Arquivo do blog

Ctrl+C Ctrl+V

A web de Faro de Vigo destaca especialmente pola labor de redacción das súas entradas online e polo deseño atractivo e sumamente lóxico da interfaz. Nah. Era broma, por suposto. A páxina do Decano da prensa nacional é unha reunión bastante recortada (eu máis ben diría “amputada” ou “calcinada”, que soa moito mellor) da colección de noticias que rechean a edición en papel. Así, mentres unha noticia tan importante coma a do rexeitamento da Lei de Área Metropolitana por parte do alcalde Abel Caballero, é un calco dunha reseña brevísima sacada de Europa Press. Se temos que confiar en alguén que se preocupe pola política da cidade, ¿qué mellor que unha axencia de noticias nacional? ¿”Faro de Vigo”? Mellor renomeamos a edición dixital baixo o nome de “CopyPaste de Vigo”.

Aquí non acaba a cousa: Na edición do mesmo día temos outra noticia relativa á alcaldía, desta vez sobre o investimento de 14 millóns de euros no arranxo de rúas urbanas. Desta vez a noticia vén copiada de cinco paragrafiños da axencia EFE, un medio internacional, que non local. Nin detalles, nin comentarios, nin contraste, nin dúbidas, nin exposición. De ser alguén foráneo de Vigo, pensaría que este é un comunicado oficial da oficina do mesmo Concello, e dalgún xeito invitaríame a pensar que estas rúas precisan un repaso urxente. Non se trata disto, por suposto, pois estamos ante información de segunda man e os criterios da alcaldía para realizar esta inversión son máis ou menos discutibles. ¿E qué se pode dicir da renovación das infraestruturas destas rúas, en teoría, obsoletas? Só as rúas de Menéndez Pelayo e a do Doutor Marañón precisan dun reaxuste urxente dende hai anos, mentres que o único mellorable en rúas coma a de Brasil e a de Aragón son as beirarrúas. Iso si, xerará emprego, un emprego que durará os meses que duren as obras, entre desvíos de tráfico, retrasos e queixas de veciños polo ruído da maquinaria. E sen esquecernos do dato que fai que nos piten os ouvidos: ¿Gastaranse ben eses 14 millóns de euros? ¿Realmente precisamos facer este tipo de investimentos coa que está caendo?

Como axente activo do crecemento da cidade, o xornalista debe preocuparse por coñecer e facer saber o que afecta á súa comunidade. Recibir información dun espectador alleo ao que sucede a pé de rúa, sexa EFE ou Europa Press, é o mesmo que te-los ollos vendados. Hai que levantarse, saír a pola noticia, completar información e preocuparse por que o cidadán reciba, comprensa e reaccione ante o que sucede. Hai, en definitiva que estar inquieto, ser un fervellasverzas. Hai que ir máis aló da profesión e dicir como naquelas pelis de tiros: “Isto xa é persoal“.

Pereira Vila, Jorge CLX4

Prioridades

A alcaldía de Vigo, a Xunta e mailo Ministerio de Fomento seguen aportando ideas para o Centro Vialia Estación de Vigo que nunca chega. Aparecen castelos no ceo: coma dúas liñas ferroviarias que unan o aeroporto de Peinador e o campus (“montus”) universitario coa futura estación do AVE, ou unhas escaleiras mecánicas que comuniquen a megaconstrucción coa rúa García Barbón. Nesta orxía de proposicións, nun brainstorming idealista, dan por sentado que a maior parte dos fondos da construción proverán do sector privado máis ca da Administración por ter esta “limitacións no escenario actual”, segundo o Secretario de Estado de Infraestructura, Transporte y Vivienda Rafael Catalá. Con todo, é difícil crer que esta estrutura de máis de 122.000m², aínda en fase embrionaria e contando cun presuposto que ascende a case 182 millóns de euros, poida estar operativa para 2014. Con sorte, todo isto pode ser bastante rendible e poderá dar traballo  a moita xente.

Centro Vialia de Vigo, deseñado por Thom Mayne

E xa que falamos de traballo: Máis de 370 residentes en Vigo levan agardando a resposta á súa solicitudes da Renda de Integración Social de Galicia dende novembro. A Xunta non pode cubrir a tódalas persoas desempregadas en risco de exclusión social e, sen embargo, segue a investir gran parte dos seus fondos na realización de proxectos tan inimaxinables como a estación Vialia ou, en dous casos pantagurélicos, a Cidade da Cultura do monte Gaiás e Marineda City.

Estas dúas noticias levan a pensar que é máis importante o dinamismo do mercado cao benestar dos máis necesitados, aqueles máis afectados polos prexuízos sociais. Se este é o plan que vai definir os próximos anos, non sería de estrañar que os centros comerciais e as zonas de compra vaian se-los lugares de reunión dos novos mendigos, dos novos parados, que madrugan para gañar algúns cartos apostándose preto de tendas abarrotadas ou rúas comerciais. Logo moitos laiaranse de non sentirse seguros nas rúas porque está todo cheo de pobriños esmoleiros que fan feo no centro da cidade, sexa na rúa Príncipe de Vigo ou na Zona Nova de Santiago.

A prioridade, sen dúbida, deben ser os podentes.

Pereira Vila, Jorge CL4X