Arquivo do blog

COFFEE AND CIGARRETTES: Encontros non tan rutinarios

“Coffee and cigarrettes” (Jim Jarmusch, 2003), trátase dun filme que contén varias historias curtas nas que, sempre cun café e un cigarrillo polo medio, distintas persoas teñen diferentes conversas. Como a vida mesma.

Coffee and Cigarettes

Vivimos ás présas, traballamos ás présas e inclusive ás veces tomamos o café ás présas; mais é ás veces que un se para durante uns minutos e saborea a feitura dun café ou o respirar do tabaco cando te das conta de que non todo é correr, e que hai conversas que merecen ben a pena. Máis que dous vicios ou dous hábitos eu denominaríaos coma dous tipos de relación social.

Cando quedas para tomar un café con alguén, sabes que é para falar máis aló do bo/malo que este está –exclúanse de aquí os “cafés de oficina” e a súa variante “cafés de facultade”-. Cando os fumadores saen fumar eles dirán, mais eu creo que é tamén algo máis ca o meterse nicotina con aditivo no corpo: meterse comunicación (falada ou non) na vida.

Amósase nas historias unha realidade silenciosa, case mística, onde os persoaxes apenas se comunican oralmente mais que transmiten seus sentires e emocións desbotando a súa realidade interna de xeito miserable. A comunicación nalgunhas historias parece como desconfiada, allea, e inclusive ás veces as personaxes se amosan escépticas ante elementos intrusivos na súa cotidianidade. O café, os pitillos, son case un xeito de canle comunicativa, o xeito de bebelo, o xeito de fumalo… (comprobádeo se queredes aquí)

http://www.youtube.com/watch?v=eEv18HZYBaQ

MAIS COIDADO, o café en exceso non é bo, e fumar din que mata. E diredesme: “de algo hai que morrer!”

E teredes razón.

GÓMEZ SAL, LUCAS. BCP 203

RAQUEL PAIVA: Política de minorías

raquelpaiva

Din que galego e portugués é a mesma lingua. Eu digo que é parecida, e tiven que ler este texto na lingua veciña, na lingua irmá. O mesmo versa sobre os pequenos grupos anti ou contra-hexemónicos e os seus focos de acción a atitudes. Fala tamén sobre a violencia que chegan a exercer, do “terrorismo” (palabra tan maldita e desambiguada nestos tempos) e do papel preponderante que xoga a media –os medios de comunicación- no devir destos grupos non inxeridos dentro dos sistemas establecidos como normais. Expoño agora a miña mini-tese argumentada dende o punto de vista que creo debemos tomar, o da propia media.

Non nos damos conta mais algún día, algún de nós (agardemos polo menos os bos) será xornalista. Bonito non é saír da carreira e traballar para un medio que te teña traballando 10 horas diarias, 6 días á semana e cobrando 900 euros. Menos bonito é facelo para escribir o que un señor –dirixido por un puñado de xente que manda máis ou dirixido por un taco (ou un par) de billetes- manda.

A que ven todo isto? Non iamos a falar de política de minorías? Certo é, e creo que non me equivoco dicindo que a existencia destas e a súa relevancia no devir da sociedade pasa en grandísima parte pola aparición que teñan nos medios de comunicación. É isto precisamente o que pode levar a algunhas xentes a exercer a violencia, e é así porque A VIOLENCIA SI SAE NOS MEDIOS. Quen vai escoitar aos tolos de Resistencia Galega dando un discurso na televisión? En cambio se queiman uns contedores de seguro que son chamados polo morbo mediático.

A culpa de quen é? (“do PSOE e do PP!!”) A primeira culpa é a da sociedade e os seus intereses. Mais como a liberdade é innegociábel –ou así debería selo- para todo ser humano, debemos ser nós, OS XORNALISTAS, quen aportemos a nosa pedra xigante para dicir o que entra e o que non, para dar un tratamento xusto e plural ás noticias, sen venderse aos intereses económicos e sendo moral e ideoloxicamente independentes.

“Se non tedes sachos traguémolos nós, arados de ferro e kalashnikovs” dicía unha canción. Que non faga falla a súa utilización. Con cabeciña.

GÓMEZ SAL, LUCAS. BCP 203