Arquivo do blog
ProT: Agareso amosounos un xornalismo útil
Despois de compartir aproximadamente mes e medio de traballo coa Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso), chegamos á conclusión de que están a facer un gran traballo social. Non porque o digan eles, que tampouco presumen diso, senón polo que vimos cos nosos ollos. Agareso é unha organización de tipo social, un grupo de xornalistas unidos por unha dimensión ideolóxica baseada na dimensión de crenzas dos seus integrantes. A súa dimensión tecnolóxica fai o seu éxito, a comunicación vese facilitada polo idioma e outro tipo de ferramentas tecnolóxicas engadidas (non anulan ó idioma, compleméntano) que estenden o seu achegamento a practicamente todo o mundo.
A dimensión económica non é o campo máis sobresaínte dentro desta comunidade, pero mantense grazas á súa forte dimensión social. Mediante a cooperación con outras ONGD’s consegue levar a cabo os distintos proxectos que deseñan. Á súa vez esta dimensión social ven impulsada pola converxencia dentro dunha mesma dimensión ideolóxica e de crenzas; as ONGD’s traballan pola igualdade, neste caso por dar voz aos invisibles. A converxencia de intereses fai que se compartan tanto causa como efecto, ao traballaren en conxunto. A causa de Agareso é acadar un cambio social a través da comunicación, combater as inxustizas existentes na “macrosociedade” na que se integra (a comunidade internacional), e polo que experimentamos estas semanas, o seu efecto sobre elas está a ser positivo. Pero máis que facer desaparecer parcialmente ditas inxustizas e marxinacións, o que fan é darlles as ferramentas ás distintas comunidades coas que traballan para que o consigan elas por si soas.
A dimensión política da asociación pasa por unha estrutura que vista desde fora semella xerarquizada. Hai unha serie de cargos pero, na práctica, a organización ten unha forma máis ben horizontal. Alí todo o mundo ten voz e ademais, esas voces, todas teñen valor independentemente do cargo da persoa. Iso é, polo menos, o que nós percibimos mentres estivemos a traballar con eles. Incluso a nós, que estabamos alí case como de “okupas”, dábannos a oportunidade de facer o que máis nos gustase e mesmo achegar ideas.
Ben é certo que as nosas actividades centrábanse en rexistrar o contido das actividades realizadas no Seminario de Xornalismo Social e Cooperación Internacional que imparten na nosa Facultade todos os martes – por certo, nós tamén aprendiamos co que alí se expoñía – pero aínda así, a persoa que se encarga do seminario, Carmen Novas, tennos animado nalgunha ocasión a participar igual que os alumnos que oficiais do seminario. Tamén tiñamos a sorte de, na hora do café, compartir conversas e impresións cos invitados e invitadas das diferentes organizacións. En todo caso, a integración foi absoluta. Tanto que mesmo recibimos a invitación para acompañalos ó cárcere de A Lama cós demais alumnos, xesto que agradecemos.
Aínda que o espazo no que ten a sede Agareso é Pontevedra, de feito alí teñen o seu estudio de radio, teñen tamén delegados noutros puntos da comunidade, ademais dos membros que están a traballar fóra de Galicia. O territorio onde desenvolve o seu traballo Agareso pódese dicir que se divide en dúas partes. Por unha banda, desenvolven proxectos en Latinoamérica. Por exemplo, nalgunha das sesións do seminario no que estabamos a colaborar, vimos algunhas imaxes das actividades de formación en radio que fixeron no Baixo Lempa, en El Salvador. Pero tamén traballan en Galicia, en proxectos como os que levan a cabo na prisión de A Lama, en Pontevedra, onde están a desenvolver un obradoiro de xornalismo (escrito) e outro de radio. Alí, por certo, puidemos comprobar como inflúen positivamente estas accións sobre os internos que, sobre todo, gañan confianza en si mesmos de cara á súa reinserción na sociedade.
Puidemos comprobar tamén como son as relacións das ONGD’s, entre elas e con outras institucións. Por exemplo, no caso de Agareso (e parece ser que sempre é así, tamén noutros casos) cando van traballar a outro país, sempre o fan con outra ONGD local. Algo moi importante, sobre todo porque as organización de alí son as que coñecen ben as circunstancias da comunidade e o contexto no que se moven. Así mesmo, Agareso e as súas actividades, igual que outras organizacións, dependen en gran medida dos orzamentos que para elas destinen os diferentes organismos públicos.
A verdade é que esta foi unha boa ocasión para ver dende dentro como é a relación dos diferentes colectivos cos medios de comunicación actuais, e como deberían de ser (segundo criterios das propias ONGD’s). A experiencia, polo menos para nós, resultou un éxito.
Por certo, este post redactámolo entre os tres membros do grupo:
- Deus Rivadulla, Alba
- España Faqué, José Antonio
- Leiro Magdalena, David
España Faqué, S2F, 2A4
ProT: Si, hai outra onda
Seguimos a traballar con Agareso, e esta semana con dobre xornada. Coma sempre repartimos o traballo entre os tres para realizar unha crónica escrita, fotografías, vídeo e reportaxe para a radio.
