Arquivo do blog

‘Cita co alcalde’

Vilalba. É un mércores calquera, día laborable, cara ó mediodía. O alcalde, popular, Gerardo Criado, non está no seu despacho, nin inaugurando nada, nin sequera tomando uns viños cos seus conveciños. Non. Está sentado nun estudio, concretamente no da emisora local, Radio Principal Vilalba Cadena Ser. E para que? Para respostar ás dúbidas, peticións e queixas que os cidadáns lle formulan, case sempre por vía telefónica, no xa tradicional espazo dialogal ‘Cita co alcalde’.

Este modelo de comunicación entre administrador e administrados é un claro e válido exemplo de estratexia relacional, sempre e cando nos refiramos a pequenas ou medianas localidades. Nesta fórmula comunicativa recíproca é o cidadán (entendido como persoa, non como ‘habitante dunha cidade’) o que solicita a presenza do máximo representante do poder local para interrogalo, sen que este saiba de antemán ó que se vai enfrontar, algo que aporta interese, dinamismo e veracidade ó improvisado diálogo.

Certo é que non é unha solución perfecta, por moitos e variados motivos. Non están representadas tódalas forzas políticas que participan do xogo do poder, non hai un control exclusivo do tempo radiofónico (non pode entrar boa parte das chamadas e os afortunados que si poden falar teñen un marco reducido para expoñer a súa cuestión) e, un factor importante que xa sinalabamos anteriormente, soamente é aplicable a municipios demográficamente pouco extensos, xa que, por poñer un exemplo, se isto se fixese co alcalde de Barcelona, o caos na rede telefónica podería chegar a ser inmenso.

Aínda así, e tal e como vai o mundo no que vivimos, este método podería mellorarse coa aplicación das novidades informáticas, a través de redes como Twitter ou Facebook que facilitarían e abaratarían o contacto directo co, neste caso, representante municipal. Queda moito futuro por diante, pero se se comeza a actuar deste xeito, seguramente melloren as relacións entre poder, medios e cidadáns para construír unha sociedade máis preparada, informada e, sobre todo, equilibrada.

Baruk Domínguez Grandío

CLX4