Arquivo do blog

Centenario do Centro Galego da Habana e de Hijos del Ayuntamiento de La Estrada

Este mes cúmplense cen anos da inauguración do Palacio do Centro Galego da Habana. Hoxe pretendo sinalarvos a importancia que tivo esta institución e quen estivo detrás, os galegos emigrantes. Así pois, tamén vai adicado á sociedade de emigrantes “Hijos del Ayuntamiento de La Estrada” debido a que pronto celebrarán tamén o centenario da súa formación.

g-centro-gallego-(gran-teatro-de-la-habana)-1572

O 21 de Xaneiro de 1872 os galegos residentes nun territorio ultramarino de Cuba fundaron a “Sociedade de Beneficiencia de Naturais de Galicia”. No 1879 convertiríase nun proxecto moito máis ambicioso, o do “Centro Galego da Habana”. Este nace para promover a cultura dende tres seccións: “de Recreo e Adorno”, “de Declamación” e “de instrución” (biblioteca, escola e escola de idiomas). O edificio en si mesmo comezouse a construír no 1907 finalizando en 1913 as obras do Palacio Social e no 1915 as do Teatro (que xa existía, era o antigo Teatro Tacón e fora mercado pola asociación). O centro medrou e chegou a ter ata hospital “La Benéfica” e Caixa de aforros “Caja de ahorros y Banco Gallego”. No 1920 eran 64.000 socios, mentres que na capital galega o censo total era de 25.870 habitantes.

En 1961, ca revolución, cesou o Centro Galego como institución. Hoxe en día o edificio coñécese como o Gran Teatro da Habana e o espazo adicado á cultura galega e á labor das sociedades emigrantes quedou moi reducido. Aínda así, celébranse de cando en vez actividades relacionadas. Na semana do 12 ao 19 de abril terá lugar o Festival La Huella de España (XXVI edición) que estará adicado á nosa cultura facendo mostras de danza, teatro, música, literatura, cine… ca pretensión de amosar as nosas raíces presentes na cultura cubana.

Voltando aos comezos do Centro, pouco despois da súa inauguración en 1915, nacía nas suas salas a Sociedade Hijos del Ayuntamiento de La Estrada. Os obxetivos das sociedades era brindar apoio aos emigrantes, que adoitaban ser veciños, e en conxunto aportar ideas e diñeiro dende Cuba ao seu lugar de orixe, principalmente mellorando a educación (como vistes no post sobre as escolas de emigrantes). Na primeira reunión dos fundadores estableceuse un reglamento. Destaco que no Artigo III consignáronse uns obxetivos: “Protección a las sociedades confederadas del Ayuntamiento de La Estrada, a la enseñanza y al asociado necesitado”. No Artículo IV especificase que 50% dos fondos que esta sociedade dedica á Federación Agrícola da Estrada, destinaranse á construcción dun edificio domicilio da Federación e a soster un periódico para a defensa dos intereses agrarios. Un 25% dedicado á ensinanza e o outro 25% ao socio necesitado.

jksA sociedade viu os seus froitos.En 1920 nacía na Estrada o xornal El emigrado (Periódico Independiente-Órgano de las Sociedades de Emigrados y Agricultores). Cabe destacar que o xefe redactor era Manuel García Barros (mencionado xa nun post sobre a prensa da emigración) que xa dirixira en 1906 o xornal El Estradense, anticaciquil e defensor dos intereses das sociedades agrarias, con ampla distribución na Habana.

*Agradecementos a D. Manuel Barros, membro de Hijos del Ayuntamiento de La Estrada, pola información quen os aportou.

Cristina Amosa Tato 151.D01

Emigración en diferentes espazos e tempos. Historias na música

A historia está marcada pola emigración dende o comezo dos tempos. Se temos en conta que a especie da que procedemos aparece en África, o resto da poboación mundial descendemos de emigrantes. Así é que podemos definilo como un fenómeno mundial presente en todos os tempos. As primeiras referencias á emigración, entendida como o proceso polo cal un pobo abandona un lugar de orixe na procura dun mellor benestar económico e social, aparecen nos escritos relixiosos: O éxodo do pobo xudeu conducido por Moisés ata a Terra Prometida. Como todo o que se mantén no tempo, evoluciona, vese afectado polo desenvolvemento da sociedade, adquire novos matices e é diferente segundo a cultura na que se dea.

