Arquivo do blog

Un pequeno reflexo do noso acercamento ao retorno

GALERÍA FOTOGRÁFICA / MARUSÍA

Rodríguez Bello, Cora (143 c02)

IMG_0939 IMG_0943 IMG_0971 IMG_0998 IMG_1220 IMG_1238 IMG_1456 IMG_1513 IMG_1556 IMG_1566 IMG_1004 IMG_1493 IMG_1590

Santos Villaverde, Andrea (143 C03)

DSC_0012 DSC_0014 DSC_0016 DSC_0024 DSC_0027 DSC_0058 DSC_0108 DSC_0127

 

Tubío Rei, Olaia (143 C04)

DSC_6481DSC_6581DSC_6151DSC_6062DSC_6044DSC_5853DSC_5708DSC_5694DSC_5669

Veiga Franco, María (143 C05)

coloquio marusía DSC_0299 DSC_0301 DSC_0303 DSC_0304 DSC_0312 DSC_0314

Loitando contra a inxustiza

A Coruña, 5 de Marzo do 2014

 

A abordaxe final

DSC_0132

Xa son case dous meses traballando coa asociación Marusía de emigrantes retornados e o tempo faise notar. Mentres que nun principio nos era difícil establecer conversacións persoais con eles, por mor da falta de confianza, agora xa somos coma cinco membros máis da asociación. Alá onde están eles, estamos nós, e comeza a crearse un forte vínculo. Do reparo inicial a ser entrevistados por nós, uns descoñecidos, a botar unhas bailas connosco hai bastante diferencia.

Mais, como ben sabedes, a esta colaboración pouco lle queda. Este é o noso derradeiro post neste blog, no cal xa fomos dando conta, de xeito individual e grupal, das actividades que realizamos en conxunto con Marusía. Xuntanzas, reunións, comidas, manifestacións… Volver a incidir en todo isto sería percorrer de novo o camiño xa andado e contado en anteriores entradas.

O realmente importante, o verdadeiramente novidoso, son as historias que fomos descubrindo día tras día. Aínda que existan elementos comúns entre elas (a miseria como causa da emigración ou a familia incitando a volver, entre outras), cada persoa que nos narra as súas experiencias ábrenos as portas dun mundo novo. Trasládannos a distintos lugares coma Basilea, Zúrich, París, Múnich ou Xenebra, e, dentro de cada un destes escenarios, amósannos o contraste entre as distintas experiencias vividas.

Houbo xente que nos dixo que endexamais conseguira sentirse cómoda en sociedades tan diferentes da de Galicia e outra que ficou encantada no estranxeiro e que di arrepentirse de ter teimado en volver. Mesmo se poden observar diferencias entre a visión que nos ofreceron homes e mulleres.

DSC_0313

Esta distinción fíxosenos máis ca patente esta semana, despois de reunirnos con cinco mulleres pertencentes á asociación. Os homes emigraban a traballar en empregos na construción ou na hostelería, mentres que o perfil feminino estaba máis orientado cara as tarefas de limpeza ou de coidado de anciáns. Advertimos tamén unha constante en todas elas: a importancia capital do coidado dos fillos. Todas intentaran, por canto método fose posible, que se criaran aquí, aínda que iso supuxese ter que deixalos ao cargo dos avós con seus pais a miles de quilómetros de distancia. Non eran minoría tampouco as que decidiran regresar, deixando os seus postos de traballo, para ter os seus fillos aquí.

Como vedes, xa estamos comezando a extraer conclusións da nosa colaboración, mais o que temos claro é que resulta complicado facer aseveracións xerais sobre un grupo tan heteroxéneo como é o dos emigrantes. Quedan aínda un par de semanas nas que seguiremos a traballar con Marusía para terminar de perfilar o noso proxecto. O que parece seguro é que a despedida vaise facer un tanto triste despois de termos compartido tantas horas con eles. Despedímonos. Adeus.

PS: Aportamos como documentos anexos a este post un par de documentos: unha tese doutoral sobre o retorno de emigrantes a Galicia entre 1970 e 1995 e un artículo sobre a vida das mulleres galegas emigradas.

