Comunicación: conclusións
No noso traballo, sobre as diferenzas de comunicación e relación entre as persoas dependendo do ambiente no que estean (na aldea ou na cidade, no traballo ou cos amigos…), a actividade que máis nos axudou a ir formando a nosa propia conclusión foron sen dúbida as entrevistas. Neste post expoñeremos de xeito resumido algunhas das conclusións sobre as diferenzas entre a cidade e as aldeas. Realmente, son diferenzas obvias, pero que cómpre analizar.
Como comentaba uns dos nosos entrevistados, David, “son simplemente dous tipos distintos de protocolo: o da vila é máis achegado e o da cidade é máis ou menos formal”. Por todas as persoas coas que temos falado, ratificamos o feito de que a relación que hai no medio rural entre a xente é unha relación moito máis próxima, influíndo nisto o feito de que as persoas do rural coñécense moito máis entre elas que as do urbano. Na cidade as identidades son moito máis anónimas, non existe aquilo de coñecer a todos polos alcumes da familia, por exemplo. Así, as relacións na cidade vólvense, polo xeral, máis distantes, con máis formalismos. Outro detalle no que se reflicte este feito é o xeito de falar: as variacións dialectais son moi patentes nas aldeas, máis nas cidades, aínda que existen certas “jergas”, abunda máis un rexistro formal. O tema do idioma tamén é un factor a ter en conta: por todos é sabido que o galego é máis falado nas aldeas que na cidade.
En canto á relación dentro das familias, pensamos que ao núcleo familiar (pais e fillos) non ten por que afectarlle en primeira instancia o ambiente; pero é certo que máis alá (tíos, avós, primos…) as tarefas do campo favorecen unha maior proximidade, posto que evento como as matanzas, a sementación, etc, requiren de axuda por parte de todos.
S3A
Posted on 19 Abril, 2013, in Documentos and tagged Quiroga Trasorras, Ramallal Salgado, Villanueva Míguez. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0