As miniaturas de Granell toman forma no Rosalía
Posted by titorizado4b
“Son boísimos. E a xente non se entera. Se fosen de fóra…”. Isto era o que nos comentaba unha señora de certa idade, visibelmente emocionada, recén rematado o concerto; cando algúns de nós baixábamos coas nosas cámaras desde o Proscenio 3 do Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Ás portas deste teatro herculino tan especial chegaramos sobre as 5 da tarde, e por alí nos agardaba Ramom Pinheiro, Chito, historiador musical asociado a aCentralFolque que dirixiu a investigación sobre as miniaturas musicais de Eugenio Granell. Con el estivemos coñecendo os lugares do teatro que nos poderían ser de interese para filmar o concerto, e el mesmo foi quen nos concedeu unha nova entrevista para a videorreportaxe que estamos a editar.
Deixamos o Rosalía de Castro sobre as 10:30 da noite, logo de máis de 5 horas de traballo. Estivemos presentes durante as probas de son do septeto dirixido por Alejandro Vargas, o que nos preparou para o espectacular show que estabamos a punto de presenciar. Tamén vivimos con eles algúns momentos previos á actuación, coñecendo esa outra parte do espectáculo, a que sucede entre bastidores e que lle é descoñecida ao público. Por suposto, asistimos ao concerto e tivemos a sorte de poder movernos polo teatro coas nosas cámaras para gravar as imaxes de cara ao noso traballo.
Pouco podemos dicir que faga xustiza a tan tremenda actuación, ademais de animarvos a que acudades ao próximo concerto da xira, o 25 de maio no Teatro Principal de Pontevedra. Comentáranos Vargas nunha das nosas conversas que unha muller, logo da presentación do proxecto na Cidade da Cultura, se achegara a el e lle dixera: “Non sei se Granell soa así así, pero o que vós tocades encántame”. Non podemos facer máis que subscribir esas palabras.
T4B
Posted on 19 Abril, 2013, in Documentos and tagged Fontán Bestilleiro, Garabato Carbón, Garea Albarrán, Gándara Porteiro. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0