IGAXES: PALMADA E… RODANDO!
Chegamos a recoller o material cuns minutos de retraso: dúas cámaras fotográficas Canon 1100D, dous trípodes, un fostex, un equipo de iluminación, unha pértiga e un micrófono de garavata. Boa falta facemos os catro para cargar con todo, mais semella máis lixeiro en vistas ao comezo da gravación do documental que levamos semanas preparando. Xa vai sendo horas de deixar de lado os papeis e os guións aproximados e ir ao gran: ás persoas, ás imaxes, ás voces, ás experiencias… vai sendo hora de comezar a ensaiar a vida.
Son as dez da mañá aproximadamente cando chegamos á sede de Igaxes en Santiago de Compostela. Por sorte, viñemos en coche: Pedro, responsable de comunicación da entidade, tróuxonos dende a facultade até ela. É el tamén o que ten concertadas as entrevistas co coordinador do Programa Mentor (Fran) e co director (Carlos R.) e Presidende (Luís B.) da entidade.
Atopámonos cun edificio grande, que segue a mesma estrutura da vivenda tutelada que se encontra a apenas cinco pasos. A modo de recibimento, obtemos sorrisos, bicos, apretóns de mans e varias bromas. A mañá promete. E o prometido é débeda.
Tras varias probas de cámara, iluminación que escasea e que resulta excesiva, algún que outro mareo que deixou sentada a unha compañeira, tarxetas que gravan con moi boa calidade pero cuxo tempo memorizando é máis ben escaso, fostex dos que nunca escoitaramos falar pero que que quedan coas nosas voces e as dos demais á perfección, unha curta camiñata para gravar exteriores e, sobre todo, moitas risas, concluímos o día con tres grandes entrevistas e unha primeira impresión inmellorable.
Hoxe a nosa mañá remata ás 15:00, mais o tempo pasou tan rápido que a tarde parece estar moi lonxe.
ProT6C
Posted on 1 Marzo, 2013, in Documentos and tagged Pablo Sánchez, Placer Breijo, Prado Álvarez, Quintás López. Bookmark the permalink. 2 Comentarios.
O post está perfectamente redactado, noraboa.Tal vez, por ser o primeiro post do voso ProT, poderíades achegarnos máis detalles sobre o contido dese documental, que é o que buscades filmar, a súa finalidade.
Talvez neste enlace https://comunepersoal.wordpress.com/2013/02/28/ensaiando-a-vida/ ou en calquera das entradas feitas polos meus compañeiros (Mario Prado, Laura Placer e Natalia Pablo) atopes a información que pides 🙂