Para empezar, o xoves 12 de abril realizouse unha viaxe ao centro penitenciario de A Lama cos alumnos do Seminario sobre Xornalismo Social e Cooperación Internacional, no cal estamos a colaborar. Agareso invitounos a participar e aceptamos. Alí puidemos comprobar como os internos crean contidos para as 24 horas de emisión de A Radio cun acceso á información moito máis limitado que no exterior. Visitamos tamén a aula onde adquiren os coñecementos teóricos e finalmente, amosáronnos a biblioteca, onde tamén coñecemos como sacan adiante a revista “A Xanela” e, dende hai pouco “A Xaneliña”, unha versión reducida da anterior pero con maior frecuencia de edición.
O martes 17 celebrouse unha nova sesión do seminario a cal estivo dividida en dúas partes. Na primeira delas, Manoel Santos, director e co-fundador de www.altermundo.org, falou do movemento altermundista e de como os grandes empresarios dominan os medios de comunicación. A segunda parte estivo centrada na linguaxe non sexista, da que falou principalmente Belén Puñal, xornalista e investigadora en comunicación e xénero, e tamén sobre o tratamento que se lle dá nos medios ás mulleres do Sur, algo no que incidiu Lorena da ONGD Implicadas No Desenvolvemento.
España Faqué, S2F, 2A4
“ProT: AGARESO.” Rehabilitando soños no cárcere de A Lama.
Martes tras martes vamos debullando un pouco máis este seminario que hoxe chegou cargado de sorpresas e de bos momentos.
Hoxe era un día especial no seminario pois íamos ter a sorte de coñecer de 1ª man o proxecto que está levando a cabo AGARESO no centro penitenciario de A Lama xunto a colaboración da Fundación Barrié de la Maza. Pois é un estudio de radio onde un grupo de reclusos leva a cabo a emisora do cárcere. Natalia Puga que é a xefa do proxecto foi introducindo cómo se comezou e cómo se foi desenvolvendo durante os primeiros anos e que xunto con Sabela e con Montse foron instruíndo ós presos nas diferentes técnicas e tecnoloxías radiofónicas, así como clases de teoría e linguaxe de radio e incluso clases de redacción. Pero a cousa non acaba aquí pois a máis de ter programación propia con multitude de contidos tamén dispoñen dunha revista chamada “A Xanela” con toda a actualidade do centro.
Teresa, a subdirectora de internamento cre que este proxecto servirá para gañar habilidades sociais para o futuro dos reclusos.
Xunto con Diego, Carlos, Celia e máis Xesús fomos descubrindo cómo facer radio os foi atraendo cada vez máis, case coma unha droga, comentaban aínda que tivesen que elaborar eles mesmos todos os contidos da programación e con recursos reducidos. Aprender valores, saber comunicar e facer máis levadeira a condena son os froitos deste proxecto. A xornada rematou coa gravación na facultade do seu programa de tertulia “En otra onda” na que colaborou o público.
Leiro Magdalena
2A4
“ProT: O problema de non saber comunicar con respeto”
É a modo de continuación do Seminario do pasado 27 de marzo, que o meu compañeiro David Leiro non puido comentar enteiro por motivos de espazo, aquí relato a continuación a ponencia de Emilio Martínez, ex presidente da Coordinadora Estatal de ONGDs.
Emilio Martínez dounos un paseo pola historia das ONGDs e as técnicas de comunicación das asociacións cuxas razóns son a de sensibilización, recadación de fondos e o exercicio de presión política. Remarcou as campañas máis exitosas tales como a do 0,7 e contra as minas antipersoas, ademáis falou das malas prácticas dalgunhas asociacións como Intervida e a súa espiral da pobreza.
As ONGDs teñen diferentes técnicas publicitarias, Misións Salesianas cunha visión da man branca que axuda ao pobre e Intermón Oxfan, máis respetuosa. Tamén falou do caso ANESVAD que case consegue a súa expulsión da Coordinadora estatal de ONGDs por publicidade ofensiva.
A obriga deste tipo de asociacións e tamén dos comunicadores, é a de romper as estruturas que xeran desigualdade e para iso existe unha especie de Biblia das ONGDs, o informe de Pearson para o desenvolvemento económico. Falouse, como na segunda sesión do seminario, da situación económica e demográfica dunha serie de países pero neste caso en función do IDH (Índice de Desenvolvemento Humano).
