“Todos somos emigrantes”
“Erguerémo-la espranza
sobre ista terra escura
coma quen ergue un facho
nunha noite sin lúa.
Marcharemos cinguidos
polos duros segredos
dunha patria soñada
á que non voltaremos.
Non sabrán o camiño
que pra entón colleremos.
Longos ríos de brétema,
longos mares de tempo.
Tripulantes insomnes,
na libertá creemos.
Viva, viva, decimos
aos que están no destero
e soñan cun abrente
de bandeiras ao vento.
Adictos da saudade
que levades a luz polos vieiros.
¡Saúde a todos,
compañeiros!”
(Celso Emilio Ferreiro)
“Todos somos emigrantes” contounos hoxe á mañá unha muller retornada, que sofre o problema das declaracións de pensións do exterior. Mentres a cicloxénese “Ulla” descargaba toda a súa forza ás portas da Facenda, nós escoitábamos a situación desta muller, a situación de vivir con fillos que non atopan emprego e de sobrevivir coa súa pensión como fonte de ingreso. Malia isto, a pensión procedente do estranxeiro non é demasiado elevada polo que o que foi obrigada a pagar considera que é pouco, que o seu caso non é dos máis graves, pero que, con todo, o sentimento de solidariedade está por riba.
A asociación Marusía promoveu unha manifestación esta mañá perante as portas de Facenda que culminou coa entrega nas oficinas de alegacións asinadas por varios afectados. A asociación organiza, ofrece consello e vías de loita a persoas que se viron desarmadas fronte a unha política que non chegan a entender. Que ninguén chega a entender. Con todo, máis alá da organización hai unha gran comunidade que se crea dende o momento en que unha persoa é obrigada a irse fora. Son persoas que non se coñecen, que non comparten destino receptor pero que todas elas sufriron, dende diferentes lugares e situacións, o mesmo problema, polo que dende o momento que un pé está fora da nosa terra aparece un sentimento de solidariedade e empatía de xeito automático. Un sentimento que hoxe é máis necesario que nunca, porque cando os que combaten están unidos a esperanza érguese con máis forza. E cando a solidariedade se espalla, comprendemos que, ao fin, “todos somos emigrantes”.
TUBÍO REY, OLAIA 143 C04
Posted on 14 Febreiro, 2014, in Posts individuais and tagged OLAIA 143 C04, titorizado7b, Tubío Rei. Bookmark the permalink. 2 Comentarios.
Creo que non hai ningún tema máis comprometido coa realidade galega, pasada e presente. Se xa nos flúe a morriña cando pasamos un tempo fóra da terra, non quero imaxina-lo que será facelo á forza. Pero é que hai. Non queda outra. C’est la vie…, escóitase. Pero non. Négome a aceptar iso.
Olaia, é un post precioso. Din que a ‘espranza’ é o último que se perde, incluso nas noites longas e de pedra. Oxalá ninguén nunca o tivese que comprobar. Creo que o problema do emigrante é que perde a memoria. Vivir lonxe da túa terra a disgusto é como ser un enfermo de alzhéimer. Perdes o tempo.
Cando o xornalista David Cantero lle preguntara ao xornalista Manuel Rivas: “¿Que tema merece unha ser tratado hoxe?”, Rivas contestou: “Os emigrantes”. ‘A man dos paíños’.
Mosquera Montoya, Antonio 142.E01
Grazas, e comparto o que dis. Trátase dun tema esquecido. Sábese que o noso país foi dos que máis sufríu este problema, sábense as cifras, pero non se sabe que foi destas persoas e de como están vivindo agora, e o que poden axudar coa súa voz á xente que está tendo que irse de novo. É un tema que merece ser tratado sempre.
Tubío Rei, Olaia 143 C04