CAMIÑO INCERTO
Tempus fugit e no xornalismo non ía ser menos. O documental déixanos claro que nos atopamos nunha transición dende hai máis de cinco anos. A incerteza e o medo de perder a comunicación tal e como a coñecemos tennos bloqueados.
Considero, e máis despois de coñecer a situación dun xigante da comunicación, que hai dúas vías para tentar cambiar a realidade do xornalismo. Por unha banda, aceptar as novas tecnoloxías e ser nós quenes manexemos a situación e quenes elaboremos o plan de futuro. Por outra banda, deixarnos a mercé da tecnoloxía e que se aplique ao seu antollo cando a situación sexa insostíbel.
The New York Times ante esta encrucillada tenta renovarse ao contar con persoas como Brian Stelter, para actualizar a súa visión e adaptarse aos novos tempos(dualidade de xornalista e tuitero), e como David Carr, para non esquecer as bases da comunicación e ter presente os principios que levaron a información a converterse nun dereito.
Unha das medidas que máis me sorprendeu e que considero máis acertada do NYT foi a colaboración con WikiLeaks. Quizais sexa a maneira correcta de renovar o xornalismo e contar todo aquilo que non sempre ten cabida nun medio de comunicación tradicional. Quizais sexa necesaria a mestura do xornalismo co activismo social. Se consideramos a comunicación un dereito e os xornais un voceiro da sociedade, estes deberían tratar os temas que, dunha maneira ou outra, afectan a esas persoas que non sempre son coñecedoras da realidade que as asola. Pero hai que ter moi claro os medios cos que se colabora e os obxectivos que perseguimos con isto. No caso da CNN e a súa colaboración con Vice, na miña opinión, parece un erro, xa que se trata de xuntar dous medios de disposicións moi distintas (un veraz e outro de dudosa ou inexistente veracidade).
Ao mellor a tecnoloxía avanza a un ritmo inverosímil para o xornalismo, pero é necesario un cambio na actitude e consideración da sociedade cara os xornais. A implantación dunha cultura do gratis dificulta o avance dos novos medios. Calquera xigante da comunicación sabe o perigo que supón converterse nunha publicación online. Pero, ao mesmo tempo, os xornais deben recuperar a confianza da poboación, deixar de piar polos intereses dos grandes empresarios, deixar de converter noticias en publicidade das grandes corporacións e transformarse nese voceiro social que buscan os seus lectores.
GÓMEZ DE LA CAMPA, XIANA 151.D03
Posted on 7 Maio, 2015, in Posts individuais and tagged 151.D03. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0