Afastándonos dos escritos bíblicos,os pioneiros grandes fluxos de persoas serían os traslados de poboadores e soldados aos territorios conquistados polos imperios (Cartago e Roma). Neste caso falamos dunha emigración permanente porque se establecen no lugar e teñen ali a súa descendencia. Séculos despois, tralo descubrimento de América prodúcese un tipo de emigración moi similar, onde os colonizadores se desprazan ca idea de establecerse ali a vivir e xogar un papel civilizador. Mais ten lugar outro tipo de emigración, o traslado forzoso de soldados africanos cara o Novo Mundo. Dende logo, hai unha gran diferencia entre a situación duns e outros aínda que ambos participan nun mesmo proceso. Tampouco viaxan nas mesmas condicións loxicamente e, o paradoxo é que, no caso dos escravos, a súa historia contradí a propia definición de emigración porque a ningún o agardaba un futuro próspero.

Dende a Idade Moderna, as causas máis frecuentes da emigración mantivéronse: guerra, invasión, procura dun futuro mellor. Na actualidade, co avance nas comunicación fomentouse o traslado de persoas. A emigración que podemos ver agora aquí en España é totalmente distinta, como vos fomos ensinando nos anteriores posts. Atrás quedan os tempos nos que se marchaba con dúas mudas, unha carta de recomendación do veciño e a promesa de enviar correspondencia. Os nosos mozos emigran cun contrato de traballo ou cun plan de estudos e ca firme noción de que estarán comunicados ca súa xente. Iso sí, igual que antes, marchan para gañarse o pan ou prepararse para iso fóra do seu país de orixe.

Sería inabarcable analizar todas as oleadas ao longo da historia. Como a arte foi sempre una expresión da situación social, podemos atopar na música por exemplo historias da emigración, cos matices distintos dos protagonistas, dos que parten por diferentes motivos e en diferentes situacións:

-The partisan: A historia de Emmanuel, guerrilleiro da resistencia francesa durante a II Guerra Mundial.

-Tres veces mojado: Reflexo da habitual emigración de mexicanos cara Estados Unidos.

-Clandestino: canción que describe o problema que sofren millóns de inmigrantes arredor do mundo.

-Juan y José: Separación de dous amigos por un que emigra cara América.

-Papeles mojados: Unha perspectiva dende o outro bando, dende o que vía chegar ao seu país do primeiro mundo a inmigrantes dende o continente Africano. Aquí unha reflexión: Podería dicirse que a emigración termina onde comeza a inmigración. Os países que rexistran más inmigración na actualidade son os pertencentes ao primeiro mundo.

Amosa Tato, Cristina 151.D01

No bo camiño

Como vistes dende o primeiro post grupal a nosa liña temática foise orientando cara a emigración actual. Entrevistamos a Eloi Vidal, galego emigrante en Sevenoaks. Definiriamos isto como unha experiencia boa para coñecer como é a realidade dunha persoa que se vai nos tempos de hoxe. Como puidestes ver, hai unha gran diferencia ca emigración anterior. É posible que lle adiquemos máis tempo a este tema porque nos comentarios preguntástesnos polas condicións laborais ás que se ateñen (por que é máis fácil ascender, por que se ofrecen postos a estranxeiros, etc) Continuando ca emigración actual, contactamos con Global Galicia, a rede que pon en contacto persoas emigrantes en diferentes lugares. A cabalo entre a emigración a América do século XX e a actualidade, está o artigo que publicou a nosa compañeira Xiana das escolas de emigrantes. Non deixan de ser o resultado do traballo e investimento dos nosos antepasados que miraron cara o futuro e garantiron a educación das seguintes xeracións.
A principal problemática que atopamos á hora de investigar a emigración de galegos na actualidade é que é moi escasa cara América Latina. Porén, estase dando de forma moi frecuente cara Europa: Inglaterra, Suíza, Alemaña, Dinamarca… Intentaremos comunicarvos máis experiencias como a de Eloi Vidal. Outro inconveniente ao que nos ativemos foi á hora de investigar sobre a síndrome de Ulises, para o cal nos parecía convinte falar con psicólogos expertos mais non obtivemos resposta do Colexio Oficial de Psicoloxía.
Non queremos deixar de lado o noso obxectivo principal, o de mostrar os estereotipos que se crean en torno aos galegos na América. Mais, perduran estes estereotipos a día de hoxe para os galegos? Que outras connotacións sofren noutras culturas? Nas próximas publicacións intentaremos facer unha explicación histórica da emigración: como nace este fenómeno, como adquire novos significados e matices esta palabra e como se transforma no tempo.
Para continuar, mantemos o contacto co Consello de Cultura Galega. Casualmente están poñendo en marcha un proxecto para recuperar documentación gráfica da emigración. Calquera persoa que poida aportar fotografías ou outro tipo de soporte relacionado co tema será útil para a labor que están levando a cabo. Dependendo da evolución disto intentaremos compartir con vós este traballo.