143 C00

Máis ca unha asociación

IMG_1220

A nosa andadura con Marusía comezou xa fai máis dun mes nunha reunión para xente nova no asunto das pensión. Ao chegar nun momento no que o núcleo da súa acción se centraba nun problema que xa estaba acrecentado, foi un comezo difícil, coma son moitos comezos. Non coñecíamos a ninguén máis que a Manolo (o presidente) e a xente estrañábase bastante de que estiveramos alí. Cremos que ata que nos identificamos correctamente e lles dixemos que íamos estar con eles máis veces, mirábannos con certo reparo. A nosa sensación foi dunha organización vertical, na que Manolo levaba a voz cantante de todo e os demais se limitaban a seguir os seus pasos. Non percibimos que houbese un sentimento cercano entre eles nin que tiveran una relación mínima ademais de formar parte da mesma asociación.

A segunda vez que estivemos con eles foi na Facenda de Santiago, entregando firmas para que freasen as multas que lles estaban chegando. O día de choiva e vento non invitaba precisamente a acudir e a presenza de membros da asociación foi máis ben escasa. Por aquel momento xa empezamos a darnos conta de cales eran os membros máis activos e comezamos a establecer unha pequena relación con algúns deles, que non dudaron en contarnos o que lles acontecía.

O noso terceiro encontro cos membros de Marusía foi moito máis multitudinario que os demais. E debía selo. Acudimos á manifestación convocada na Coruña co obxectivo de apoialos na súa causa e tamén de coñecelos un pouco máis, tanto a eles como a outros emigrantes que pertencen ás distintas asociacións que hai repartidas por toda Galicia. Sorprendeunos, e moi gratamente, a cantidade de persoas que acudiron e a enerxía que puxeron en reivindicar a súa situación. Non podemos esquecer que son persoas maiores e que non teñen tanta facilidade de moverse e berrar coma podemos ter nós. Malia isto, lograron frenar as multas, facéndonos sentir parte da súa labor. Déronnos así unha lección: vale loitar polo que crees que é xusto.

O último encontro produciuse o pasado venres, cando coa axuda de Manolo convocamos a tres membros da asociación para que nos contaran a súa experiencia persoal. A primeira cousa que sacamos en limpo e que as nosas primeiras impresións (desculpen a redundancia) foron erróneas; non son unha organización vertical, son como din eles “un grupo de amigos” que se xuntan para axudarse entre eles. Amigos que discordan en moitas cousas, que discuten, pero que teñen un fin común e camiñan todos xuntos cara el. Un deles tamén é membro activo do colectivo de afectados polas preferentes, o cal nos fixo pensar no paralelismo e na semellanza entre colectivos.

DSC_0286

Este domingo imos acudir a unha comida con eles á que nos invitaron. Esta vez a situación non é creada por nós pero creemos que xa temos a suficiente confianza con varias persoas como para que xurdan novos fíos de comunicación. Deste xeito poderemos observar mellor as relacións entre eles, á vez que interactuamos e coñecemos máis das súas experiencias sen que eles teñan a sensación de estar sendo entrevistados.

O que, ao comezo, semellaba ser unha unión de descoñecidos polos seus propios intereses, deixounos ver co paso dos días que é case unha familia da que nós, pouco a pouco, imos formando parte.

As historias detrás da emigración

unnamed

Despois de varios días traballando coas paltaformas de emigrantes retornados, a compilación de historias persoais crece cada vez máis rápido. Por iso, quería centrar este post nun importante aspecto da emigración: as causas. A emigración é sempre un recurso extremo para escapar da miseria ou de situacións inxustas. Ninguén emigra por pracer, senón na procura dunha mellor calidade de vida, acorde coas súas expectativas. Por iso, todos estes emigrantes que xa están de volta en Galicia insisten en que eles se sinten traizoados polo seu país, por esa patria que os fixo primeiro emigrar e despois, unha vez de volta, lles rouba.

