Arquivo do blog

O podcast, na casa do veciño

Para rematar cos nosos posts preséntovos a evolución que sufriron meus avós cos medios de comunicación. Na miña anterior publicación xa falei do cambio que supuxo, por exemplo, a chegada da televisión alá pola década dos 70. Agora , céntrome un pouco na evolución dos medios de comunicación na vida dos meus antecesores.

A influencia da televisión foi mudando pouco a pouco. Inicialmente con so dúas canles, en branco e negro…A chave foi aparición das canles autonómicas; no noso caso a TVG que foi e é para meus avós a más vista. A televisión de Galicia está case omnipresente na súa casa, menos cando os netos imos fochicar no mando do aparello. Eles din que os informa das cousas que pasan máis de preto, que o resto do mundo non lles interesa.

Non obstante, un dos cambios máis interesantes que se produciu na casa dos meus proxenitores foi o distinto uso da radio. Pasou de quedar case que apartada a un lado coa chegada da televisión, a ter unha dependencia absoluta dela a unha hora en concreto durante o día: á hora das notas necrolóxicas. Coa ramificación das grandes radios nacionais como a SER ou a Cope, apareceron delegacións por toda a xeografía española.

Con elas unha cita ineludible para meus avós e para outras moitas familias. Pola zona da Terra Chá tanto Radio Principal Vilalba como COPE Lugo dedican un espazo á redor das 13:30 h á narración das notas necrolóxicas. A esa hora é o único momento do día no que miña avoa colle o aparello radiofónico e está atenta a el (meu avó tamén a sintoniza cando vai no coche). De feito, a irrupción das necrolóxicas na radio mesmo chegou a modificar a hora de comida da xente. “Comemos a hora das notas para saber quen morreu”, afirma miña avoa. Á cita non adoitan faltar nunca, pero cando non poden escoitalas, acoden o podcast do veciño que lles relata os falecidos máis próximos.

Á veces, tamén len as necrolóxicas no xornal, pero iso só cando meu avó se despraza no coche e o merca. El Progreso no seu caso que tamén dedica unha gran aposta pola información local. Polo tanto, isto demóstrame a importancia das noticias e programas locais na vida de meus avós.

Aparato de radio

GARCÍA CALAZA, IVÁN 151.G04

Cando a televisión vía á xente

Como xa fixo o meu compañeiro Pedro no seu anterior post, continuamos centrándonos no papel dos medios de comunicación nas nosas familias.

O medio do que máis dispuñan meus avós era a radio. Non obstante, tampouco tiñan moito tempo para escoitala, xa que durante os traballos do campo non a usaban. Onde si a oían era na taberna da parroquia onde ían tomarlle un viño ou mercar algún produto que non tiñan na casa, principalmente cando había invitados.

Non obstante, ante a pregunta de como se informaban. Eles responden que a xente falaba uns cos outros e as cousas íanse sabendo. “Na taberna, nos días de misa, nas feiras falabas con xente dun lado e do outro e decatábaste do que pasaba” afirma meu avó. Así eran como corrían as noticias. Non dista moito de agora, quizais na actualidade ese boca a boca sexan as redes sociais.

A chegada da televisión foi a gran revolución. Na década dos 70, chegou este medio, aínda que a diferenza do meu compañeiro Pedro a tele non chegou a casa de meus avós; senón a dúas ou tres casas na parroquia. “As que tiñan cartos para comprala” comenta meu avó. Non obstante a falta deste medio, non impediu que non desfrutasen del. Ás noites os veciños xuntábanse para ir vela televisión a casa que a tiña. “Ca chegada da televisión comezouse  a perder o temas dos xogos” (que comentei no meu primeiro post https://comunepersoal.wordpress.com/2015/02/26/a-diversion-nos-longos-dias-de-inverno/ ) di miña ávoa. As ruadas pasaron a estar protagonizadas pola pantalla.

Non obstante, estes avances tecnolóxicos amosaban tamén a parte inocente da xente. Como comentamos en anteriores posts o acceso a educación foi para algún dos nosos avós limitados. Máis aínda se falamos dos nosos anteriores antepasados. Recorda meu avó que as primeiras veces que ían ver a televisión a casa do seu veciño “O Angelito”, a súa nai antes de acender o televisor, collía a súa vasoira feita dunha xesta, varría a cociña e poñía un mantelo limpo. Facíao porque pensaba que os que falaban na televisión tamén a vían a ela e a súa cociña, polo que intentaba ter todo en orde.

A televisión chegou a casa de meus avós xa cando meu pai tiña 7 ou 8 anos. Meu pai recorda como a usaban el e seu irmán para entreter a súa irmá pequena, mentres eles ían xogar o fútbol fóra da casa.

Tenda de Cospeito onde se mercaban as radios

Tenda de Cospeito onde se mercaban as radios

 

GARCÍA CALAZA, IVÁN 151.G04

O traballo como festa

Tras analizar a diversión nos longos días de inverno dos nosos avós, toca meterse nesa outra parte do ano na que o rural cambia de imaxe. Ca chegada da primavera hai moito traballo por facer no campo e as formas de ocio cambian totalmente con respecto o inverno.

No rural o traballo é pesado, pero como di miña avoa “hai que collelo con cariño”. Non obstante, a concepción deste é diferente o que pode ser o de empregado dunha empresa. Prima a solidariedade e tamén o bo humor. “O traballo era tamén unha festa porque pasabas moitas horas fóra da casa e con moita xente, entre veciños” afirma meu avó. Estes traballos en compañía eran coñecidos como “as rogas”. Cada día a roga era nunha propiedade distinta, pero sempre os mesmo veciños axudando. Comíase e merendábase na leira e aquilo xa era unha festa dos nosos antepasados.

Outro dos grandes eventos da semana eran as Feiras. A estas adoitábase ir todo o ano, pero collían gran interese co bo tempo cando a terra comezaba a producir algún excedente para vendelo. Estas ventas permitían adquirir outros produtos que o campo non daba. Non obstante, era unha das poucas veces que a xente do campo saía da súa rutina e xeralmente as feiras tiñan lugar en sitios máis urbanizados con outros servizos que ó rural non chegaban. Por todo isto, as feiras tamén eran consideradas formas de ocio.

subir comun 1

Un día de feira en Cospeito

 

 

Por último, tamén estaban as festas e romarías. Celebrábanse sempre na data do patrón, independentemente de que día da semana fose.  Meus avós ían as festas do redor, pero a única forma de ir era camiñando. Comenta miña avoa que polo camiño levaban uns zapatos e antes de chegar o campo da festa cambiábanos por outros. ¿Onde deixaban os usados? Escondidos no medio das silveiras ata que acabada a festa, os recollían. Aínda así, a festa non duraba ata as tantas da madrugada. As 12 da noite chegaban os gardas para parar a orquestra. Non obstante a troula ía máis alá. Os músicos da orquestra comían nas casas dos veciños onde ían tocar e tamén se quedaban a durmir. Ademais, viñan familiares . “Polas festas igual eran 15 ou 20 persoas de fóra máis 7 que eramos na casa, durmiamos polo chan”. “O outro día pola mañá, os que se levantaban primeiro collían unha facha de pallas para levantar os outros”.

Subir comun

Festa de San Xiao na parroquia de Santa Cristina (Cospeito)

 

 

GARCÍA CALAZA, IVÁN 151.G04

 

 

A diversión nos longos días de inverno

Seguindo a liña dos nosos últimos posts, continuamos repasando como era a vida nos anos da xuventude dos nosos avós (décadas dos 50 e 60). A min correspondeume indagar nas formas de ocio da xuventude daqules anos no rural. Meus ávos, como bos habitantes do interior galego (concello de Cospeito concretamente), aproveitaban o inverno para pasalo ben, xa que era unha época na que os traballos do campo quedaban aprazados dende outubro ata marzo.

A maior troula do inverno era o Entroido. “Hai máis de 40 anos que isto deixou de facerse por aquí” comenta miña avoa. O día grande era a tarde do martes de Entroido. Celebrábanse as corridas de cabalos, onde cada xinete (pagaba antes de participar) tiña que cortarlle o pescozo a un galo colgado dunha corda a unha altura axeitada. Posteriormente, facíanse pequenas carreiras de cabalos polo lugar. Existía a figura do fareleiro que cun trapo colgado nun vasallo zoupaba na xente. Ademais entre os asistentes raiábanse con xices ou pintábanse coa parañoa (prolongación cara a adiante do lar do forno). A orquestra amenizaba o baile.

Aínda así, o Entroido non era cousa dun día. Nos días anteriores un grupo de xente disfrazábase de noite e ían petando nas portas. Levaban sempre un “porteiro” ca cara descuberta para que os deixasen entrar nas casas. Acompañados dunha tixola, en cada casa regalábanlles algo de comida. Durante o camiño prendíanlle lume a unha facha de pallas para alumear e tamén ían tocando o corno. O final da noite xuntábanse nunha casa a comer o recollido.

O resto do inverno tamén había festa, as coñecidas como ruadas. Cada noite a ruada era nunha casa distinta. “Era igual que fose luns que sábado” recorda meu avó. Practicábanse xogos como “o da zapatilla” (todos nun corro pasándose a zapatilla e un no medio intentando collela), “quen te monta” (uns enriba doutros ata saber quen era o que montaba) ou “o xogo de noces” (consistía nunha partida de cartas e, en lugar de apostar cartos, apostábanse noces). “Pasabámolo moi ben. O mellor eramos máis de 30 persoas o pé da lareira” lembra miña avoa.

Amigos avó

GARCÍA CALAZA, IVÁN 151.G04