Descolonización da información
Nunha charla na que se partía da idea da descolonización da información, o sociólogo portorriqueño Ramón Grosfoguel falounos do seguinte feito como punto de partida do coloquio: Por que na Universidade occidental unicamente estudamos as teorías de homes de cinco países? Italia, Francia, Inglaterra, Alemaña e Estados Unidos teñen monopolizada a información, que ten rasgos claramente machistas e racistas, ao non incluír a ningunha muller (nin deses países tan sequera) e a ningún home non centroeuropeo ou norteamericano. A súa explicación remóntase a, como el os denominou, tres xenocidios – epistemicidios: A conquista de Al-Andalus, a conquista de América e a queima de mulleres en Europa, consideradas bruxas.
Nos tres casos a fin era a mesma, a destrución da información e do coñecemento, borrando así a memoria destes pobos. Queimáronse bibliotecas, impuxéronse crenzas, desfixéronse de multitude de avances acadados polos indíxenas e lles implantaron o cristianismo, o que levou a deixar sen rastro a cultura destes lugares.
En definitva, creouse unha superioridade relixosa (o meu Deus é superior ao teu) que pasou a ser unha superioridade persoal (ti es inferior a min).
Estes feitos tampouco eran novos, xa Descartes dixera o ‘penso logo existo’, referíndose con esa existencia á do home occidental, e Kant afirmara que a racionalidade estaba en Europa, ao norte dos Picos de Europa.
Pero isto non é unicamente cousa do pasado. Actualmente, observamos como se intenta impoñer a ‘democratización’.
En canto a medios de comunicación, Grosfoguel aposta polos medios comunitarios. Exemplificaba este tema co caso de América do Sur e a prensa española. Nunca imos saber toda a verdade se lemos aquí algo que acontece alí. Porén, os medios comunitarios, que serven á cidadanía, non se rexen por un poder económico superior que lles impón sobre como informar, polo que será sempre unha información máis ‘limpa’, coa única fin de informar de forma veraz.
Platero Pérez Claudia, 152.D02
Posted on 14 Maio, 2015, in Coloquio, Posts individuais and tagged 152.D02. Bookmark the permalink. Deixar un comentario.
Deixar un comentario
Comments 0