castelao. a nosa rerra non e nosa rapaces

GRUPO 151.D00

AMOSA TATO, CRISTINA 151.D01

GÓMEZ CALVO, NOELIA 151.D02

GÓMEZ DE LA CAMPA, XIANA 151.D03

GÓMEZ VALES, LAURA 151.D04

LUENGO MARTÍNEZ, DIEGO 151.D05

A soas con Neira Vilas

 

 19“En realidade todo isto que ves aquí, esta Fundación, non é máis que unha continuación do activismo galeguista, do activismo en prol da cultura galega que veño celebrando hai case 50 anos desde Arxentina, Cuba e aquí”

Neira Vilas é un de tantos que naceron nunha aldea de campesiños e buscaron novos horizontes, onde poder estudar e gañarse a vida alén do mar. Emigra a Bos Aires con só vinteún anos para estudar Xornalismo. Esta é a súa historia.

Un mozo novo que chega alí só, como é o feito de afrontarse a unha cidade como aquela?

N.V- Non tiven problema ningún, desenvolvinme rápidamente. Había moito galego, había catro mil na capital federal. Desenvolvinme en todo momento como activista da cultura galega. Logo de doce anos funme para Cuba ca miña muller Anisia e creamos unha editorial galega alí, Follas Novas e ademais da editorial, unha distribuidora de libros galegos en toda América. Tamén en Cuba creei unha sección no Instituto Galego de Literatura Lingúística e traballei alí durante vinte anos, na administración. Fixen a revista Zunzún para nenos e que sei eu… moitas actividades.

 Sempre atopou apoio a nivel cultural, tanto aquí coma alí?

N.V- Si, si. Eu fun un gran provocador, no bo sentido. En canto a Galicia, entre propios e alleos, en canto defender o idioma galego, en canto ao que escribía. Todos eses anos escribín moitos libros que se publicaban aqui e que se publicaban en galego. Nunca escribín que non fose en idioma galego. Atopei apoio sempre. Xente que me apoiaba e colaboraba na Sección gallega da Habana, en Buenos Aires, aquí no regreso. E sobre todo, eu sempre buscaba actuar coa xente xoven, cos estudantes. E nunca me defraudaron.

Como recibía a prensa cubana en xeral que vós publicarades en galego?

N.V- Iso non era noticia ningunha. Alí xa había moitas editoriais galegas, EMC, NOVA, TITANIA. Na Habana había moito galego, case a terceira parte de Galicia estaba alí. En Cuba non. Foi unha emigración importante xa que alí naceu o himno gallego e a bandeira galega pero iso viña de moito atrás. Aínda así eu alí movíame entre o mundo cubano. Facía investigacions sobre a prensa galega en Cuba, sobre Manuel Murguía galego na Habana, sobre Rosalía de Castro en Cuba. Isto tiña acollida entre os cubanos porque había moita curiosidade, fillos de galegos, netos de galegos…

 E como é que nacen o himno, a bandeira e a RAG?

