Firma Convidada: A educomunicación na xénese dunha cidadanía global
Estimular a conciencia crítica da xente nova fronte a pobreza e a exclusión, para que participe de xeito solidario no cambio cara unha sociedade máis xusta e igualitaria, é o obxectivo do movemento europeo Escolas sen Racismo, que Asemblea de Cooperación (ACPP) se encarga de implementar en Galicia. Á meta marcada contribúese a través de múltiples accións, como son os contos, o cine, o teatro, as exposicións ou os xogos, pero coa incorporación ao proxecto da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) cobran forza as metodoloxías educomunicativas, que se revelan como unha ferramenta eficaz para formar en valores.
Por terceiro ano consecutivo, Agareso imparte obradoiros de televisión, dirixidos a estudantes de Secundaria, e radiofónicos, nos que participa alumnado de Primaria. Nas sesións capacítase o alumnado no eido audiovisual, co obxectivo final de gravar un programa centrado na educación en valores, que logo se difundirá entre a comunidade educativa. As e os participantes interveñen na toma de decisións en todas as fases, pois trátase de empoderalos para lanzaren as súas propias mensaxes e fomentar así a participación social.
O estudantado aprende sobre os xéneros xornalísticos, o guión ou a montaxe, sempre con exemplos de temática social e solidaria, pero tamén adquire pautas respecto da linguaxe inclusiva, o tratamento de colectivos en risco de exclusión ou a análise do discurso mediático. Contribúese deste xeito a formar unha cidadanía con espírito crítico e construtivo, no marco da quinta xeración da educación para o desenvolvemento, que a concibe como educación para a cidadanía global, incorporando elementos como a corresponsabilidade ou a posta en valor da diversidade.
Os obradoiros de radio e televisión revélanse como unha ferramenta diferente e atractiva, de xeito que as novas tecnoloxías nos permiten alcanzar alumnado ao que, doutro xeito, non chegaríamos ou fariámolo de maneira menos eficiente. Trátase asemade de converter a mocidade en receptor activo, que poida discernir entre os contidos dos medios e ata identificar aqueles que están silenciados.
Interculturalidade, dereitos humanos, paz, medio ambiente, consumo responsable, igualdade de xénero, loita contra a pobreza, Obxectivos do Milenio… Estes son só algúns dos temas abordados nos programas finais resultantes da actividade, sempre en colaboración con outras organizacións da contorna, tendo en conta a realidade máis próxima para comprender a dependencia entre o global e o local. Na propia actividade, que conta con financiamento autonómico, conviven nenas e nenos de distintas etnias, nacionalidades ou capacidades.
Quizais o mellor xeito de captar a dimensión educomunicativa dos obradoiros audiovisuais das Escolas sen Racismo sexa escoitando e visionando as últimas producións resultantes. Por un lado, ‘O desafío do milenio’, espazo radiofónico elaborado por alumnado do CEIP Barouta (Ames) e do CEIP López Ferreiro (Santiago de Compostela), onde se traballan os oito ODM fixados pola ONU a través de enquisas, entrevistas ou radioteatro. Doutra banda, o programa ‘Torrente de valores’, realizado por estudantes do IES Torrente Ballester (Pontevedra), que mereceu o Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento ‘Vicente Ferrer’ outorgado pola Axencia Española de Cooperación Internacional.
Firma convidada: Carmen Novas
Posted on 9 Abril, 2014, in Biblioteca and tagged 141.A00, Firmas invitadas. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0