Neste mes e pouco coñecín persoas de toda Galicia, pero onte, na manifestación de A Coruña, quedeime cunha testemuña moi particular. Estaba a cubrir a manifestación, grabando vídeos e sacando fotos, cando un home veu preto de min e comezou a falarme: “Sacádenos ben, non digades mentiras que non o merecemos”. Despois diso, sen terllo eu pedido, contoume a súa historia. Os 24 anos que pasara en Suíza sen ver a súa muller máis ca unhas poucas veces e perdendo a infancia da súa filla. É unha historia triste e dura, pero hai centos máis así. De todos xeitos, impactoume esa necesidade de queixa, de protesta porque o afecto que el profesa polo seu país non é mutuo. Ninguén lle agradece que, coa vida arreglada alén os Alpes, voltara de novo á súa terra.

Manipulados en xogos políticos e económicos, os cidadáns non somos máis ca meras comparsas, utilizadas por entes con máis poder ca o noso para os seus fins. Para rematar, quería compartir un par de post do blog do escritor e profesor Ernesto Filardi, colaborador habitual en diversos medios online. Despois de ser despedido e ser incapaz de atopar traballo en España pese a ter dúas carreiras e un doctorado, decidiu emigrar a Canadá coa súa familia. Aquí e aquí conta as súas vivencias, o seu desapego do Estado, as causas da súa marcha, etc. dun xeito maxistral.

Ramos Cernadas, Francisco Javier 143 C01

Unha onda no ar demasiado esperanzadora

102223-050-E368310C

“Radio Favela” (Helvécio Ratton, 2002) mostra a vida cotiá dos habitantes dunha favela de Belo Horizonte, na que mediante unha radio local montado por un grupo de mozos, se narran os acontecementos do día a día. A idea vertebradora do filme recorda en parte a “Do the right thing” (Spike Lee, 1989), película onde se contaba a vida dos habitantes dunha barriada de Brooklyn na que a pequena emisora de radio local tiña unha presenza constante.

Pero “Radio Favela” non só se semella a ese filme, senón que tras a súa publicación no ano 2002 aparecerían longametraxes de temas similares, como as coñecidas e recoñecidas “Cidade de Deus” (Fernando Meirelles, 2002) e “Tropa de élite” (José Padilha, 2007). Ambas as dúas películas se centran nas favelas brasileiras e ofrecen uns graos de realismo e crudeza altísimos. Na primeira, dende o punto de vista dun fotoxornalista criado nas favela de Cidade de Deus; e na segunda (que tivo unha continuación anos 2despois), dende a perspectiva dun corpo especial da policía.

“Radio Favela”, a diferenza destes dous exemplos anteriores, peca de inxenua. É dicir, pretende amosarnos a realidade das favelas, pero, por desgraza, afástase do seu obxectivo. Situacións pouco cribles, docificadas para que sexan máis dixeribles. Tristemente, a realidade non é así e outros produtos audiovisuais dan conta delo. De todos xeitos, sen resultar nada novedoso ou nunca visto, é interesante ver como a vida en comunidade se articula en torno ás mellores canles de comunicación, encargadas de informar da mellor maneira posible á poboación.

Ramos Cernadas, Francisco Javier 143 C01

 

A rede faravos libres

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Segundo a lectura “¡Seamos los media!”, de León, O.; Burch, S.; e Tamayo, E., para as asociacións e colectivos cívicos con interese en facer chegar a súa mensaxe ao maior volume de poboación posible, o medio de comunicación ideal é a radio. A alta penetración na sociedade e a súa transmisión simultánea do producido fana a canle ideal para a emisión de mensaxes, tendo en conta ademais que ofrece máis facilidade de acceso ca outros medios coma a televisión.