N.V- A bandeira en realidade fixérona un grupo de emigrantes que decían que se non tiñamos bandeira eles viran unha bandeira ondeando nun barco na Coruña, preguntáronlle a Manuel Murguía e el dixo que non era a bandeira galega, non existía a bandeira galega, era unha bandeira da comandancia portuaria de Coruña pero que a podían usar. E empezárona a empregar e aí segue dende o 1904. O himno e a academia foron por idea dun emigrante ferrolano, Xosé Fontenla Leal que promoveu a creación do himno e da academia. Nace o 10 de decembro de 1907, cando se canta por primeira vez o himno galego e dous anos antes créase a academia. Ademais viñeron a Galicia dende America 317 escolas cando habia aqui un 72% de analfabetos. De Cuba soamente viñeron 200, o resto outros países de Arxentina, de Chile, de Uruguai e por aí..

Vostede que estudou o fenómeno da emigración anterior á súa etapa. Como era a integración do galego emigrante en Cuba?

N.V- Ah moi boa. Había unha relación moi boa entre os cubanos e galegos. Sociedades como a de Rosalía de Castro, Concepción Arenal, facíase teatro galego porque son fillos e netos de galegos. Xa non hai galegos, non sei se haberá media ducia centenar. De maneira que a integración foi sempre moi boa, moi entrañable, como en ningún país. A compenetración en Cuba da nosa emigración foi mellor ca co resto dos países de América.

 Lemos que incluso houbo emigrantes galegos que participaron na Guerrilla…

N.V- Si, na guerra de Independencia. Teño eu un libro que se chama “ galegos que loitaron pola independecia en Cuba” e hai aí un que chegou a xeneral, incluso. Vían aquela guerra da independecia xusta. E depois da independecia, moitos galegos incorporáronse ás loitas sindicales e todo esto. Os homes e mulleres dalí son xente moi cordial, moi cariñosa, moi fraterna, de maneira que te comprometes de inmediato con eles. Modesta, son xente modesta e solidaria ademais.

 Aínda que xa falamos desta boa integración dos galegos no pobo cubano, non habÍa uns estereotipos do galego emigrante, prexuizos de analfabeto por exemplo?

N.V- Ali non habia pero na Arxentina habia os sainetes, personaxe no teatro que xa era motivo de burla en Buenos Aires. Pasa unha cousa, chega o galego con acento galego e pensan que é torpe porque non fala ben o castellano. E en cambio chega o andaluz analfabeto e como fala castellano din, pois parece que é máis listo que o outro. Pero bueno eso é nalgunha xente moi ignorante.

 E en canto á muller, cal era o seu papel? A que quedaba aqui cos fillos?

N.V- Poucas veces a muller emigraba. A muller que quedaba aqui, ás veces o fillo maior substituía ao pai. Moitas veces o marido emigaba uns anos, desempeñaba unha leira e traía uns cartos e volvía. Porén había algúns casos nos que se esquecía da muller, collía outra muller, outra familia, outros fillos.. Rosalía falaba das viúvas dos vivos. Eso é terrible, un problema social moi triste porque a muller quedaba sola pa traballar a terra e cos rapaces. E o marido ibase, as veces xiraba algun diñeiro e outras veces nada, esquecíase frívolamente.

E había mulleres que emigraban solas?

N.V- Había. Eran criadas a maioría en Arxentina, Uruguai… Ocurrian cousas como esta: traballaban nunha casa dunha señora, a señora tiña un fillo mozo, o fillo mozo seducia a criada, deitabase con ela, e a señora da casa facia a vista gorda porque preferia eso e non que collera unha enfermidade por ir a un prostibulo por aí, entón permitía que a criada mailo fillo se entenderan pero por aí a moza quedaba embarazada e xeralmente metialle unha xoia dela no bolso da moza acusabaa de roubala e iba presa ou polo de pronto era un motivo para botala da casa, embarazada. Espantoso. E o fillo era un señorito que se aproveitaba dela.

 Vostede que viviu esta transicion, como ve a emigracion de agora en comparacion ca emigracion de aquela?

N.V- Non se parecen en nada. A emigracion de aquela era de galegos analfabetos. Era para traballar manualmente. Emigraba xente en masa. Hoxe os que salen a Alemania Francia e por ai van con contratos, son licenciados xeralmente. Non é masiva asi a eito, é emigración selectiva.

 Cal era o motivo principal da emigracion daquela?

