Xornalismo vs. Dereito
Posted by titorizado2a
O día 10 de abril o noso grupo foi convidado polo docente desta materia para dar unha charla aos alumnos de Técnicas de Expresión de 1º de Dereito da USC (esta materia tamén é impartida por Marcelo). O que pretendíamos era transmitirlle aos estudantes como se presentan os desafiuzamentos nos medios de comunicación, e realizar un pequeno foro de debate con eles.
Previamente, os alumnos xa tiveran unha toma de contacto co tema a tratar, posto que fixeron uns textos de elaboración propia sobre os desafiuzamentos, aínda que a maioría deles presentaban a súa opinión e o marco xurídico no que se desenvolve.
Foron tres horas intensas (dúas clases de hora e media cada unha), nas que expoñemos dúas veces o mesmo tema, con escasas diferenzas entre unha clase e outra. Persoalmente, o que atopei máis interesante foi o debate e as preguntas finais. Se os medios de comunicación influían ou non na opinión das masas, se estaban dándolle o trato correcto aos desafiuzamentos e á plataforma, se os responsables eran os bancos ou os particulares que asinaban, se era a partes iguais… Foron algúns dos principais puntos a tratar.
Penso que o obxectivo inicial se acadou, ademais logramos un intercambio de ideas e houbo unha boa comunicación entre o grupo e nós, na que ámbalas partes nos beneficiamos: eles, obtendo unha visión distinta dos desafiuzamentos, á marxe do marco xurídico; nós, aprendendo o marco xurídico no que se integran os desafiuzamentos, así como as opinións doutras persoas alleas ao mundo da comunicación.
T2A
Posted on 26 Abril, 2013, in Documentos and tagged Barrientos Reboiras, Bravo Maximiano, Costoya Rodríguez, Crespo Bris. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0