Mais hoxe en día, coa expansión das novas tecnoloxías, esta teoría debería comezar a mudar. A irrupción dos smartphones e os avances producidos nos servizos de telecomunicacións provocan que o futuro das comunicacións pase por Internet. Calquera pode abrir a súa propia canle de televisión en Youtube, montar a súa propia radio e distribuíla a través de podcasts ou tamén montar un blog onde colgar todo tipo de material. As posibilidades son case ilimitadas, ao que debemos engadir que a rede é un lugar dificilmente controlable. A censura débese facer por métodos bastante menos subliminais ca os habituais. Aí está o exemplo do bloqueo a Twitter realizado en China, onde logo se creou unha especie de clon chamado Weibo.

Ademais a posibilidade dun maior feedback con outros usuarios aumenta exponencialmente as posibilidades de comunicación a través da rede. Deste xeito, calquera empresa ou asociación está presente hoxe nas redes sociais máis populares e ofrece contidos exclusivos. Sen olvidar as canles tradicionais e á numerosa parte da poboación que a día de hoxe non ten acceso a Internet, o futuro da comunicación pasa pola rede.

Ramos Cernadas, Francisco Javier 143 C01

Nós alimentamos ao mundo ou só a unha pequena parte?

Imagen

Esa é a pregunta que “We feed the world” (Michael Wagenhofer, 2005) quere que nos fagamos ao rematar o seu visionado. Durante a hora e media que dura o documental sucédense varias pezas de poucos minutos relacionadas coa produción de alimentos ao longo de todo o planeta. Dende as plantacións de soia no Mato Grosso, ingrediente clave nos piensos de engorde dos animais das granxas, que están a mermar o espazo de bosque amazónico, ata granxas austríacas onde son sacrificados cada día máis de 50.000 polos (véxase a imaxe de cabeceira do post) para o consumo humano.

Aínda que o documental se pode facer denso e árido por momentos, dada a súa estrutura monótona e repetitiva, posúe varias imaxes impactantes. Coma a dos inmigrantes senegaleses reunidos en torno ao seu lugar de traballo, algún dos miles de invernadoiros de froitos e verduras de El Ejido (unha das poucas construcións humanas visibles dende o espazo). Nunhas condicións que o máis xeneroso calificaría coma precarias, eles eran felices cos seus instrumentos musicais feitos con bidóns de gasolia baleiros e tres paos. Aquilo era o progreso. O poder fuxir dun país onde os cultivos locais non podían competir co monstruo europeo, que, subvencionado polo Estado, ofrecía prezos sensiblemente inferiores. O reflexo do dumping feito polas multinacionais ás empresas de países desenvolvidos é un dos puntos fortes do documental, culminado coas declaracións dun executivo de Nestlé apoiando unha privatización da auga a nivel global.

Xa para rematar, quero compartir un link ao documental “La granja del Doctor Frankestein”, do que me lembrei ao ver a parte adicada ao cultivo das sementes híbridas (berenxenas en Romanía). Froitos baratos, resistentes ás inclemencias climáticas, sen sabor e cuxa semente precisa da tecnoloxía de países máis desenvolvidos. Escravitude dous punto cero.

Ramos Cernadas, Francisco Javier  143 C01

Ti es o milagre da terra e a terra é un milagre teu

EMIGRAR: Deixar o propio país ou o lugar de orixe, para establecerse noutro, en particular por razóns de traballo.

Alén do que poidan dicir as academias, os galegos ben coñecemos o significado da palabra emigrar. Familias partidas pola metade, pais que non ven aos seus fillos, fillos que non ven aos seus pais… Por iso, e despois dunha extensa documentación, estando tan presente o tema na nosa sociedade, decidimos escoller como material de traballo as relacións entre os emigrantes retornados, para o cal nos servimos da axuda da asociación Marusía.

IMG_1004

Despois de contactar co presidente da asociación, Manuel Domínguez Rial, este convidounos a asistir a unha palestra na que se presentou o principal foco de actuación da asociación: o conflito cas pensións do estranxeiro. Alí, despois dun longo camiño pola sempre en obras rúa de San Pedro, chegamos ao lugar de encontro dos retornados. Na porta tivemos a primeira toma de contacto con eles. Ao entrar, dímonos conta de que o lugar era un sitio humilde, case tanto como as persoas que alí se atopaban. O lema “Semente espallada polo mundo que retornamos a Galiza” inundaba as paredes xunto con fotografías cun ton melancólico. Un pequeno espazo para unha gran causa.