N.V- Económico. Habia que desempeñar unhas leiras, habia que vivir algo mellor. E hoxe tamén é económico pq aqui non teñen traballo tendo unha carreira, conseguen un contrato en Alemania e vanse. Pero van con nivel universitario, non son peóns.

 Volvendo un pouco ao tema da cultura, persoas como vostede promoveron prensa en galego mentres que aqui non se podia ver nada en galego. Había medios clandestinos?

N.V- Non, había moita máis cultura galega en Buenos Aires que aqui, aqui nada. Libros que aqui non lle permitía a censura publicar, mandábannolos a nós e publicabámolos en Buenos Aires. A Esmorga, por exemplo. Toda esa represión era o normal e aqui nada se podía facer. Algún libriño publicaban pero pouca cousa e tiña que pasar pola censura. Censurábanche os debuxos tamén, non só o texto. Como en Xente ao lonxe que por unha cadela en celo con catorce cans detrás, non pasou a censura. Esas tonterías. “Porque era obsceno.”

 Fálenos máis das escolas da emigración

N.V- Importantísimas, fundamentais. No ano 1919 houbo un censo dos mozos que acudían ao servizo militar e nn había un só analfabeto das 16 escolas que había en Cuba. Aquí emigraban moitos que a penas sabían firmar, iso era moi frecuente e moi triste, e por iso se facía un grande esforzo para crear estas escolas. Propoñíase que moitas fosen laicas pero ás veces non era fácil pactar co cura. Por iso non eran todas laicas, nagunhas ensinábase relixión, noutras non.

Quen financiaba todo iso? Como se conseguía?

N.V- Con enormes esforzos dos emigrantes. Os terreos, a construción do edificio, o mobiliario, o salario dos mestres. Con enormes esforzos, con rifas, con festas, con bailes… Moitos emigraron analfabetos e tiñan consciencia do problema pero eles non se ian beneficiar, xa non ian volver aqui nin nada, era xente xenerosa preocupada polo futuro dos rapaces.

IMG_7079

Amosa Tato, Cristina

151.D01

Co Atlántico de por medio

a32

A emigración está en Galicia. Está na nosa xente, nos relatos, nos albumes de familia, nas cartas que gardan os avós, na palabra morriña. É un fenómeno sociocultural que marcou e marca a nosa historia.

Somos o grupo formado por Laura Gómez, Diego Luengo, Noelia Gómez, Xiana Gómez e Cristina Amosa e imos traballar a emigración a América no século XX. Concretamente, a partir dos anos 20, cando aparecen iniciativas culturais en Cuba, Paraguai, Arxentina… O noso obxectivo é sacar á luz o froito cultural que deu a emigración galega na América. A nosa estratexia é a seguinte:

1)Imos traervos de volta xornais, revistas e programas radiofónicos que alí naceron, moitos deles da man de exiliados da ditadura que promoveron fóra do seu país, porque nel non podían, o seu idioma e cultura. Os tipos de publicacións serán de diversa índole, dende documentos políticos (sindicais, anarquistas, institucionais..) até manifestos agrarios na prensa. Este traballo permitiranos chegar ao obxectivo principal da nosa investigación, que é o seguinte:

 2) Amosarvos mediante esas pezas, xornalísticas a maioría pero tamén literarias, a realidade deste fenómeno: os estereotipos do emigrante galego. Recordemos que aínda agora a definición da RAE de “gallego/ga” segue a ter as acepcións de tonto ou tartamudo en Costa Rica e El Salvador.

3) Facer un recoñecemento a aqueles personaxes que tiveron relevancia neste tema. Analizaremos a labor de figuras como Luís Seoane. Tamén de compoñente humano, falaremos con emigrantes retornados e outras persoas que coñecen de cerca a causa. Ademais intentaremos traer algunha entrevista sorpresa ao blogue.

Xa rematar, uns versos de Rosalía.

“Este vaise i aquel vaise,

e todos, todos se van.

Galicia, sin homes quedas

que te poidan traballar.

Tés, en cambio, orfos e orfas

e campos de soledad,

e nais que non teñen fillos

e fillos que non ten pais.

E tés corazóns que sufren

longas ausencias mortás

viudas de vivos e mortos

que ninguén consolará.”

AMOSA TATO, CRISTINA 151.D01