Firma invitada: contactando con la CGONGD

Nuestro grupo (152.G00), centrado en analizar las expectativas del periodismo, ha contactado con la Coordinadora Gallega de ONGD para que esta nos explique en qué consiste, a qué dificultades comunicativas se enfrentas y otras cuestiones, como ya os explicábamos en anteriores posts. Os dejamos aquí lo que nos han contado, esperando que os sea de utilidad en el futuro y os resulte interesante. logo_coordinadora_galega_ong

A Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento está formada actualmente por 43 ONGD que traballan no eido da cooperación internacional, a axuda humanitaria e de emerxencia e a Educación transformadora. As 43 ONGD que conforman a Coordinadora son heteroxéneas en recursos, actividades e liñas de traballo e especialización. Algunhas son galegas (Panxea, Implicadas no Desenvolvemento, AGARESO…); outras son delegacións de ONGD con presencia en todo o Estado español (Entreculturas,   Intered,   Médicos   do   Mundo…)   e   outras   son   delegacións   de organizacións con presencia internacional (Oxfam Intermon, Axuda en Acción, Amigos da Terra). Esta variedade de organizacións conforma unha Coordinadora Galega de ONGD plural que exerce de portavoz das ONGD en Galicia.

Previo: En primeiro lugar queremos facer un apunte sobre os dous tipos de medios de comunicación que recoñecemos dende a Coordinadora Galega de ONGD: os convencionais e os alternativos. Os convencionais, organízanse xerarquicamente e contan cunha redacción formado por persoas asalariadas. Nos casos de medios privados, estes son corporacións empresariais que, polo tanto, teñen intereses económicos e políticos que responden aos das persoas propietarias.

Os alternativos, entendemos que son medios formados por un equipo de persoas que traballa de xeito horizontal e que marcan a súa liña editorial de forma colectiva. Na maioría destes proxectos comunicativos o obxectivo é dar voz a persoas e colectivos invisibilizados polos medios convencionais e tratar temáticas que non teñen cabida nas axendas mediáticas. Neste tipo de proxectos, o ánimo de lucro non forma parte dos obxectivos.

¿Consideran que su organización se ve lo suficientemente representada por los medios de comunicación?

Como Coordinadora Galega de ONGD o que nos interesa dos medios (máis alá de que poidan facer referencia á nosa organización e que contribúan a dala a coñecer) é que falen das causas e consecuencias que motivan a nosa existencia e do traballo que levamos a cabo neste contexto. É dicir, que falen das causas das desigualdades sociais; das situacións de pobreza e exclusión no mundo; das alternativas propostas dende distintos ámbitos para mudar esta realidade; e do traballo que as ONGD, como sociedade civil organizada, levamos a cabo para mellorar as condicións de vida de milleiros de persoas en todo o mundo. Entendemos que informando neste sentido contribúese a xerar consciencia crítica na cidadanía e, polo tanto, á transformación social. Consideramos que, de forma xeralizada, as temáticas sociais non están suficientemente representadas nos medios. Entendemos por temáticas sociais aquelas que afectan directamente á vida das persoas e que fan referencia aos seus dereitos individuais e colectivos. No caso dos medios convencionais, a representación das ONGD (e doutros actores e temáticas sociais) ocupan un papel residual. Non só “a marca” da organización está pouco representada. Son sobre todo as nosas mensaxes as que non teñen o espazo que entendemos que merecen. Dende o noso punto de vista, esta realidade dista moito do rol de servizo social que deberían exercer todos os medios, tanto públicos como privados, como instrumentos de información ao servizo das persoas. Unha sociedade informada pode exercer un papel activo, crítico e responsable. No caso dos medios alternativos, as ONGD e as nosas mensaxes teñen algo máis de cabida pero seguimos tendo unha presencia limitada. Os motivos desta baixa presencia desenvólvense nas vindeiras preguntas.

 ¿Cuáles dirían que son las mayores dificultades con las que se encuentran a la hora de aparecer en los medios?

 Entendemos que hai dúas esferas de análise nesta cuestión. Por un lado, as limitacións das ONGD. E pola outra, as limitacións dos medios. No caso dos medios convencionais, existen dinámicas de traballo que non encaixan coas das ONGD por varios motivos. Por unha banda, porque habitualmente traballan baixo un enfoque de inmediatez, de resposta rápida, sobre as cuestións propostas (exemplo: que opinión temos sobre propostas de cambios de leis “por sorpresa” / situacións de emerxencia / declaracións políticas). Neste casos, as ONGD teñen que responder sen tempo para reflexionar conxuntamente e iso implica que non todas poidan ou estean dispostas a facelo, o cal limita a súa presencia. A este feito hai que sumarlle que as peticións de información dos medios son case sempre “urxentes” e responden a unha axenda mediática que caduca rapidamente. O que pode interesar un luns un mércores pode non ter cabida. Iso implica que algunhas ONGD queden fóra por non ter a velocidade na capacidade de resposta esixida. Outra das limitacións é a falta de coñecemento real que teñen os medios sobre o que somos as ONGD e o traballo que levamos a cabo. Neste caso hai dobre causalidade (os medios  deberían  informarse  máis  á  hora  de  facer  o  seu  traballo;  e  as  ONGD deberiamos mellorar a nosa capacidade de comunicación). Entendemos que a falta de coñecemento débese especialmente, no caso dos medios convencionais, ás difíciles condicións de traballo dos e das redactoras, á sobrecarga de traballo e á precariedade laboral que actualmente existe nos medios. Este contexto non permite ter a persoal especializado máis alá dos sección reinas: deportes e política. Así pois, as temáticas sociais (as que máis afectan a vida das persoas) que precisan de coñecemento e especialización pola diversidade de realidade que reflicten, son os que contan cun menor número de profesionais especializados. Esta limitación, non só fai que poidamos aparecer  menos  nos  medios  senón  que  aparezamos  cunha  información  pouco axeitada, de baixa calidade e que en moitos casos vai en contra dos noso obxectivos comunicativos (téndese a simplificar, a estereotipar e a non acompañar a información cun contexto que axude a entender a realidade). Non saír reflectidas do xeito que quereríamos dificulta e limita a nosa presencia. Por último, e non menos importante, as ONGD temos pouca presencia nos medios porque na maioría dos casos non contamos feitos noticiables no formato que habitualmente traballan os medios convencionais. Estes están interesados en que ofrezamos  datos  (3  de  cada 5;  un  20%;  Máis  da  metade…) e  poucas  veces  están interesados en falar do contexto (político, social histórico…) da realidade da que falamos. As notas de prensa que máis se cobren son as que contan con este tipo de información no titular.

 En relación ás ONGD, as dificultades que temos para aparecer nos medios son varias:

– Falta visibilizarnos entre os medios como fonte de información experta en temáticas concretas,  non  só para  falar  “do  noso  libro”,  é dicir,  dos  proxectos  ou  actividades puntuais que levamos a cabo.

– Precisamos variar a nosa forma de contar as cousas, variar o tipo de información que ofrecemos. É dicir: non só enviar notas de prensa cando levamos a cabo unha actividade. Tamén facelo cando o contexto social, político, etc. permita opinar sobre unha temática das que somos expertas; amosar exemplos de superación; etc. Especialmente nas ONGD máis pequenas e con menos recursos:

– Falta de coñecemento sobre como funcionan os medios para saber, entre outras, onde queremos centrar os nosos esforzos, que prioridades temos, que tipo de información ten cabida,etc.

–  Tendencia   a   elaborar   notas  de  prensa  con  pouco  interese  para  os  medios (convencionais e  alternativos). Ofrecemos información pouco noticiable.

 ¿Disponen de un organismo que funcione como gabinete de comunicación? ¿En tal caso, qué perfiles de profesionales lo integran (periodistas, publicistas y relaciones públicas,…?

No caso da Coordinadora Galega de ONGD temos unha área de traballo específica de comunicación na que hai unha persoa contratada a xornada completa licenciada en xornalismo e con experiencia en distintos medios de comunicación e de traballo coas ONGD. No conxunto das ONGD, a realidade é diversa. Pero o que acontece na gran maioría dos casos é que non se lle dá a comunicación externa (e interna) a importancia que se lle debería dar. Esta liña de traballo non é prioritaria aínda que se considera de moita importancia. Pero se asume á comunicación como algo complementario, non coma unha ferramenta indispensable á hora de acompañar a execucución da planificación estratéxica.

 ¿Que protocolo suelen seguir a la hora de ponerse en contacto con los medios?

O máis habitual é a elaboración dunha nota de prensa que enviamos a nosa lista de contactos de medios xeralistas (cando é información local, daquela tamén enviamos o correo aos medios locais). E chamamos aos contactos que sabemos que habitualmente cobren a información que mandamos para asegurarnos que recibiron a nota é que están   interesad@s.   Por   outra   banda,   normalmente   ofrecemos   entrevistas   para complementar a información. Dende hai tres anos non organizamos roldas de prensa porque a actual situación dos medios (peches e despido de persoal) fai que asistan moi pouc@s xornalistas. Só mantemos unha rolda de prensa ao ano: a da presentación da campaña do X Solidario para  recadación  de  fondos  do  IRPF  na  declaración  da  renda  con  outras  dúas plataformas de ONG de acción social (EAPN Galicia e CERMI Galicia). Por  outra  banda,  cando  un  medio  de  comunicación  se  pon  en contacto  connosco sempre resolvemos a súa demanda ben sexa de forma directa ou ben facilitando un contacto e/ou información.

