Arquivo do blog

Un año en “The New York Times”

En “Primera Plana: Un año en The New York Times”, o documental de Andrew Rossi, pode verse como é a redacción do xornal estadounidense dende dentro. Coñecidos periodistas que traballan no xornal reflexionan sobre a supervivencia da prensa escrita nunha época de cambio na que Internet tende a substituír todos os modelos convencionais de xornalismo.

No documental mostrase como é a transformación da industria mediática nun momento de gran cambio, nun momento no que tanto directivos como editores loitan contra os novos medios de comunicación que comezan a xurdir, como Wikileaks ou Twitter, e tamén coas expectativas do público por acceder á información de maneira gratuíta.

nyt

O tema fundamental que se trata neste documental é a loita entre os soportes tradicionais de información e os novos soportes que xorden con Internet, unha situación que podía supoñer a desaparición do xornal impreso.

Esta é unha guerra que aínda non está gañada. Por un lado a prensa en papel loita pola súa pervivencia e, por outro lado, os medios online buscan facerse un oco no mercado.

Ambas as dúas opcións teñen as súas vantaxes e desvantaxes. Por unha banda, a prensa en papel conta con unha maior confianza entre a poboación, considéranse máis ‘fiables’ as noticias que se len nos xornais impresos que as que se poden ler nas súas edicións online. Isto pode deberse a que todo o mundo ten acceso a editar e crear contidos en Internet. Mediante redes sociais, como pode ser Twitter, calquera pode comunicar unha información, que tanto pode ser real como non. Porén, na prensa escrita presuponse que hai un profesional da comunicación detrás deso que lemos, que hai a figura dunha persoa que se encargou de contrarrestar esa información antes de facela pública.

Por outra banda, a información impresa é mais lenta. Un acontecemento que sucede hoxe pola tarde non o imos poder ver nos xornais ata mañá pola mañá, de maneira que cando a información chega a nós xa non conta con tanta relevancia. Os contidos online permiten que esta información chegue ao público receptor de inmediato, xusto cando acaba de acontecer.

Tanto a prensa en papel como online ten vantaxes e inconvenientes. Non so The New York Times tivo, ou segue tendo, o problema dos novos soportes informativos. Todos os medios de comunicación están a sufrir un cambio que aínda está por resolver.

Os dous sistemas teñen cousas positivas e negativas, o máis sensato sería que ambos os dous acadaran un equilibrio, de maneira que non desaparecera ningún e estes se complementaran para seguir logrando que xornais e xornalistas cumpran o seu cometido: informar da realidade coa máxima claridade e fidelidade.

RIVEIRO COLLAZO, PAULA 152.E02

Labregas non asalariadas

mulleres labregas

Para completar unha parte fundamental do noso traballo, no post de hoxe temos unha entrevista cunha muller labrega. A diferenza doutras entrevistas deste tipo que fixemos noutros posts con mulleres labregas que traballan empresas agrarias, a de hoxe, Josefina Lorenzo, é unha muller do rural que traballou no campo toda a súa vida, pero nunca o fixo de maneira remunerada ou  a través dunha empresa.

Josefina está agora xubilada, pero non por iso deixou de lado as labores agrarias. Na súa casa continúa tendo un grande horto con todo tipo de produtos que ela mesma, coa axuda do seu marido, se encarga de sementar, coidar e recoller. Estas labores son algo que ela esta acostumada  a facer ano tras ano e que forman parte da súa vida como ben afirmou nesta conversa.

“Eu traballei sempre no campo, toda a miña vida. Desde os 20 anos dediqueime sempre a facer o que tiñamos na casa, dende plantar patacas ata coidar os animais. Antes non me dedicaba solo a isto, traballei tamén nunha fábrica de madeira, nun serradoiro. Cando me casei e tiven fillos meus pais eran xa moi maiores e tiven que quedar na casa atendéndoos a eles, á casa e á horta. O meu home e mais eu encargabámonos de botar o millo, plantar as patacas, cultivar hortalizas e verduras, atender as viñas… Él traballaba fora da casa, polo que a maior carga de traballo levaba eu. Antes tiñamos tamén animais aos que había que atender, polo que ter leiras axudábache, xa que non tiñas que mercar nada para alimentalos. Coas leiras tiñas como alimentar aos animais e con eles tiñas como alimentarte ti.

Na actualidade a xente cada vez dedicase menos a estes labores. As persoas maiores cada vez poden menos e os mozos prefiren buscar outros traballos que quedar na casa dedicándose a coidar a horta. Nas aldeas cada vez vive menos xente, vaise para as cidades. Os mozos prefiren comprar as cousas que poñerse eles mesmos a cultivalas. Eu claro que tamén compro cousas, pero teño a sorte de poder ter produtos cultivados por min mesma”

A historia de Josefina non é unha excepción nin un caso illado, xa que cando falamos de mulleres labregas na maioría dos casos falamos de mulleres como ela, que non reciben do seu traballo máis que o froito do que elas mesmas sementan. A maior parte das mulleres rurais de Galicia que traballan no campo non teñen un xefe, un salario ou un horario, senón que traballan por propia vontade neste sector que cada vez está máis esquecido.

 

RIVEIRO COLLAZO, PAULA 152.E02

Revistas agrarias – ACRUGA

Como xa adiantamos noutros posts, unha parte fundamental do noso traballo é analizar o papel da muller rural nos medios. Para iso fixemos a análise de diversos programas de televisión agrarios e agora imos facelo tamén de revistas da mesma temática.

A revista coa que imos comezar é ACRUGA, da Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega.

No número de decembro desta revista atopámonos cunha reportaxesobre Paloma e Balbino, un matrimonio das montañas lucenses que se dedica ao gando. Alí contan cunha explotación de Rubia Galega que rexentan dende fai máis de 25 anos.

portada acruga

Na entrevista que a revista lles fai explican cales son os procesos que seguen na explotación e a que se destina a produción. Contan que levan toda a vida dedicados á gandaría xa que aprenderon o oficio dos seus pais, que tamén eran gandeiros.

Falan de como é o seu traballo e a súa vida. Tanto Paloma como Balbino teñen o mesmo papel dentro da explotación e os dous se dedican a facer os mesmos traballos. Levan esta explotación entre os dous, sen distincións de sexo.

Na mesma entrevista pregúntaselles como ven o futuro do sector gandeiro en xeral e da súa explotación en particular. A resposta que eles dan e moi importante para a reflexión: ‘Aínda somos novos e temos forza para seguir adiante. O problema nesta nosa zona é que non hai relevo para nós, por non haber veciños nesta zona. Temos dúas fillas pero non están pola labor de seguir co noso oficio gandeiro’.

Paréceme moi importante isto que afirman. Creo que o oficio de gandeiro está ben considerado entre as persoas de mediana idade, como o son os protagonistas desta reportaxe, pero a cousa complicase coas xeracións máis novas, que buscan outros traballos e escapar do campo.

Antigamente homes e mulleres traballaban, non solo na gandaría senón no campo en xeral, indistintamente do seu sexo. Porén, na actualidade, creo que non solo se está producindo unha menor demanda destes traballos, senón que se acentúan máis as diferenzas entre homes e mulleres.

Estes gandeiros afirman que as súas fillas mozas non están pola labor de continuar co oficio familiar pero, cambiaría a cousa se os fillos fosen homes?

REPORTAXE ACRUGA

RIVEIRO COLLAZO, PAULA 152.E02

Medios rurais – Revistas agrarias

Unha parte importante do noso traballo vai ser analizar o papel da muller rural e labrega nos medios de comunicación. Entre estes están as diversas revistas agrarias como O Fouce, da que xa falamos nun post anteriormente.

Outras revistas que imos ter en conta son Cooperación Galega, Historia Agraria

  • Cooperación Galega

Cooperación Galega é unha revista que edita a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) que naceu no ano 1991.

A AGACA é a asociación representativa do cooperativismo agrario, de todos os problemas económicos, empresariais e sociais en Galicia.

É unha publicación bimensual con contidos de grande interese para un público especializado. Conta cunha tirada duns 15.000 exemplares en cada número e a súa maioría van directamente a cooperativas e profesionais pero tamén se pode ler dende a súa páxina web. A revista conta cun amplo recoñecemento dende os case quince anos que leva en funcionamento.

cooperación

  • Historia Agraria

Historia Agraria é unha revista de agricultura e historia rural que se publica cada catro mese. Está especializada na historia da agricultura, a  economía e a sociedade rural. A revista inclúe seccións como debates, estudos, notas de investigación…

O obxectivo principal desta revista é difundir as investigacións relativas á historia do mundo agrícola, non solo en España senón tamén en América Latina, abarcando temas que se remontan dende a época feudal ata a actualidade.

historia agraria

Estes son solo algúns exemplos das revistas que vamos empregar no desenvolvemento do noso traballo para estudar o papel da muller rural nos medios. Os análises destas revistas iremols publicando nos vindeiros posts.

RIVEIRO COLLAZO, PAULA 152.E02

Sindicato Labrego Galego, Secretaría da Muller

sindicato

Para realizar o noso traballo sobre a muller rural nos medios de comunicación contamos coa axuda do Sindicato Labrego Galego, que nos fai de aval.

Dentro do propio sindicato contan cunha Secretaría de Mulleres que é a que en maior medida nos vai prestar a súa axuda para o desenvolvemento do noso proxecto.

Para coñecer o funcionamento do sindicato achegámonos a súa sede en Santiago de Compostela onde nos explicaron que é o que fan e nos proporcionaron información sobre a muller labrega. A oficina de Santiago funciona a nivel comarcal e dende ela comunícanse coa administración e coordinan as demais sedes. Dentro do propio Sindicato Labrego contan con varios departamentos e cada un dedícase a algo en particular. Algunhas das iniciativas que leva a cabo o Sindicato son, por exemplo, cursos para fomentar o repoboamento do rural, axuda ao impulso do mercado de alimentos… entre as súas funcións están a de facer de mediador entre as diversas asociacións e os propios cidadáns, levan temas fiscais…

O sindicato conta tamén cunha publicación periódica bimensual, O Fouce, da que extraeremos numerosos artigos e información para a realización do noso traballo.

A Secretaría das Mulleres, que é coa que nós imos traballar, realiza programacións para cada comarca con diversas actividades e encontros para cada zona concreta. Organizan tamén cursos de formación, colaboran con diversas asociacións…

Dentro do propio Sindicato a muller ten un papel fundamental xa que hai o mesmo número de traballadores homes que de mulleres. Un exemplo desto é que se queda vacante un posto que lle corresponde ocupar a unha muller nunca será ocupado por un home ou viceversa, desta maneira logran manter a igualdade laboral entre homes e mulleres. Unha iniciativa na que o Sindicato vai adiantado con respecto a outros traballos ou organizacións, onde esta iniciativa non se realiza co mesmo rigor.

RIVEIRO COLLAZO, PAULA 152.E02