Arquivo do blog

Isto é un atraque

Dous foron os transatláticos que arribaron hoxe á Estación Marítima de Vigo: o AIDAluna e o Independence of the Seas. Esta escala múltiple desembarcou na cidade olívica un total de turistas que ronda as 6.000 persoas, mentres que a tripulación de ámbalas naves se achega á cifra de 2.000. O presidente da  Autoridade Portuaria, Ignacio López-Chaves, aproveitou este encontro turístico para anunciar que este ano os vigueses verán outros 12 atraques múltiples con dous, tres ou incluso catro cruceiros repletos de pasaxeiros que atendan as súas ganas de mercar no centro comercial A Laxe ou no mercado da Pedra, pasando polos restaurantes a meterse unha boa tapa de mariscada. Estas embarcacións chegan xuto despois de que onte fixese escala no mesmo porto o Oceana, que transportaba preto de 2.000 persoas a bordo, dende Valencia ata Southampton.

Turistas do Oceana onte en A Laxe

Estas tres visitas tan impresionantes, tanto para a economía costeira como para a vista dos curiosos, son parte das 110 escalas de transatlánticos acordadas pola Autoridade Portuaria. Esta cifra sería algo menor ao do ano 2011, que destacou por contar con 118 atraques turísticos desta envergadura. Sen embargo, a pesar deste descenso no número de escalas, o total de turistas previsto para este ano 2012 non deixa de ser importante: uns 266.000.

E así é cómo Vigo abre as súas portas marítimas ao mundo: ofrecendo escalas a navíos máis que repletos de estranxeiros (na súa maioría xubilados cun forte desexo de ver mundo) que son guiados, igualiño ca tenreiras ao matadoiro, cara as tendiñas, bares e restaurantes que forman as zonas máis ricas do centro urbano. Estas visitas, que apenas duran unhas horas, aprovéitanse pouco ou nada dos verdadeiros encantos vigueses, como son o descoidado Casco Vello ou as praias. Porque, sexamos sinceiros, os que realmente non saben nada de Vigo son os que veñen de rebote ou, en palabras máis na onda da xerga da Autoridade Naval, de escala.

Pereira Vila, Jorge CL4X