Deus Rivadulla, Alba S1E 2A4
ProT: “AGARESO” Xornada intensa
Remata outro martes da man de AGARESO. Pouco a pouco nos fomos facendo un oco e gañándonos máis a confianza de todos, en especial de Carmen Novas, a coordinadora do seminario.Durante esta tórrida tarde de marzo o menú de hoxe comezou con dous pratos fortes. E como non son doados de dixerir o grupo decidiu partir o post en dous e adicarlle a semana próxima á segunda parte da xornada de hoxe, posto que durante Semana Santa non haberá seminario. Coma sempre ás 4 en punto da tarde comezou a xornada. Susana ía falar dun proxecto que levou a cabo AGARESO en colaboración coa Xunta, ACPP e Cordes en El Salvador. De seguido puxemos toda a nosa atención en Susana, que ía narrando en primeira persoa a experiencia vivida o verán de 2011, onde percorreu 7 escolas en 18 días, nunhas xornadas polos manglares do Baixo Lempa, de illa en illa e sen máis medios ca un equipo de radio do máis rudimentario co que experimentaban cós escolares que colaboraban a modo de xornalistas fortuítos. O obxectivo da viaxe era concienciar á poboación e especialmente ós máis novos na necesidade dunha pesca sostible nun marco de natureza sostible, tendo a radio como único medio de difusión, e sorteando toda clase de dificultades. Así de aldea en aldea foron falando dos diversos temas, tartarugas mariñas, auga, o punche (caranguexo local)… Desa maneira, coa axuda dun excombatente salvadoreño chamado “Pedro” e coñecendo o contexto do país e da rexión foron levando a cabo o seu obxectivo. O próximo ? Mellorar os medios no país.
Blog de AGARESO no Baixo Lempa: http://agaresobajolempa.blogspot.com.es/
Leiro Magdalena S2B, 2A4
ProT: Tarde de martes
Cada martes os meus compañeiros Toni España e David Leiro asistimos ao Seminario de Xornalismo Social e Cooperación Internacional de AGARESO con ACPP, e como poidestedes ver estas pasadas semanas os nosos traballos consisten en deixar constancia do que alí dentro se fala con todos os medios posibles.
Cámara, fotógrafo e cronista son labores que nos repartimos aleatoriamente cada semana pero realmente alí estamos aprendendo a importancia da nosa profesión no mundo da cooperación internacional e para as ONGD’S e sobre todo cómo debemos adaptarnos a ese mundo. É unha lección para o futuro pero todo o bo remata e quedan poucas sesións antes de entregar a nosa memoria.
A sesión do próximo martes 20 de marzo estará dispoñible na web de AGARESO e colgaremos o enlace no vindeiro post.
Deus Rivadulla, S1E, 2A4
ProT: Aproveitemos as sinerxías
Seguimos avanzando no noso traballo coaAsociación de Reporteiros Solidarios (AGARESO) no seminario de “Xornalismo Social e Cooperación Internacional” que se imparte na Facultade de comunicación todos os martes pola tarde. Esta vez Alba Deus encargouse de tomar notas do que aconteceu na sesión para a posterior elaboración dunha crónica e David Leiro encargouse da reportaxe fotográfica. Toni España encargouse da gravación audiovisual que despois será aproveitada tamén para unha reportaxe radiofónica. Por certo, xa está dispoñible na web de AGARESO a reportaxe sobre a sesión da semana anterior.
Esta semana a sesión comezou coa presentación dos traballos que están a facer os alumnos do seminario sobre diferentes temas relacionados coas ONGD. Isto ocupou aproximadamente a primeira hora e logo comezaron as exposicións dos relatores que desta volta foron: Francisco Raigón de Asemblea de Cooperación Pola Paz, Helena Capera da Coordinadora Galega de ONGD e Xosé Cuns da Rede Galega de Loita contra a Pobreza.
Tanto Helena Capera como Xosé Cuns falaron da necesidade de que as ONGD se coñezan e se comuniquen entre elas sobre todo para aproveitar as sinerxías e facer máis forza á hora de levar a cabo proxectos ou mesmo de solicitar axudas. Por outra banda, tamén fixeron mención a que unha boa coordinación das ONGD evita que se solapen funcións ou que se dupliquen funcións innecesariamente.
España Faqué, S2F, 2A4
ProT: AGARESO, Comunicación e desenvolvemento
Día 1 con AGARESO. Apenas dous ou tres minutos pasaban das catro da tarde cando a aula 0 da nosa facultade se remataba por encher. Por diante tiñamos catro horas de Seminario. Cada membro nos seus postos, Toni á cámara de vídeo, Alba á fotografía e un servidor anotaba o desenvolvemento da clase.
A exposición comezou cun vídeo no que se mostraba un “efecto mariposa” realizado cunha moeda que exemplificaba onde van dirixidos os fondos que administra unha ONGD (Organización Non Gobernamental para o Desenvolvemento). Ó rematar, Paco, o “profe”, ía introducindo o tema comezando por definir cooperación e desenvolvemento, e unha vez aclaradas proseguiu cunha cronoloxía da orixe das organizacións para o desenvolvemento e a cooperación e das ONG’s , que se orixinaron a mediados do século XIX nun principio ligadas a movementos relixiosos e cristianos, pero que co paso do tempo se foron independizando.
Proseguimos con comparativas, para ver en que estado se atopaba a inversión en proxectos de desenvolvemento e comprobamos que moi poucos países e autonomías chegaban ó 0’7% . A raíz dese tema falouse de que as ONG’s polo xeral non saben comunicar ou que o fan mal, e de aí o medo a colaborar xa que se pensa que non se xestionan ben os fondos dos que dispoñen.
Na 2ª parte continuamos con metodoloxía e logo explicáronse os obxectivos dun proxecto de colaboración. O día rematou cun documental sobre Palestina.
Leiro Magdalena, S2B, 2A4