 ¿Cuál es la estrategia comunicativa que han seguido hasta ahora? ¿Ha cumplido con los objetivos iniciales o, por el contrario, consideran que necesita realizar algunos cambios?

 A Coordinadora Galega de ONGD non conta cun Plan de Comunicación actualmente. Temos previsto elaboralo a finais deste ano. Aínda así, a principios de cada ano, e en función da planificación de actividades, marcamos datas e momentos do ano concretos nos que reforzamos a nosa comunicación externa nun sentido amplo (medios, redes sociais, boletín electrónico, presencia na rúa…). En relación ao ámbito dos medios de comunicación, en 2014, a Coordinadora enviou 12 notas de prensa, 7 convocatorias de prensa e cedeu 12 entrevistas. Nos últimos anos, e aínda que a realidade dos medios de comunicación en Galicia mudou moito, conseguimos manter a nosa presencia (a nivel cuantitativo) nos medios de comunicación: diminuíu nos convencionais e aumentou nos alternativos. Tamén comprobamos  que  os medios alternativos (Praza Pública,  Galiza Ano Cero,  Sermos Galiza….)  cubren  máis información  relacionada co  noso  traballo  (e  dun  xeito  máis completo  e  que  se  adecuaba  máis  cos  noso  obxectivos  de  comunicación)  que  os medios convencionais . Ademais, este tipo de medios permiten participar de forma directa nos contidos que ofrecen   (posibilidade de publicar artigos de opinión mensualmente,  de  ter  un  espazo  nun  programa,  propoñer  entrevistas…),  un  feito moito máis complicado nos medios convencionais.

 A nosa estratexia de comunicación é seguir tendo presencia nos medios convencionais e alternativos. Tamén, reforzar o dereito de acceso aos medios públicos xa que a nosa presencia é moi baixa. Por outro lado, un dos obxectivos máis inmediatos é seguir reforzando a nosa relación cos medios alternativos e/ou que tratan as temáticas sociais dende unha perspectiva crítica, analítica e contextualizada. Para iso, organizamos en 2014 a primeira edición dos Premios Luceira de Comunicación Social que tiñan o obxectivo de visibilizar este tipo de proxectos comunicativos e reflexionar conxuntamente sobre o tipo de comunicación que queremos e promovemos dende distintos ámbitos.  En 2016 levaremos a cabo a segunda edición. Tamén   durante   2014   empezamos   un   proceso   de   reflexión   interna   sobre   a comunicación que levamos a cabo as ONGD (non só cos medios de comunicación) co obxectivo de mellorala e resolver as principais problemáticas (algunhas das cales comentamos noutras preguntas). En 2015, estamos a seguir con este proceso de reflexión e temos a intención de organizar un encontro entre ONGD e xornalistas de distintos medios de comunicación para contribuír a acabar co descoñecemento mutuo.

 ¿Cómo es la relación entre los usuarios de esta organización (y en última instancia, la sociedad) y quienes la gestionan?

A Coordinadora Galega de ONGD aglutina actualmente 43 ONG de Desenvolvemento que traballan no eido da cooperación ao desenvolvemento, a acción humanitaria e a educación transformadora. Está xestionada por unha Xunta Directiva elixida en Asemblea. As persoas usuarias da Coordinadora poderían dividirse en dúas categorías:

– Persoas vinculadas ás ONGD galegas: directivas, voluntariado, persoas socias… A Coordinadora se relaciona con elas a través de ferramentas de comunicación externa; a través da organización de actividades de formación e divulgación; e a través da convocatoria de reunións e asembleas. Neste caso é o persoal contratado da Secretaría Técnica da Coordinadora (3 persoas) e a Xunta Directiva (9 persoas) as que promoven estas actividades.

– Persoas usuarias: Por outra banda, e a diferencias doutras organizacións sociais, as persoas usuarias (ou beneficiarias) das ONGD viven nos países do Sur e a relación establécese dende fóra de Galicia. Faise a través das delegacións das ONGD nos países onde se traballa pero, sobre todo, a través das organizacións locais socias coas que se desenvolve de forma compartida o traballo nestes países.

152.G00

Advertisements

Posted on 27 Abril, 2015, in Firma invitada and tagged , . Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: