Arquivo do blog
O pesimismo é o verdadeiro inimigo do xornalismo
A realidade actual da nosa profesión é indubidablemente dramática. O xornalismo está en crise. E non é unha crise pasaxeira nin unha focha económica común a outras industrias, senón un mal que axexante que parece comezar a tornarse irreversible.
Está claro que a esencia do xornalismo reside xustamente na crítica, en ser capaces de comprender o entorno e de chegar a esa verdade que tantas veces se esconde de ser escoitada e lida pola cidadanía. Pero unha actitude crítica e de constante inconformismo non debería sementar a inestabilidade laboral que sofren hoxe en día tantos xornalistas non só neste país, senón en todo o mundo.
Page One: The New York Times é xustamente isto, un reflexo da realidade de 2010 que, a pesar de remontarse cinco anos atrás e xirar arredor da rutina laboral dun xornal estranxeiro, tampouco se diferenza tanto do que se vive aquí hoxe en día. E unha crise común que afecta a todos eses traballadores e que non só ten un, senón moitos detonantes que fan estoupar esa bomba de reloxería que ten ao xornalismo nun limbo profesional.
O descenso de publicidade nos periódicos é unha das causas desta crise. Para que necesitan as empresas proxectarse en páxinas impresas se o poden facer elas mesmas cunha vía única a gratuíta como é Internet? E esta é unha realidade da que non escapa ningún xornal. Porque a publicidade é, superficial e fondamente, o sustento económico dunha profesión que viviu dende os seus inicios para contar a verdade.
Porén, sexa como sexa o sector publicitario, é fundamental como recurso económico do xornalismo. E se desaparece é, en parte, por un xigante magnánimo e sen fronteiras: Internet. As novas tecnoloxías son a verdadeira causa desta crise que se agudiza por momentos. A profesión deixa de intentar buscar unha solución e prefire instrumentar o rol converténdoo no inimigo cando o que debería é aliarse con el. De todas formas, a tecnoloxía nace para desbancar un xornalismo tradicional crible, veraz e contrastado por un xornalismo cidadá máis aberto e dubidoso. Tal vez a única saída a esta situación sería buscar un equilibrio.
Está claro que os medios de comunicación que non se adapten a unha realidade tan cambiante morren. E que os medios morran só pode significar o despido de centos de traballadores, e naqueles que se manteñen a duras penas, a baixada de salarios e a inestabilidade laboral. O xornalismo parece converterse, a cada paso que dá, nunha profesión completamente vocacional.
Tamén hai outro mal do que non podemos esquecernos e que foi o verdadeiro motivo desa caída estrepitosa que tivo a Tribune Company: a importancia dos intereses económicos e empresariais fronte á preservación dun bo xornalismo. E non cabe a menor dúbida de que esta profesión é un negocio e, como tal, ten que xerar beneficios. O problema é que, na meirande parte dos casos, queda demostrado que se as primeiras motivacións se sitúan na primeira liña de batalla, as outras quedan soterradas.
Búscase o equilibrio e a rendibilidade económica a través das novas tecnoloxías que viñeron para revolucionar a profesión e poñela patas arriba. Porén, se hai algunha nova liña de traballo e de negocio é xustamente esta, a enorme potencialidade que ten a rede para ser explotada no sentido xornalístico do termo. Só temos que deixar de vela como unha inimiga.
FILLOY MARTÍNEZ, LAURA 151.B05
Finalizando a nosa viaxe por (Hist)América
Estamos preto de rematar o traballo que fomos xestando ao longo do cuadrimestre. Durante estes tres meses estivemos traballando co grupo de investigación HistAmérica co obxectivo de coñecer como se produce a comunicación entre os diferentes membros e como se van tecendo relacións persoais co entorno. Para iso, buscamos información sobre o seu funcionamento, afondamos sobre o concepto de ciencia, puxémonos en contacto co gabinete de prensa da USC, entrevistamos a unha xornalista de El Correo Gallego… Levamos a cabo un traballo de campo que contextualizase as conclusións ás que queriamos chegar na fin de curso e, a partires deste momento, comeza a labor de análise.
Aínda nos quedan tarefas por facer. Temos concertadas as últimas entrevistas para a semana que vén. Hai varios aspectos que, por considerar de enorme relevancia, quere
mos recalcar. Un deles é a relación do noso grupo con universidades americanas. Aínda que foi obxecto de post do luns, estamos á espera de máis información por parte delas. Tamén queremos seguir puntualizando algunhas das conclusións que sacamos a partires da entrevista con Lois Celeiro porque a importancia que xoga o gabinete de prensa dentro dos grupos de investigación é innegable. E aínda que temos unha visión global do funcionamento, queremos matizar certos aspectos que nos resultaron salientables. E, por último, entrevistar a un profesional do sector, un xornalista científico que nos axude a trazar as últimas pinceladas do traballo.
