Arquivo do blog

Compromisos

Non creo que exista un intre no que me sinta máis galega que cando escoito a música da miña terra. Cando o son das gaitas e os tambores rebumbian nos meus oídos e, case xuraría, no meu corazón. Supoño que non só me acontece a min. Porén, e a pesar deste sentimento, enfrontámonos cada día á retirada silenciosa da nosa  música tradicional. Da nosa identidade.

Eu non quero esquecela. Nin agora, nin nunca. Non quero perder esa sensación, tan bonita, de escoitar falar ao meu fogar. Nin desexo que sexan outros os que a perdan. Por iso o meu grupo e mais eu escollimos aCentral Folque, organización centrada no estudo, transmisión e difusión da nosa música popular.

¿A verdade? Quizais non se trate só diso. ACentral Folque non é unicamente un proxecto ideado para que un par de notas continúen soando no aire. É un plan, trazado co propósito de manter viva unha parte de Galicia. Unha parte de todos nós.

Pero eu non son a protagonista desta historia. Os protagonistas son eles, os músicos. Os que din o que as palabras, por si soas, non poden. Os que susurran o noso pasado e envolven o noso presente.

folque

O que espero deste traballo é coñecelos. Pero coñecelos de verdade, cos seus intereses, cicatrices e paixóns. Quero descubrir a chama que brilla en cada un, a que os impulsa e acende os seus soños. As súas crenzas, opinións e certezas, si, pero tamén os seus prexuízos, recursos e perspectivas. Desexo, en resumo, comprender cada individuo crucial da organización, con respecto á súa labor e a comunidade da que forma parte.

Como futura xornalista, o meu compromiso é coa verdade. Como galega, as miñas conviccións son firmes. É necesario que todos, comezando polos propios galegos, valoren a música que é súa, da súa terra; e que esta non se perda, senón que se transmita con forza para demostrar que estamos orgullosos de ser quen somos.

PARDO CREGO, ALICIA 142.A04