Arquivo do blog

E ti, es quen de pasar un control aeroportuario?

Maleta en man, dispúxenme  a sortear a media ducia de seguratas que flanqueaban o detector de metais. Despois das últimas veces en que me vin obrigada a perder cartos en colonias, cremas e mesmo  alimentos –porque si, a Nutella está considerada coma a segunda arma de destrución masiva en Europa, despois do cortaúnllas, claro- isto xa se convertera nunha cuestión de orgullo: ou eles ou eu.

Pero era demasiado previsible. Non só se cumpriu o que xa esperaba: depositar abrigo, móbil, bolso, maleta e un longo etcétera de ridículos artigos que eles consideran de máximo risco; senón, que tamén foi o momento de descalzarse. Sinceramente, nese momento sentín rabia. Non polo feito de descalzarme. Ó revés, pertenzo a aquel grupo de xente que pensa que, se nacemos descalzos, por algo será. A rabia naceu máis ben pola forma de “pedirme amablemente” que entregase as botas. Esta lamentable estampa de ter que ver a señores, pais e nenos desta guisa fíxome sentir que estabamos retrocedendo anos e anos.  Que preto me sentín entón dos animais!

E ben, por fin consigo pasar o control, non sen antes botar unha ollada atrás. Unha ollada que me fixo pensar en que, quizais, este non é o camiño correcto. Sen excepción, tanto un grupo de empresarios orientais á miña dereita coma uns mochileiros italianos á miña esquerda atopábanse na mesma situación: desprovistos dos seus zapatos e da súa dignidade, intentando facer ver que debaixo daqueles cintos que espertaban a furia do detector non se agochaban os problemas contra os que a seguridade nacional pretende loitar.

Fernández Fernández, S2B