IMG_0973

Despois de que o presidente falara do tema das pensións, abriuse un pequeno debate para compartir opinións e o caso de cada un. As reaccións dos retornados foron moi variadas. Mentres uns alzaban a voz e perdían os nervios, outros asentían compracidos co que oían os seus oídos e a esperanza que lles facía chegar o tamén retornado Manuel Domínguez. Para rematar, comunicáronse as datas dos vindeiros actos. DSC_5704

DSC_5689

O primeiro deles chegaría unha semana despois, acompañado da enésima cicloxénese explosiva. Dende hai unhas semanas os membros da organización, ademais de recoller firmas para unha ILP, estiveron xuntando reclamacións para entregar en Facenda. O acto en si pode que non vaia supor unha mellora real na situación, mais é unha mostra de unión e apoio, unha mostra de que non se esquecen do que están a sufrir. Reuníronse na entrada da oficina para salvagardarse da furia do tempo e, mentres non se procedía á entrega dos papeis, compartiron a súa experiencia con nós. Todos coincidían nunha cousa; a eles ninguén lles dixo que tiñan que afrontar pago algún en todas as ocasións que fixeron a súa declaración e agora a facenda estálles reclamando diñeiro dende o 2008. Cando todo o mundo ten a mesma queixa é por algo.

DSC_5843

Unha vez entregadas as firmas, desplegaron unha pancarta na porta do edificio durante uns minutos e despois diso puxemos rumbo á casa, coa pena de que o tempo non permitira unha maior afluencia á convocatoria. Mañán imos acudir a unha nova reunión e iremos informando de como avanza o traballo da asociación.

                                                                                                                                      Sempre tentando ser o reflexo deses retornados.

DSC_5669

143 COO

De negros e de homes

Imagen

Portada de El País do día 17 de febreiro

Atención! Refúxiense todos na súa casa e non saian! Hordas de subsaharianos famentos veñen a saquear a nosa grande e libre nación (deixémolo mellor en país), a ocupar os nosos postos de traballo e a roubarnos as nosas mulleres. Iso é o que parecen vendernos portadas como a publicada hai uns poucos días polo diario El País. U-lo diario de esquerdas e progresista que levaba o mesmo nome? Iker Jiménez saberá.

Posto que o noso proxecto tratará sobre os emigrantes retornados, coido que analizar o que está pasando en Ceuta e Melilla é pertinente para o contido deste post. Analizar o xeito en que se está a crear unha alarma social innecesaria para facer de menos ao escándalo do ocorrido recentemente. Mentres hai persoas afogando e sendo disparadas polas autoridades españolas cando tratan de manterse a frote, os nosos medios de comunicación deciden que o importante é que hai moitos africanos que queren vir a Europa. Cousa estrana. Por que quererán fuxir da miseria na procura dun futuro próspero? Como é esta xente de cor…

Non quero soltar parrafadas moralistas, pero se algo teño claro despois de traballar con persoas emigradas é que ninguén o fai por pracer. Por iso, as actuacións de autoridades e medios de comunicacións estes días me repugna por inhumana. Xustifícanse mortes coma se a vida dun inmigrante valese menos cá de calquera dun de nós. Como xornalistas en potencia, cómpre ter claro que o soño dunha prensa veraz e crítica se esvaece cada día máis. Abondan as mostras.

Como o espazo deste post é limitado, déixovos dúas ligazóns por se queredes ler máis sobre o tema: en primeiro lugar, un texto extraído do blog dun periodista, José Luis Sastre, que é quizais o máis realista e duro que lin sobre o tema. En segundo lugar, algo máis distendido. Unha forma graciosa de quitarlle ferro á portada noxenta que abre este post. Un artículo humorístico de PlayGround Magazine sobre a reacción suscitada en Twitter por dita portada.

Ramos Cernadas, Francisco Javier 143 C01