Entre o que levamos feito e as últimas tarefas que nos quedan por levar a cabo, as conclusións comezan a irse esbozando. Aínda que non son as definitivas, o mundo da investigación resultounos moi interesante e atopámonos cun campo de traballo que ata o momento era descoñecido para nós. Tamén fomos capaces de entender a incuestionable relevancia da comunicación e da difusión de coñecemento. Pero, sobre todo, comprendemos a grande carencia que existe en torno ao concepto de ciencia.
FILLOY MARTÍNEZ, LAURA 151.B05
HistAmérica en redes
Segundo a proposta de Carlos Sluzki definimos as redes sociais e persoais como todas as relacións que mantén o individuo coa xente do seu arredor, ben sexan familiares, amigos ou coñecidos cuxa influencia incide na propia creación e consideración da persoa. É dicir, sería algo semellante a un mapa conceptual que reflexa os vínculos compartidos entre alguén e o entorno.
Nós imos aplicar esta reflexión ao noso traballo: o estudo da comunicación dun grupo de investigación de historia de América.
Como se pode comprobar en anteriores post, a primeira fase dedicámola ao estudo das relacións que se establecían entre os integrantes de HistAmérica a partir de entrevistas persoais. Podemos dicir que o grupo forma unha rede mínima, aínda que tampouco se adscribe por completo ao concepto. Aínda que son só cinco membros fixos, teñen moitos colaboradores en formación que amplían e nutren os coñecementos comúns do grupo. Por outra banda, tamén consideramos que o nivel de densidade é medio porque teñen unha relación bastante próxima e adoitan intercambiar opinións respecto ao traballo. Con esta información, aseguramos que a comunicación é bastante informal.
Tamén podemos facer alusión específica á dispersión do grupo. Aínda que o núcleo esencial de HistAmérica traballa en Santiago de Compostela e ten un contacto case diario, un dos membros pertence ao Campus de Lugo e tamén teñen outros colaboradores en formación en Madrid, Valencia… A primeira impresión lévanos a indicar que é un grupo bastante disperso. Porén, os que levan a maior parte da carga do traballo están en continuo contacto e traballan preto os uns dos outros.
Describindo esta perspectiva, a seguinte será coñecer mellor o seu entorno. Para iso, comezaremos a falar no seguinte post do Coloquio Internacional da Violencia Política no Século XX, celebrado en Lisboa e ao que asisten varios membros do grupo.
FILLOY MARTÍNEZ, LAURA 151.B05
Que é a ciencia?
Alguén sabería nomear algunha semellanza entre a física e a historia? Algo que as vincule? Está máis que claro que diferenzas hai moitas, por non dicir que nada ten que ver a unha coa outra. Vós preguntaredes… Por que entra en xogo esta reflexión? Ocorréusenos a idea de facer este post cando, a principios da semana, concertamos unha entrevista con Patricia Calvo, a xornalista que se encarga de xestionar a actividade comunicativa de HistAmérica. A conversación suscitou varios debates. O que poño hoxe sobre a mesa é unha vella e desgastada polémica que nunca deixa de estar de moda: ciencias ou letras?
O tema naceu a raíz dunha pregunta sobre o financiamento dos grupos de investigación. Moi acertadamente, Patricia asegurou que entendía á perfección que as axudas fosen máis cuantiosas para un proxecto de física molecular que para un de historia de América. Porén, a consideración social das dúas temáticas está moi afastada e pouco ten que ver cos cartos que percibe unha fronte á outra. É dicir, parece que nun ámbito como o que estamos a abarcar, a investigación histórica non adoita ter o mesmo recoñecemento que a científica pura.
Foi unha reflexión que a nós, como grupo, nos chamou moito a atención. De feito, tamén tiñamos os nosos prexuízos cando comezamos a traballar con eles. Realmente é unha comunidade científica? Foi a dúbida que se nos formulou nun primeiro momento porque consideramos que colaborar con historiadores non se cinguía realmente ao termo. Estabamos equivocados. A historia, fronte ás moitas diferenzas que poida ter, ten algo en común coa física: tamén é unha ciencia. Os historiadores investigan un conxunto de coñecementos obxectivos e veraces, realizan experimentos, formulan hipóteses, marcan unhas metas e seguen unha metodoloxía que impón o ritmo do seu traballo.
A ciencia non só son números, nin ecuacións, nin expresións matemáticas imposibles. Porén, a súa definición parece estar erroneamente interpretada pola sociedade.
FILLOY MARTÍNEZ, LAURA 151.B05