A mala ciencia e o mal xornalismo

Hoxe participa na sección de Firmas Invitadas a xornalista de El Correo Gallego, Iolanda Casal, coa que concertamos unha entrevista para estudar a relación que existía entre os medios de comunicación e a presenza de información científica. Xusto respecto a este tema, animouse a escribir un artigo. Por un malentendido coas datas, non puidemos subir a súa colaboración en tempo pero este imprevisto foi comunicado ao profesor da materia.

Finalmente, aquí está. E queriamos incluír a súa aportación porque nos parecía que tiña unha visión fresca e diferente da que podía darnos Patricia Calvo, máis vinculada ao ámbito institucional. Sen máis… Démoslle a voz a Iolanda Casal:

O meu primeiro recordo de contacto científico consciente ten melodía infantil: “La Tierra es grande, grande como una bola, y se mueve en dos sentidos, aunque nosotros no lo percibimos”. É pueril, pero tamén unha sinxela forma de definir os movementos de traslación e rotación, hai tempo verificados polos métodos de estudo e as leis obxectivas que se supoñen rexen a ciencia. Ou non.

Por suposto que a Terra é grande como unha bóla e que se move en dous sentidos. O que quero dicir é que non todo o que leva a mesma etiqueta de ciencia ca esta afirmación o é. 

Xunto á ciencia, conviven en modo parasito a mala ciencia e mesmo a pseudociencia. E por desgraza ás veces estas últimas callan na sociedade como se fosen verdadeiras realidades científicas, a miúdo amplificadas, ou non denunciadas, por uns medios de comunicación máis preocupados por chamar a atención das audiencias, ou non molestar os anunciantes, que por cumprir coa súa misión social de informar con rigor. Só así se entenden titulares como ”Las mujeres de rojo vuelven locos a los hombres”, ”Los países que más leche consumen son los que tienen más premios Nobel” ou ”La homeopatía puede utilizarse en problemas asociados a la lactancia materna” coa mesma pretensión de veracidade ca ”La Tierra es grande, grande como una bola, y se mueve en dos sentidos, aunque nosotros no lo percibimos.”

Pero hai máis razóns polas que a mala ciencia e a pseudociencia atopan tanto eco nos medios de comunicación, incluso nos pretendidamente serios. Sen dúbida seguimos a vivir nunha sociedade cómoda na súa síndrome das dúas culturas, na que a maior parte da profesión xornalística non ten remorso ningún pola súa ignorancia científica. E este mal non só leva a elevar a categoría de hipóteses confirmadas auténticas maguferías, ou a asumir calquera parva correlación como a dos Nobel e o consumo de leite como relación de causalidade, senón que tamén distorsiona a interpretación informativa de temas non considerados científicos, pero que requiren dunha mínima alfabetización, por exemplo, matemática para o seu correcto tratamento. Pensemos senón en como adoitan ser subliñadas diferenzas estatísticas non significativas, de apenas décimas ou unhas cantas unidades entre miles, como aumentos ou descensos dignos dun titular.

Mais a ignorancia científica non é o único problema. Os valores e prexuízos persoais, e incluso os intereses profesionais, tanto dos investigadores que desenvolven os estudos como dos xornalistas que os seleccionan ou descartan como novas, tamén son factores importantes.

Sóuboo advertir a socióloga e pioneira na análise da comunicación científica Dorothy Nelkin, e é evidente a pouco que poñamos algo de atención en titulares de análises patrocinadas por laboratorios farmacéuticos, empresas enerxéticas ou calquera outra compañía que financia investigacións que, oh, casualidade!, acaban enxalzando as bondades dos seus produtos.

E os prexuízos tamén agroman noutros estudos aínda máis perigosos: aqueles ao servizo da perpetuación de prexuízos étnicos ou de xénero. E ás veces veñen da man de patrocinadores de tanta sona como o codescubridor da dobre hélice do ADN e premio Nobel James Watson, quen en 2007 sostivo nunha entrevista que os negros son menos intelixentes cós brancos por natureza; ou o daquela presidente de Harvard Larry Summers, quen un par de anos antes suxeriu que hai menos mulleres na cúpula da ciencia porque entre o sexo feminino hai menos mentes xeniais.

Por fortuna, estes dous casos causaron tal censura pública dende a comunidade científica que as súas mensaxes quedaron en gran medida desbotadas para o groso da opinión pública con argumentos autenticamente científicos. Mais o orballo de titulares machistas, homófobos ou clasistas coa falsa etiqueta de ciencia segue enchoupando día a día a comunicación mediática. A solución require sen dúbida de dúas variables esenciais: unha ciencia que acabe coa mala ciencia e un xornalismo que se afaste do mal xornalismo. 

Localizador:   151.B00

Advertisements

Posted on 12 Maio, 2015, in Posts individuais. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: