“Non son suicidios, son asasinatos”

Apenas uns fíos de luz solar asomaban polas espesas nubes do ceo de Santiago cando pasaban as once da mañá, hora á que foramos citados pola plataforma Stop Desahucios Compostela. Ese martes, día 5 de marzo, estaba convocada unha protesta nunha serie de sucursais do Banco Popular, por mor dos casos de desafiuzamento que se relacionan coa entidade bancaria. Establecíamos así o primeiro “roteiro popular” contra esta problemática social pola capital galega.

Unha congregación de alumnos de Xornalismo, membros da plataforma Stop Desahucios, xunto con varios representantes da prensa local e nacional, dividímonos en pequenos grupos, co obxectivo de dirixirse cada un a unha sucursal distinta. O meu grupo, encabezado polo noso contacto coa plataforma, Cristina S. Marchán, dirixiuse ata o Banco Popular da rúa da Senra. Unha sucursal pequena e tranquila, ata que entramos no local toda a masa reivindicativa. A gritos de “Stop Desahucios, ímolos parar” e “Banco Popular, banco estafador” fixémonos notar. Cánticos que non cesaban, berros cada vez máis altos e uns empregados que nin se inmutaban, mais os seus ollos reflectían desconfianza e aflición ante esa situación. A policía irrompeu ás once e cuarto da mañá na sucursal, pero nós mostramos pacificamente o noso descontento, a través dun escrito que un dos prosélitos de Stop Desahucios  Compostela leu en voz alta: “Señores e señoras do Banco Popular, traballadores e traballadoras, esquecede por un momento a voz do voso amo e poñédevos no lugar das persoas que por algunha razón non poden afrontar o pago da súa hipoteca. Pensade que tipo de trato quereriades recibir. Pensade que pode ser a vosa veciña, un familiar, un ser humano. Estamos esixindo xustiza. A xustiza que di que a vivenda é un dereito, e non unha forma de lucrarse para o voso amo. Pola dación en pago”. Profundas verbas que calaron en tódolos presentes; tanto bancarios, coma xornalistas e estudantes de Xornalismo, incluso mesmo na policía. Ás once e media saímos satisfeitos do primeiro punto de protesta, contando co apoio manifesto dun traballador da sucursal. “Sorte, compañeiros” dicía.

_MG_1034

“Non pode ser, non pode ser, a xente sen vivenda e os banqueiros no poder”. Este foi o lema elixido para o traxecto desde rúa da Senra ata a rúa República do Salvador, onde se atopaba a segunda sucursal á que iamos acudir. Nada máis entrar convertémonos no centro de tódalas miradas. Unha traballadora chamou inmediatamente á policía, mentres outra advertía aos membros da prensa e a nós que estaba prohibido gravar e tomar fotografías. Obedecemos con resignación, mais o noso berro fíxose más forte e ao unísono dicíamos: “Aquí está, aquí se ve o banco do Opus Dei”. Un reloxo da sucursal indicaba que se achegaba o mediodía, hora á cal deberíamos dirixirnos á última entidade bancaria. “Hoxe marchamos, xa volveremos”, sentenciamos.

As nubes cubrían completamente o ceo encapotado de Santiago e as nosas ganas de seguir loitando estaban máis vivas que nunca. “Se isto non se amaña, caña, caña, caña. Se isto non se arregla, guerra, guerra, guerra. Se isto non se asume, lume, lume, lume” acompañados de pitos de coches que nos daban o seu apoio, estes berros de protesta foron os protagonistas do noso traxecto ata o derradeiro destino: o Banco Popular da Plaza de Galicia.

_MG_1050

Pouco a pouco foron chegando os demais grupos, xunto cos medios de comunicación e así, namentres uns quedaban fóra sacando fotos, outros clamaban pola xustiza na nosa causa. De feito, algúns membros do movemento estenderon unha pancarta na que se podía ler: “Este banco engana, estafa e bota a xente da súa casa”. Os demais entramos con paso firme e decidido na enorme sucursal. “Sobran ladróns, non faltan cartos”, berraban todos os membros da plataforma. Un dos momentos máis emotivos viviuse cando unha afectada estalou pola presión da situación: “Tantas ilusións como dábades antes ós que mercaban unha casa, e agora que?”. Non paraba de repetir esa consigna. O director do Banco Popular non daba a cara, e o feito de que os dous teléfonos que lle deron aos membros de Stop Desahucios para contactar con el estiveran inactivos non fixo máis que acrecentar o enfado xeral. “Covardes”, “Imos queimar esta sucursal”. Pasadas as doce e cuarto a policía fixo acto de presenza por terceira vez na mañá, impedindo que compañeiros de profesión e da Facultade puideran gravar e sacar máis fotos. Máis pitidos, tanto no interior, coma na rúa, á que se sumaban os dos coches, e máis cánticos foron os ingredientes do último cuarto de hora.

_MG_1053

Ás doce e media da mañá a comitiva abandonou a sucursal bancaria, seguidos pola policía. “A próxima visita será con dinamita. Á próxima reunión traeremos un cañón”, ese foi o derradeiro lema lanzado ao aire antes de  dispersarmos pola rúa compostelá.

Protesta simbólica, pero protesta á fin e ao cabo. Os membros da plataforma mostráronse contentos polo resultado obtido, pese a que sempre hai xente que non está de acordo con accións desta clase. Tal foi o caso dunha señora que se atopaba na derradeira sucursal, alegando que os que rouban o fan porque teñen que facelo para gañarse a vida. Incrible, si, pero certo. Non obstante, rematamos o “roteiro popular” coa sensación de que as nubes disipáranse ao final para dar paso aos raios de sol.

T2A

Posted on 8 Marzo, 2013, in Documentos and tagged , , , . Bookmark the permalink. 2 Comentarios.

  1. Sabela Rodríguez

    A protesta cidadá é unha arma que todos nós deberíamos empregar actualmente. Creo que todas as manifestacións, concentracións, encerros, que teñen feito todas as plataformas contra os desafiuzamentos, ou simplemente os cidadáns son un exemplo do que debe ser a protesta pacífica.
    No referente á charla que recibimos hoxe por parte das dúas representantes de Stop Desahucios, gustaríame destacar algúns puntos que me chamaron especialmente a atención e que deberiamos ter en conta. Por unha parte, sorprendeume o feito de que fosen as mulleres, case exclusivamente, as que se achegaban á plataforma para demandar algo de axuda. É que, como elas dixeron, moitas destas nais de familia son abandonadas polos seus maridos. Creo que esta situación é realmente preocupante e desesperanzadora.
    Por outro lado, tamén me sorprendeu (de novo negativamente) a opinión que teñen da maior parte de medios de comunicación, empregando, para definilos, termos como amarillismo ou descoñecemento. A labor dos medios debe ser sempre de servicio ao pobo, e no caso dos desafiuzamentos probablemente debería haber unha maior implicación, maior afondamento e maior información xornalística.
    Por último, simplemente destacar dúas palabras sacadas da charla que teño subliñadas e que din, ao meu parecer, moito da situación actual: Desobediencia civil.

  1. Pingback: Charla Stop Desahucios | Común (e persoal)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: