Firma invitada: Violeta Núñez (voluntaria)

Neste post a voluntaria Violeta Núñez Martínez cóntanos a súa experiencia co voluntariado mediada polo SEPIU, servizo co que traballa o grupo de ProT T8A. Moitas grazas a Violeta pola amabilidade de teren colaborado co noso blog e a Ángel Vizoso, que foi quen se puxo en contacto con ela.

Sin título-3

Antes mesmo de pisar Santiago e comezar a miña desexada andanza universitaria, tiña xa metido no corpo o gusaniño do voluntariado. Cando máis ou menos me instalei, novata aínda como era da zona vella e as súas rúas, achegueime, algo perdida, a oficina de Voluntariado, situada en Casas Reais. Eu ía un pouco sen destino, pero alí atendéronme estupendamente e pronto tiven claro o meu camiño. No meu caso, a miña decisión estivo relacionada en parte coa carreira que estudo, e que é a miña máxima vocación. Así que así me dirixín eu, inocente e inexperta, á “Escola Permanente de Adultos” do Hospital Psiquiátrico de Conxo. Teño que dicir que nese momento quizais si que me impresionou bastante, pois era o primeiro contacto que tiña cunha institución dese tipo, e a verdade, pode que botase en falta certo acompañamento. Mais o segundo día, esa impresión inicial deu paso á emoción, a ilusión e ás ganas, pois enseguida me sentín unida a aquel grupiño de xente co que me tocou participar. Tiven a sorte de poder aprender moitísimo da psicóloga que levaba a Escola, Chelo, da mesma forma que aprendín algo de todos e cada un dos usuarios que asistían ás súas clases, nas que cada persoa realizaba un traballo axeitado para sí, dependendo do nivel cultural, do deterioro persoal ou da situación actual da súa enfermidade. Pero tamén se facían actividades colectivas, nas que todo o mundo tiña que participar, e que resultaban ser do máis enriquecedoras pois saían á luz os diversos puntos de vista de cada un dos que alí estabamos, e era raro o día no que non rematabamos todos rindo; aquela xente tiña un enxeño envexable.

Outra experiencia moi enriquecedora como voluntaria foi a temporada que estiven en “Down Compostela”, pois a pesar de que foi durante pouco tempo, puiden ver algo moi diferente ó que levaba visto ata ese momento. Nesta ocasión aprendín da man de Bea, a preparadora laboral do centro, que axudaba a varios dos rapaces da asociación ofrecéndolles ferramentas e claves para poder optar e manter un posto de traballo, intentando sempre buscar aqueles empregos que máis se axeitaban ás características de cada un.

Máis teño que dicir que, á quen máis eu lle debo é a “Itínera”, unha asociación de voluntarios en saúde mental… diría eu que tanto a dos usuarios, como a dos propios voluntarios, pois estou segura de que todos os que traballamos aló coincidimos en que é tan beneficiosa para eles como para nós. Nela existe unha gran diversidade de actividades, tantas que é difícil que unha persoa non atope algo que poida ser do seu interese. Concretamente, eu participo no programa de “Apoio ó estudo”, no que se trata de dar reforzo académico a aquelas persoas que están completando os seus estudos secundarios ou de Bacharelato.

Son xa tres anos os que levo na asociación, os tres co mesmo alumno, ó cal lle teño un cariño enorme, pero sobre todo, unha profunda admiración, pois xamais se rende ante os atrancos que vai poñendo a vida, e ten unha fortaleza e un afán de superación que xa quixésemos moitos de nós. Cada pequeno paso que vai dando, que os da, vaia se os da… vaino achegando ó seu soño, e o que para nós podería parecer insignificante, para el supón unha enorme fonte de felicidade, que eu comparto con el por completo, por suposto.

Por iso me gusta ser voluntaria, porque aprendo cada día, porque me fai decatarme do moito que temos que aprender deles, nós que ás veces non sabemos máis que mirarnos ó embigo, que ante o mínimo desaxuste nas nosas vidas nos deixamos caer, e que nos lamentamos por cousas moitas veces irrelevantes… O voluntariado, que nun principio pode parecer un tipo de relación unidireccional na que un da e o outro recibe, implica precisamente todo o contrario. Se eu din e puiden aportar algo a aqueles cos que traballei, teño claro que eles me deron tanto ou máis a min, que é unha experiencia que che fai medrar como persoa e decatarte de que, nin os débiles non son tan débiles, nin os fortes tan fortes. Para min, e non o digo de broma, todos deberiamos ser voluntarios por prescrición facultativa. Sería unha maneira de que a humanidade se volvese máis humana.

