Arquivo do blog

O xornalista proletario

Este primeiro de maio, como sempre dende hai xa bastantes anos, acudín á manifestación convocada polo sindicalismo nacionalista en Compostela. Antes facíao simplemente porque estaba de acordo coas reivindicacións sindicais e cría necesario un profundo cambio de modelo do sistema. Hoxe sigo considerando igual ou máis precisas todas as reivindicacións históricas da esquerda, pero este ano vivino doutro xeito.

Imos rematar os nosos estudos de xornalismo dentro dun mes, a partir de aí seremos parados ou traballadores precarios, dos máis precarios dende o século XIX. Comentaba cun colega a cantidade de xornalistas que vimos na manifestación, dos medios de comunicación máis diversos. Alegreime de ver que este gremio xa se vai enterando de que somos traballadores asalariados, nin máis nin menos. Traballar cun ordenador sentados nunha cadeira ou tratar con xente importante na Xunta ou no Parlamento non nos fai a nós máis importantes que outros traballadores, nin moito menos. O mantra da ‘obxectividade’ parece que deu en que os xornalistas se queiran manter á marxe da vida social, ser simples notarios da realidade. Segundo esta visión (errónea) do oficio, estaría mal que un xornalista fora defender os seus dereitos como traballador, xa sexa acudindo a unha greve ou á manfiestación do 1º de maio, posto que iso implica tomar unha posición política. Ollo, non facelo tamén implica unha posición política (poden mexar por min, que como son xornalsitas vou ficar cadalo), mais parece o normal xustificado, precisamente, por esa teima de “manterse á marxe”.

Convén ter claro o noso papel profesional. Habemos manter sempre a rigorosidade no traballo e dar un tratamento aos axentes sociais baseado no interese informativo que estes teñan. É o que o público saberá valorar. Sí, os xefes saberán que defendes os teus dereitos como traballador e os políticos de turno, coas súas influenzas nos medios, tamén. Quen teña medo, que se deixe pisotear. Será o tipo de xornalista ao que non lerei.

Rios Rodriguez. clx4