbo cara á súa autodestrucción, pois no momento no que actúen á marxe do pobo tanto o xornalismo coma a política perderán o sentido. Cando chegue o momento (se chega) no que por moito que berren o farán cara a un público que lle dá as costas, veranse obrigados a replantexar o significado de ámbalas dúas disciplinas.

  3. hortensia gesteira estévez

    Lin nalgún lado que o xornalismo de verdade é aquel que está aí para desmontar aos outros poderes, para non crer de boas a primeiras o que os políticos pretenden que creamos. A súa función agora é toda a contraria: os medios convertéronse nuns escaparates onde están maniquíns das dstintas correntes políticas. Lonxe de criticar os poderes fácticos, estamos á súa disposición.
    Aínda así, a dobre vertente é que iso debe cambiar desde a base. O colectivo dos xornalistas está cada vez máis concienciado desa perda de credibilidade dos medios, pero se está o diñeiro de por medio é difícil chegar a algo da noite para a mañá. Teñen que cambiar moitas cousas.

  4. O que eu non entendo, é porque se seguen facendo mal as cousas se cando falas con estudantes de xornalismo a todos nos dá noxo toda esa patraña e todos soñamos cunha alternativa. Pero xa houbo moitos estudantes coma nós, e as cousas seguen estando igual. ¿Tanto nos corrompe o feito de ter que gañarnos a vida? Non sei, eu agora teño as cousas moi claras, pero recoñezo que falo desde unha posición cómoda -quizáis inxenua- e que ó mellor cando chegue a hora da verdade teño que “poñerme ó rego”. Non sei, por unha banda cústame moito crer que nun futuro remate someténdome a certas cousas, pero por outra son consciente de que outros moitos que eran coma min remataron tamén caendo para que isto sigua sendo como é. Veremos dentro duns anos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: