Arquivo do blog
De negros e de homes
Atención! Refúxiense todos na súa casa e non saian! Hordas de subsaharianos famentos veñen a saquear a nosa grande e libre nación (deixémolo mellor en país), a ocupar os nosos postos de traballo e a roubarnos as nosas mulleres. Iso é o que parecen vendernos portadas como a publicada hai uns poucos días polo diario El País. U-lo diario de esquerdas e progresista que levaba o mesmo nome? Iker Jiménez saberá.
Posto que o noso proxecto tratará sobre os emigrantes retornados, coido que analizar o que está pasando en Ceuta e Melilla é pertinente para o contido deste post. Analizar o xeito en que se está a crear unha alarma social innecesaria para facer de menos ao escándalo do ocorrido recentemente. Mentres hai persoas afogando e sendo disparadas polas autoridades españolas cando tratan de manterse a frote, os nosos medios de comunicación deciden que o importante é que hai moitos africanos que queren vir a Europa. Cousa estrana. Por que quererán fuxir da miseria na procura dun futuro próspero? Como é esta xente de cor…
Non quero soltar parrafadas moralistas, pero se algo teño claro despois de traballar con persoas emigradas é que ninguén o fai por pracer. Por iso, as actuacións de autoridades e medios de comunicacións estes días me repugna por inhumana. Xustifícanse mortes coma se a vida dun inmigrante valese menos cá de calquera dun de nós. Como xornalistas en potencia, cómpre ter claro que o soño dunha prensa veraz e crítica se esvaece cada día máis. Abondan as mostras.
Como o espazo deste post é limitado, déixovos dúas ligazóns por se queredes ler máis sobre o tema: en primeiro lugar, un texto extraído do blog dun periodista, José Luis Sastre, que é quizais o máis realista e duro que lin sobre o tema. En segundo lugar, algo máis distendido. Unha forma graciosa de quitarlle ferro á portada noxenta que abre este post. Un artículo humorístico de PlayGround Magazine sobre a reacción suscitada en Twitter por dita portada.
Ramos Cernadas, Francisco Javier 143 C01