Daily Archives: 2 Abril, 2013

Firma invitada: Violeta Núñez (voluntaria)

Neste post a voluntaria Violeta Núñez Martínez cóntanos a súa experiencia co voluntariado mediada polo SEPIU, servizo co que traballa o grupo de ProT T8A. Moitas grazas a Violeta pola amabilidade de teren colaborado co noso blog e a Ángel Vizoso, que foi quen se puxo en contacto con ela.

Sin título-3

Antes mesmo de pisar Santiago e comezar a miña desexada andanza universitaria, tiña xa metido no corpo o gusaniño do voluntariado. Cando máis ou menos me instalei, novata aínda como era da zona vella e as súas rúas, achegueime, algo perdida, a oficina de Voluntariado, situada en Casas Reais. Eu ía un pouco sen destino, pero alí atendéronme estupendamente e pronto tiven claro o meu camiño. No meu caso, a miña decisión estivo relacionada en parte coa carreira que estudo, e que é a miña máxima vocación. Así que así me dirixín eu, inocente e inexperta, á “Escola Permanente de Adultos” do Hospital Psiquiátrico de Conxo. Teño que dicir que nese momento quizais si que me impresionou bastante, pois era o primeiro contacto que tiña cunha institución dese tipo, e a verdade, pode que botase en falta certo acompañamento. Mais o segundo día, esa impresión inicial deu paso á emoción, a ilusión e ás ganas, pois enseguida me sentín unida a aquel grupiño de xente co que me tocou participar. Tiven a sorte de poder aprender moitísimo da psicóloga que levaba a Escola, Chelo, da mesma forma que aprendín algo de todos e cada un dos usuarios que asistían ás súas clases, nas que cada persoa realizaba un traballo axeitado para sí, dependendo do nivel cultural, do deterioro persoal ou da situación actual da súa enfermidade. Pero tamén se facían actividades colectivas, nas que todo o mundo tiña que participar, e que resultaban ser do máis enriquecedoras pois saían á luz os diversos puntos de vista de cada un dos que alí estabamos, e era raro o día no que non rematabamos todos rindo; aquela xente tiña un enxeño envexable.

Outra experiencia moi enriquecedora como voluntaria foi a temporada que estiven en “Down Compostela”, pois a pesar de que foi durante pouco tempo, puiden ver algo moi diferente ó que levaba visto ata ese momento. Nesta ocasión aprendín da man de Bea, a preparadora laboral do centro, que axudaba a varios dos rapaces da asociación ofrecéndolles ferramentas e claves para poder optar e manter un posto de traballo, intentando sempre buscar aqueles empregos que máis se axeitaban ás características de cada un.

Máis teño que dicir que, á quen máis eu lle debo é a “Itínera”, unha asociación de voluntarios en saúde mental… diría eu que tanto a dos usuarios, como a dos propios voluntarios, pois estou segura de que todos os que traballamos aló coincidimos en que é tan beneficiosa para eles como para nós. Nela existe unha gran diversidade de actividades, tantas que é difícil que unha persoa non atope algo que poida ser do seu interese. Concretamente, eu participo no programa de “Apoio ó estudo”, no que se trata de dar reforzo académico a aquelas persoas que están completando os seus estudos secundarios ou de Bacharelato.

Son xa tres anos os que levo na asociación, os tres co mesmo alumno, ó cal lle teño un cariño enorme, pero sobre todo, unha profunda admiración, pois xamais se rende ante os atrancos que vai poñendo a vida, e ten unha fortaleza e un afán de superación que xa quixésemos moitos de nós. Cada pequeno paso que vai dando, que os da, vaia se os da… vaino achegando ó seu soño, e o que para nós podería parecer insignificante, para el supón unha enorme fonte de felicidade, que eu comparto con el por completo, por suposto.

Por iso me gusta ser voluntaria, porque aprendo cada día, porque me fai decatarme do moito que temos que aprender deles, nós que ás veces non sabemos máis que mirarnos ó embigo, que ante o mínimo desaxuste nas nosas vidas nos deixamos caer, e que nos lamentamos por cousas moitas veces irrelevantes… O voluntariado, que nun principio pode parecer un tipo de relación unidireccional na que un da e o outro recibe, implica precisamente todo o contrario. Se eu din e puiden aportar algo a aqueles cos que traballei, teño claro que eles me deron tanto ou máis a min, que é unha experiencia que che fai medrar como persoa e decatarte de que, nin os débiles non son tan débiles, nin os fortes tan fortes. Para min, e non o digo de broma, todos deberiamos ser voluntarios por prescrición facultativa. Sería unha maneira de que a humanidade se volvese máis humana.