Posted on 2 Abril, 2013, in Documentos. Bookmark the permalink. 6 Comentarios.

  1. Olá Violeta,
    Son Marcelo, o profesor desta materia que cursan os alumnos que se puxeron en contacto contigo. No nome deles e no meu proprio, agradezoche moito o relato das túas andanzas por varias organizacións en Santiago coas que colaboramos gracias á participación dos compañeiros. Cando queiras podes pasar pola aula ou pola facultade que, con gosto, amosaremochela.
    Un saúdo e de novo gracias pola túa aportación.
    Marcelo.

  2. Acabo de ler o artigo por segunda vez e espero que sexa unha motivación para todos aqueles que están dubidando se ser voluntarios ou non.
    Unha vez máis moitas gracias polo artigo e pola túa colaboración co grupo de traballo do que formo parte. A ver se entre vós, os voluntarios, e nós co noso plan de comunicación conseguimos que aumente o número de voluntarios dentro da comunidade universitaria.

  3. Remato de ler estas palabras coa sensación de que solo imaxinando as túas andainas xa son unha persoa nova con outro cambio de mentalidade. Aínda que nós mesmos non estamos practicando o voluntariado como tal, xa que se trata soamente dun traballo para unha asignatura, creo que tamén está a ser unha experiencia moi enriquecedora para nós o poder ver cos nosos ollos esas cousas que moitas veces pasamos delas. Hoxe mesmo estivemos coa Asociación Itínera facendo unha actividade tanto con usuarios coma con voluntarios e falando con Cristina Ferreiro, voluntaria soamente dende o mes de novembro, explicábanos como foi algo que lle cambiou a vida. Ela estudou psicoloxía e atopouse sen traballo ao rematar a carreira polo que decidiu ser voluntaria. Hoxe comentábanos que foi o mellor que puido facer; a sensación de utilidade fronte aos demais e á mesma vez o sentimento enriquecedor que che ofrecen os demais. Se algo pode definir ao voluntario é dar, pero sobre todo, recibir.

  4. O do voluntariado é un tema que xa se tratou noutros posts, pero nunca a partir dun caso tan concreto, relatado dunha maneira tan próxima, con tantos detalles e con tanto sentimento. Quédome cunha das súas frases: “á quen máis eu lle debo é a Itínera”. Esa sensación de débeda que ten o voluntario, que sente que gaña máis do que dá.
    Eu nunca fun voluntaria pero creo que podo chegar a entender a Violeta. Ó entrar en contacto coa fame, coa marxinación, coa enfermidade… é coma se puxeses os pés na terra. Chocas coa realidade, coa dureza da vida. Ves o que de verdade significa loitar. Ves o que significa ter un problema serio. É unha experiencia que agardo vivir próximamente.

  5. González Cid, Aris

    Dar, recibir, aprender, la satisfacción personal y la sensación de ser útil para la sociedad son algunas de las razones que tienen aquellas personas que un día deciden hacerse voluntarias. A través de nuestra colaboración con las distintas asociaciones podemos decir que estamos en una posición de toma de contacto con esto del voluntariado y quizás a algunos ya se les metió el gusanillo en el cuerpo. En mi caso personal, gracias a COGAMI y a Equus Zebra, he podido acercarme a dos realidades que antes eran totalmente desconocidas para mí: la de las personas discapacitadas y las del colectivo inmigrante. Espero que mi labor con estas asociaciones les haya servido para algo porque realmente ha sido una experiencia muy enriquecedora para mí. ¡Muchas gracias Violeta por compartir tu experiencia con nosotros, que espero que sirva para despertar las ganas de algunos de hacerse voluntarios!

  6. Es increíble que se puede aprender de una actividad en la que en un primer momento eres tu quien va a ayudar a alguien. Creo que aparte de la necesidad que tienen muchas personas de ser ayudadas, al final descubrimos que nosotros mismos también necesitamos un poco de esa ayuda que sólo esas personas nos pueden aportar.
    Ser voluntaria creo que es uno de esos trabajos que te llenan como persona, que te hacen ver la vida de otra manera e incluso, cambiar tu forma de pensar.
    Espero que al compartir tu experiencia se anime gente a ofrecerse cono voluntaria

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: