Arquivo do blog

“Page One: un año en The New York Times”

periodismo-redes--478x250

Este filme trata a transformación da industria mediática no seu momento de maior confusión. Moitos xornais están desaparecendo e todo o mundo se pregunta que será do New York Times. Nesta película vemos como os directores e editores teñen que lidar constantemente con novos desafíos como Wikileaks, organización mediática internacional sen ánimo de lucro, que publica a través do seu sitio web informes anónimos e documentos filtrados con contido sensible en materia de interese público, preservando o anonimato das súas fontes. Co escándalo dos Papeis do Pentágono (informe secreto do Departamento de Defensa de EE UU sobre a implicación militar e política do país en Vietnam entre 1945 y 1967 que saíu á luz), o New York Times dixo seriamente “somos independentes da presidencia” e publicou o informe. No filme podemos ver que estas decisións as hai que tomar coa cabeza ben asentada polas consecuencias que poden traer.
Outro tema tratado é o descenso da publicidade nos medios impresos. A que se debe? A que “agora Ford xa colga os seus anuncios na súa páxina web”. Internet cambiou completamente o mundo da publicidade.
Nun momento do filme explícase como se levan a cabo as reunións de cada día cos xefes de cada sección. Aquí podemos ver a importancia que se lle concede aos redactores veteranos, encargados de ler o sumario das noticias e facer todo tipo de preguntas sobre elas para asegurarse de que todo o que hai que facer xa está feito. Outorgarlles ese papel é o mínimo que unha empresa de comunicación pode facer.
En Page One pódense ver opinións de todo tipo: hai xornalistas que pensan que no New York Times en vez de falar de surf, por exemplo, deberían de falar do canibalismo existente en Liberia; Brian Stelter, reporteiro de medios para o New York Times, non entende como un xornalista pode non ter twitter; hai quen pensa tamén que hai unha negación colectiva sobre a realidade dos xornais, pois “pénsase que son especiais”. Eu estou de acordo con estas tres opinións. Respecto á primeira, é algo que sempre acontece: non se lle da a importancia que merecen aos temas do terceiro mundo. No referido á segunda, considero que “toda sociedade debe pactar historicamente coa tecnoloxía do seu tempo” (Neil Postman), pois se non pacta, desaparece. Por último, si que creo que moitas persoas están convencidas de que os xornais impresos nunca desaparecerán polo simple motivo de que os leva habendo toda a vida e son necesarios, pero a esta xente diríalle simplemente, que as novas xeracións nacen “co smartphone debaixo do cú”.
Relacionado con isto, está o tema das expectativas dos lectores por acceder ás noticias online do New York Times de xeito gratuíto, os xornalistas David Carr e Brian Stelter comparten a mesma opinión: “a xente que naceu na época onde todo por internet era gratis ve do máis normal que non haxa que pagar por contidos, pero a realidade é que nada é gratis”. Comparto cen por cen esta opinión; non podemos pretender que nos dean o traballo regalado.

RODRÍGUEZ SUÁREZ, MELISSA 152.E03

A imaxe da agricultura

Continuando coa análise de revistas agrícolas, hoxe tócalle á revista Campo y mecánica. Pero hoxe non nos centraremos no tratamento que se lle da á muller nesta revista, senón nunha reportaxe sobre a imaxe da agricultura: é realmente tan negativa como se adoita mostrar nos medios de comunicación?; que factores inflúen nesta imaxe?

IMG_20150331_124326
A reportaxe comeza dicindo: “A imaxe dos agricultores é boa. Non obstante, regularmente son o banco de críticas do gran público”. Agora veremos o por qué.
Máis que unha profesión, a agricultura é a miúdo unha vocación. A opinión pública é consciente disto, como o demostran diversos estudos realizados en varios países. As persoas interrogadas asociaron os agricultores con valores positivos: “proporcionan alimento e coidan da paisaxe e da fertilidade das terras”.
Nun estudo realizado polo GfK Verein (Instituto de Estudos do Consumo, do Mercado e da Distribución), un 86% dos 28.000 consumidores enquisados considerou a profesión de agricultor como unha categoría profesional “digna de confianza”.
En Alemaña, nun estudo realizado no ano 2012, o 78% dos 1.000 consumidores interrogados opinaban que a agricultura constitúe a columna vertebral do país e contribúe significativamente á calidade de vida dos seus habitantes.
A pesar disto, a impresión que os agricultores teñen da súa imaxe social é globalmente negativa debido a que os medios de comunicación se apoderan regularmente de escándalos relacionados coa agricultura. É conveniente resaltar que en materia de alimentación, o medo vende.
Archim Spiller, alemán especialista en marketing expón que “o sector conseguiu desfacerse da imaxe anticuada que o perseguía grazas á aparición de novos segmentos de actividade como as enerxías renovables e o biogás”. Tamén engade que “non é a agricultura en si a que se cuestiona, senón certos aspectos da produción, especialmente a gandaría, os transxénicos, a protección das plantas e a fertilización”.
Dende aquí deixamos o debate aberto para que compartades as vosas opinións. Como pode unha categoría profesional ser apreciada polo gran público e ao mesmo tempo ser o banco de críticas recorrentes? Débese esta ambivalencia exclusivamente aos medios de comunicación?

RODRÍGUEZ SUÁREZ, MELISSA 152.E03

Revista A Terra

Boas!
Neste post analizarei a seguinte revista agraria: A terra do gandeiro e o agricultor.

IMG_20150323_134926En primeiro lugar, podo dicir que nesta revista a presenza das mulleres é moi escasa. Tanto na publicidade como nas imaxes que acompañan ós artigos os protagonistas son os homes. Este aspecto aínda se pronuncia máis cando se trata de artigos sobre a maquinaria agrícola, nos cales se da a entender que conducir un tractor só é cousa de homes. Tamén convén salientar que nos dous exemplares que lin desta revista, o número 41 e o número 53, tanto en entrevistas como en citas de artigos, a quen se lle da voz é aos homes. Con isto, a revista A terra contribúe a reforzar as desigualdades de xénero existentes no medio rural.
As mulleres só teñen protagonismo no apartado dedicado á FADEMUR, Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia. Cómpre dicirvos que estamos falando dun espazo que ven sendo unha carilla de folio… sacade vos as vosas propias conclusións. Nos dous exemplares que analicei, os temas tratados neste apartado eran:
– Máis de 300 mulleres acudiron á celebración do Día Internacional da Muller Rural en Santiago
– Fademur participa no programa AQUELANDO III
A primeira noticia é sen dúbida a máis interesante para o noso traballo, polo tanto centrareime nela. Aquí resáltase a necesidade de reivindicar a igualdade de xénero como un factor de progreso para o mundo rural. Fálase da aprobación da Lei de titularidade compartida en explotacións, coa que se pretende que as mulleres teñan o mesmo estatus xurídico que os titulares das explotacións. Na importancia desta lei profundaremos en post posteriores. Considero que a declaración que a presidenta de FADEMUR realiza nesta noticia é moi interesante: “Non haberá futuro para o rural se a igualdade de xénero non se acompaña dunhas políticas de desenvolvemento que impidan que os habitantes das aldeas e vilas de Galicia sexan considerados cidadáns de segunda”. Unha visión moi realista, penso eu, ou sexa que xa daredes as vosas opinións ao  respecto.
Ata o próximo post!

Rodríguez Suárez, Melissa 152.E03

Programas televisivos sobre o mundo agrario

Boas!
Hoxe vouvos contar un pouco sobre o que tratan os programas televisivos que analizaremos nas próximas semanas. Estes son O agro, A labranza e Cos pés na terra.
Comezando por O Agro, este é un microespazo que ofrece información e reportaxes sobre o mundo agrario así como as últimas cotizacións dos mercados galegos de gando. Se miramos a listaxe de programas emitidos, podemos ver temas como: nova política agraria da UE, plantas ecolóxicas e comestibles para cultivar dentro da casa, axudas para a incorporación de mozos ás explotacións agrarias, produción de viño e queixo, etc. O que pretendemos neste apartado do noso traballo é principalmente analizar os temas nos que saen máis as mulleres e os temas nos que os homes son os protagonistas para desta maneira apreciar as desigualdades existentes. Logo, xa entrando máis en detalles, tamén nos fixaremos en se as mulleres que saen nos vídeos son novas ou vellas para así ver a situación da muller labrega no século XXI. Non obstante, estou segura de que as horas que nos imos tragar vendo estes programas nos servirán para analizar máis aspectos, pero xa volo diremos cando comecemos a visionalos. De momento, déixovos por aquí o enlace para que lle vaiades botando unha ollada!
http://www.crtvg.es/tvg/programas/o-agro

o agro
Por outra banda está o programa A labranza, que con máis de quince anos de emisión e case mil programas, foi testemuña da gran transformación que experimentou o sector agrario galego nas dúas últimas décadas, especialmente a partir da entrada de España na Unión Europea. Un dos asuntos que trata o programa é o da crecente industria agroalimentaria galega. Aquí prestaremos atención a máis do mesmo: adoitan saír máis en pantalla as mulleres ou os homes?; que tratamento se lle dá ás mulleres e cal aos homes?; etc. O enlace no que podedes botar unha ollada aos programas é o seguinte: http://www.crtvg.es/tvg/programas/labranza

LABRANZA
Finalmente, analizaremos Cos pés na terra. Neste programa cóntanse historias humanas apaixonantes de esforzo e tesón, de diversas persoas que escolleron quedarse na terra como medio para desenvolver o seu traballo. En cada entrega vese cómo estes homes e mulleres conseguen saír adiante cada día. Creo que dos tres programas televisivos que escollemos para analizar, éste é sen dúbida o que máis información nos vai aportar, pois imos coñecer de preto o protagonismo que se lle concede ás mulleres e, ao mesmo tempo, as historias que elas contan, que son para o noso traballo os testimonios máis importantes. O enlace para ver os programas de Cos pés na terra é este: http://www.crtvg.es/tvg/programas/cos-pes-na-terra

cos pes na terra

Rodríguez Suárez, Melissa 152.E03

A problemática da muller labrega en pleno século XXI

153075_NpAdvHover

A muller ten un importante papel no mundo rural galego. Asume non só labores agrarios, senón que tamén asume de xeito maioritario as faenas domésticas, o coidado da casa, da infancia e das persoas maiores. Non obstante, nos medios de comunicación non se lle da o recoñecemento que merece.

Ademais disto, a muller labrega atópase cada vez máis nunha situación de inferioridade respecto ao home debido á falla de dereitos propios e de autonomía económica. Os recortes e o desmantelamento de moitos servizos públicos no rural tamén contribúen á precariedade de vida das mulleres labregas.

É de xustiza dispor dos recursos axeitados para vivir dignamente, con independencia de que vivamos no medio rural ou nos centros urbanos. Nisto é no que traballa a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego.

No noso traballo, centrarémonos primeiramente na problemática que aínda sofre a muller labrega en pleno século XXI. Logo, xa centrándonos nos medios de comunicación, levaremos a cabo o seguinte estudo:

• Revisar telexornais e analizar:
a) Que tipo de persoas aparecen cando tratan o medio rural.
b) Que temáticas se tratan nestas noticias e se son tratadas en positivo ou non.
c) Se nestas noticias hai presenza das mulleres ou están invisibilizadas, se estas falan e os temas sobre os que falan.

• Isto mesmo farémolo con programas como “O agro”, “A labranza” e “Cos pés na terra” e con distintos xornais tanto xerais como agrícolas.
a) Saen mulleres coa mesma frecuencia que homes?
b) Tratan ámbolos dous os mesmos temas?
c) Saen mulleres novas ou vellas?

Para rematar, déixovos o seguinte enlace no que a Secretaría das mulleres do SLG pide o stop de todo tipo de violencia contra as mulleres do rural.
Secretaría das mulleres do SLG

Rodríguez Suárez, Melissa 152.E03